Aves mariñas


Este inverno está a ser moi duro para as aves mariñas, especialmente os álcidos: non deixan de chegar ás nosas costas cadáveres, e algún que outro individuo moribundo (Ver nova da SEO).

¿Está a haber unha mortandade elevada de álcidos? ¿Cantos terán morto, aproximadamente, de cada especie? ¿Cómo poderá afectar ás colonias de cría? ¿Morren de inanición ou hai outras causas? ¿Pódese apreciar algún patrón nestas arribadas (distribución xeográfica/temporal de especies)? ¿Mantense o patrón de migración diferencial en función da idade e o sexo detectado durante o episodio de mortandade masiva causado polo Prestige?

Pois para responder a estas e outras preguntas, membros de Hábitat están a levar a cabo diferentes accións, que detallamos a continuación. Se queres participar nalgunha delas, só tes que contactar connosco.

Recompilación de citas

Estanse a recompilar citas tanto de individuos vivos como mortos (destes últimos tamén fotografías para poder determinar polo menos a idade), en Galicia desde o 1 de xaneiro de 2014, para poder avaliar a magnitude dos efectos do mal tempo nas aves mariñas. Se tes algunha cita é importante que a comuniques en Galiciaves, no noticiario NOG, ou por correo electrónico a Hábitat.

Recolección de aves

Tamén estanse a recoller as aves vivas e mortas que aparecen abeiradas nas praias.
Se atopas un ave viva, contacta co Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe más cercano. No caso de que non estivesen, recóllea con coidado, mellor tapándoa cunha toalla para que non se asuste e non mancala, e métea nunha caixa de cartón. Lembra deixar un respiradoiro, e poñela nun lugar silencioso e escuro para que non se estrese.
Se atopas cadáveres nas prairas, agradecémosche que nos avises por teléfono (699 817 143), correo electrónico, Facebook, ou ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe más cercano.
Realizar necropsias dos individuos mortos aporta información valiosísima sobre as causas da morte e a estrutura poboacional das especies.

ICAOs

Significa Inspección Costera de Aves Orilladas, e consiste en prospectar praias e tomar nota das aves que se atopen. Isto vale para coñecer que pasa no mar, en base ao que atopamos na costa. A participación é moi sinxela: un simple paseo pola praia, anotando nesta ficha unha serie de características (praia, hora, marea, extensión percorrida...) e as aves que se atopen mortas. Pódense facer independentemente en calquera momento, pero de cando en vez organízanse ICAOs coordinadas para ter unha mellor prospección da costa.

A vindeira ICAO coordinada en toda a costa norte Ibérica (Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi) será o sábado 15 de marzo. Como o domingo 16 terán lugar os censos de praias do proxecto FAME, tamén se extende a este día as ICAOs coordinadas.

Para non repetir praias é importante coordinarse, así que se vas participar, agradecemos que nos avises, indicando nome completo, praias a prospectar e un móbil de contacto. Se ademais queres estar cuberto polo seguro que SEO/Birdlife xestiona para os voluntarios nesta actividade, deberás indicar teu número de DNI.

As praias que xa están cubertas, e que non deben ser prospectadas para evitar duplicidades, son: As Catedrais (Ribadeo), Reinante, Benquerencia e Altar (Barreiros), e Llas (Foz), Esmelle e Doniños (Ferrol), A Barra (Ponteceso), Traba e Laxe (Laxe), Seiruga e Malpica (Malpica), praias do Val Miñor desde Cuncheira (Baiona) ata Patos (Nigrán).

Se esta fin de semana día podes dar un paseo pola praia e cubrir a ficha (aínda que non atopes nada), estarás aportando o teu gran de area ao coñecemento do medio mariño.

Información útil 

Aquí podes descargar unha breve guía para coñecer a idade dos álcidos.
Se che interesa o tema en profundidade, consulta este manual de avaliación do impacto dos verquidos de petróleo nas aves mariñas, no que se detalla como facer necropsias, como identificar e datar especies, etc.

Prensa

Noticias La Sexta 1-3-14:


El otro Prestige de las aves marinas. El País 7-3-14
A ría convértese en refuxio para as aves. La Voz (Vigo) 16-2-14 Segue lendo...