2ª xornada co Voluntariado ABANCA: Traballando pola mellora do patrimonio natural


O vindeiro sábado 2 de abril, ao mesmo tempo cos compañeiros da Coruña, o Voluntariado ABANCA de Pontevedra desenvolverá a que será a segunda xornada da iniciativa "Traballando pola mellora do patrimonio natural", centrada tamén na plantación de especies botánicas autóctonas: castiñeiros, carballos, érbedos e bidueiros, entre outras.

A xornada contará coa colaboración da Comunidade de Montes de Coruxo e o Colectivo Matogueira.
Segue lendo...

1ª xornada co Voluntariado ABANCA: Traballando pola mellora do patrimonio natural


O vindeiro sábado 2 de abril comezamos o ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural, recollidas na inciativa "Traballando pola mellora do patrimonio natural"

Nesta primeira actividade, o Voluntariado ABANCA da Coruña levará a cabo unha xornada centrada na plantación de especies botánicas autóctonas, con especial fincapé nas froiteiras (maceiras, cerdeiras e pereiras) e sebes, como elementos de riqueza paisaxística e de enriquecimento da biodiversidade agraria.

A xornada contará coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Calfensa medioambiente e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
Segue lendo...

Traballando pola mellora do patrimonio natural: ABANCA Obra Social - G.N.Hábitat


ABANCA Obra Social, coa participación do G.N.Hábitat, porá en marcha proximamente un ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural galego. Baixo o título “Traballando pola mellora do patrimonio natural” desenvolveranse diferentes actividades nas catro provincias galegas, que serán levadas a cabo polo Voluntariado ABANCA en prol do medio ambiente, baixo a xestión do G.N. Hábitat e da man de diferentes entidades colaboradoras.

A iniciativa, eminentemente práctica, comezará no mes de abril de 2016, sendo froito da aposta de ABANCA pola participación activa na conservación e protección da natureza, a través da coñecida como Responsabilidade Social Corporativa, área prioritaria desta entidade.

O compromiso co medio ambiente enténdese como un deber que nos afecta a todos, en tanto que é toda a sociedade a beneficiaria duns valores naturais que compre legar ás xeracións vindeiras no mellor estado posible. Este compromiso supón ademais unha relación de simbiose, xa que nela todos os axentes implicados chegan a saír beneficiados: o espazo no que se traballa, facilitando a súa perdurabilidade, e os implicados na súa conservación, gozando da satisfacción e beneficios persoais (físicos, e mesmo anímicos) que reporta o contacto coa natureza. Nesta liña, a Responsabilidade Social Corporativa está a supoñer hoxe día unha magnífica ferramenta, grazas a cal as empresas contribúen de xeito activo e voluntario á mellora non soamente económica, senón tamén social e ambiental da sociedade da que forman parte.

Proximamente iremos anunciando as diferentes actividades que se porán en marcha. Agardamos que sexan do voso interese.
Segue lendo...

Proxección do documental "Nas ás da noite"


O vindeiro domingo 20 de marzo ás 11:00h os socios e simpatizantes do G.N.Hábitat estamos convidados a participar dun pase exclusivo para ver o documental de recente estrea "Nas ás da noite". Unha estupenda ocasión para facer un encontro entre compañeiros da asociación.

«Nas ás da noite» é un documental para planetarios sobre as migracións das aves. Desenvólvese en varias escenas que percorren a historia do noso coñecemento destas viaxes, os mecanismos que empregan as aves para guiarse ou a íntima relación dalgunhas delas co firmamento nocturno. A produción combina espectaculares animacións dixitais e secuencias en vídeo a toda cúpula gravadas en diversos espazos naturais de Europa, desde os fiordes noruegueses ou os pantanos de Diepholz, en Alemania, ata os principais humedáis da Península Ibérica.

O documental, producido polos Museos Científicos Coruñeses, o Planetario de Pamplona e o Parc Astronòmic Montsec Ager de Lleida
, conta con numerosas participacións e colaboracións, entre elas a de Antonio Sandoval, socio e compañeiro de Hábitat experto en aves.

Cuestións de interese:

- A actividade é gratuíta e está dirixida aos socios e simpatizantes do G.N.Hábitat. Lémbrase que "Simpatizante do G.N.Hábitat" é aquela persoa que non sendo socia da entidade xa ten asistido a algunha das nosas actividades e/ou figura incluida na nosa lista de difusión.

- É imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


- As prazas son limitadas: aforo de 79 butacas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes cos demais solicitantes (simpatizantes da entidade). En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cumplimentar o formulario non asegura praza na xornada.

- Data límite para a reserva de praza ata as 13:00h do xoves día 17 de marzo de 2016. Rematado o prazo o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade, á maior brevidade posible.

