Custodia de praias

A custodia do territorio pode definirse como un conxunto de estratexias e ferramentas que pretenden implicar á sociedade na conservación da natureza e a paisaxe. O interese por esta estratexia de conservación está a ter un incremento significativo nos últimos anos na sociedade en xeral, e dende o 2008 na galega en particular.

As praias son contornos naturais que abranguen unha elevada riqueza paisaxística, faunística e florística, desapercibida para moitos, e que debe ser coidada e protexida. Por desgraza, non son alleas ás alteracións que comprometen a persistencia dos seus valores naturais. Deste xeito, problemáticas como a presenza de especies exóticas (como é o caso, entre outras, do Carpobrotus), os vertidos de orixe industrial e o lixo presente nos areais, fan necesaria a posta en marcha de iniciativas co gallo de preservar unhas condicións óptimas nestes espazos que, en definitiva, son para o goce de todos.

Por este motivo, o G. N. Hábitat está a desenvolver o proxecto Custodia de Praias, establecendo alianzas con entidades e centros de ensino para favorecer a conservación dos areais baixo o marco da custodia do territorio, e a través da posta en marcha de accións coordinadas.

Para saber máis sobre este proxecto, podes consultar a páxina web custodiadepraias. Segue lendo...