Anelamento



¿Qué é o anelamento científico de aves, e para qué vale?

Se queres coñecer a resposta a esta e outras preguntas, convidámosche a ler os artigos de SEO/Birdlife sobre o tema:

Por fin, 60 años de anillamiento en España en una herramienta web
¿Qué es el anillamiento científico de aves?
Conoce las sorprendentes historias de las aves más viajeras

Ademais, podes usar as seguintes ferramentas para coñecer datos concretos acerca de diferentes especies:

Anillamiento SEO
La migración de las aves



Gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) das Illas de San Pedro (A Coruña)

O G.N.Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Hércules, está a desenvolver dende o ano 2010 unha serie de actividades que forman parte da dinámica de traballo desta entidade, en prol do estudo, protección e divulgación do medio natural galego. As actividades consisten no anelamento, seguemento e análise da información obtida de exemplares de gaivota patiamarela (Larus michahellis) que crían nas Illas de San Pedro.

O anelamento científico é unha importante ferramenta para o estudo das aves. A metodoloxía, baseada na inofensiva captura e posterior marcado, acada individualizalas para o seu recoñecemento por simple observación no caso de anelas con códigos de cores.

Este anelamento permite estudar dunha forma científica as dinámicas poboacionais e as migracións das aves, a través do recoñecemento individual que permita a correcta interpretación das observacións. Toda a información recollida mediante o anelamento gárdase nun banco de datos. Deste xeito, chegamos a coñecer datos tan sorprendentes como que as andoriñas que crían nas nosas casas poden viaxar ata Sudáfrica para pasar o inverno!

A gaivota patiamarela supón unha das especies mais representativas e comúns do entorno da cidade da Coruña, sendo a elixida como obxectivo para o análise e seguemento das súas poboacións, cuxos resultados permitirán no só coñecer o destino das gaivotas “coruñesas”, senón que proporcionarán ademáis unha gran cantidade de información científica de interese biolóxica.

O proxecto persegue unha serie de obxectivos básicos, que podemos resumir en:
  • Documentar o historial vital de cada un dos individuos anelados grazas ás citas de avistamentos.
  • Comunicar e informar aos observadores do historial vital dos individuos que teñan recoñecido, fomentando a colaboración participativa no proxecto.
  • Posibilitar o coñecemento e estudo dos patróns de movemento dos exemplares anelados nas Illas de San Pedro.
Para a realización das actividades, lévase a cabo o acceso en barco ás Illas na época de cría. Unha vez alí procédese á captura e marcado mediante anelamento dos polos de gaivota patiamarela que sexan capturados durante as xornadas. Os polos capturados márcanse cunha anela de cor verde dotada dun código alfanumérico en cor branca e visible a longa distancia. Ademáis, xunto con esta anela de cor colócase tamén unha anela metálica, habitual neste tipo de controis.

Os códigos das anelas verdes comezan coas letras “ZR”, que designan a área e colonia, seguidas dun díxito e unha letra en maiúscula que especifican ao individuo. Por exemplo: ZR0A

É de resaltar que, grazas ao traballo que se ven realizando, un total de 96 polos de gaviota patiamarela foron xa anelados. E os resultados están a ser moi satisfactorios grazas á implicación dos colaboradores, sendo xa numerosas as citas que van chegando dende diferentes puntos da xeografía galega, e incluso portuguesa, evidenciando que as nosas gaivotas andan a moverse nun amplo entorno e son perfectamente identificables. Neste artigo da Mobella 19 (2012) expóñense os datos dos que dispoñemos polo de agora.

Dende o G.N.Hábitat invitámosvos a participar nesta iniciativa e remitir as citas e fotos dos avistamentos que vaiades facendo. Todas elas podédelas enviar ao correo electrónico do G.N.Hábitat: gnhabitat@yahoo.es, indicando no asunto “avistamento ZRXX”. No texto do correo deberedes indicar o nome e apelidos do observador (ou observadores), a data da cita (día, mes e ano), o lugar da mesma (localidade e concello) e as coordeadas , de xeito similar ao exemplo amosado na seguinte figura:

Consello: se buscades a localización en google maps, cando xa a teñades, facendo click con botón dereito do ratón desprégase unha lista con varias opcións. Se picades na que indica “¿qué hay aquí?“, aparecerán automáticamente as coordeadas no buscador.

Tamén podedes comentar calquera outra información que consideredes importante (datos sobre a plumaxe, etc.). As fotos podédelas adxuntar no mesmo correo.

A historia vital dos exemplares enviarásevos no menor tempo posible. E se xa estades a colaborar co proxecto, moitísimas grazas, e seguide así!, as vosas aportacións son esenciais. Segue lendo...