- As inscricións enviadas fóra de prazo pasarán a formar unha "lista de espera", que será utilizada para cubrir as prazas que puidesen quedar vacantes. Novamente, o G.N.Hábitat confirmará a queles desta lista que fosen tamén admitidos.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es

Máis información:

- Trailer do documental «Nas ás da noite»
- Web dos Museos Científicos Coruñeses.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas_marzo 2016: O futuro dos nosos peixes e o escenario actual da pesca no Atlántico


O vindeiro xoves 17 de marzo ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat, terá lugar unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas. Baixo o título "O futuro dos nosos peixes e o escenario actual da pesca no Atlántico", Lucía Martínez, responsable da área de pesca da organización Ecologistas en Acción, virá a falarnos de diferentes cuestións de actualidade:

- A Política Pesqueira Comunitaria e a súas implicacións para o sector pesqueiro.
- TACs e cuotas: o reparto das posilibidades de pesca no Atlántico.
- ¿Qué podemos facer como consumidores? Iniciativas de consumo sostible de produtos do mar.

A xornada é gratuíta e aberta ao público. Así todo, é imprescindible reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:


As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes co resto de solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación (aforo do local).

Data límite para a reserva de praza ata as 13:00h do mércores día 16 de marzo de 2016. As solicitudes enviadas fóra de prazo pasarán a unha "lista de espera". Rematado o prazo de inscrición previa, o G.N.Hábitat confirmará por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade. O feito de cumplimentar este formulario non asegura praza na xornada.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es
Segue lendo...

Xornada de contacto coa natureza: domingo 13 de marzo de 10 a 14h.


O vindeiro domingo 13 de marzo, de 10 a 14h, levaremos a cabo unha "Xornada de contacto coa natureza", coa posta en marcha de diferentes iniciativas dirixidas á mellora da biodiversidade agraria no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Ao longo da mañá, coa meteoroloxía moi probablemente da nosa parte, centraremos os esforzos na:

- Plantación de especies botánicas autóctonas.
- Xestión de microhábitats beneficiosos para a fauna.
- Posta en valor da riqueza deste espazo e dos traballados de investigación desenvolvidos nel.

A xornada é de balde e está aberta ao público, sendo imprescindible a reserva de praza a través do formulario de inscrición elaborado:


As prazas son limitadas: máximo 20 participantes. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada, cubríndose o resto das prazas vacantes co resto de solicitantes. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.

A data límite para a reserva de praza é ata as 15:00h do venres día 11 de marzo de 2016. Unha vez pechado o prazo de inscrición, confirmarase por correo electrónico a todos os admitidos finalmente na actividade, indicando nel a hora e lugar de encontro, e demais cuestións de interese. O feito de cumplimentar o formulario non asegura praza na xornada.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en gnhabitat@yahoo.es

Anímate e participa!
Segue lendo...

Hábitat amplía a súa presenza nas redes sociais. Novos perfís en Twitter e Instagram

Dende o Grupo Naturalista Hábitat estamos a facer un gran esforzo para afianzar a nosa presenza en internet, e por iso comprácenos anunciar que xa dispoñemos de contas nas redes sociais Twitter e Instagram. Así mesmo, estamos a traballar nunha nova web que esperamos facer pública nos vindeiros meses.

Xunto co presente blog, a nosa páxina de Facebook e a nosa canle de Youtube, pretendemos que cada día sexa máis fácil estar ao tanto das actividades que imos desenvolvendo dende o G.N. Hábitat, e desta maneira reforzar o noso compromiso principal coa divulgación e conservación da natureza.

Vémonos nas redes!

Segue lendo...

EXPEDICIÓN GALICIA, un desafortunado xeito de achegarse á natureza galega

O Grupo Naturalista Hábitat, xunto cos colectivos ADEGA e GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes), solicitamos á compañía da radio-televisión pública de Galicia (CRTVG) a retirada do programa da TVG de recente estrea “Expedición Galicia” (ligazón). Instamos tamén á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DXCN) a que vixíe o cumprimento da lexislación ambiental nas actividades desenvolvidas neste programa, e a que tramite con rapidez e dilixencia as denuncias das agresións ambientais que poden verse tanto no “trailer” do programa como no seu primeiro capítulo.

A TVG vén de presentar un novo programa que baixo o título de “Expedición Galicia” presenta a unhas persoas percorrendo diferentes lugares do territorio galego e no que, entre outras actividades, levan a cabo prácticas de supervivencia. No “trailer” deste espazo, que pode visualizarse na sección de videos da súa páxina na rede social Facebook (ligazón), podemos ver como vadean un río cun 4x4, comen crúa unha ra dos regos (Rana iberica) incluída no Catalogo Galego de Especies Ameazadas, ou esfarelan un formigueiro para coller material seco co que facer un lume.

Tralo visionado do primeiro capítulo emitido o día 23 de febreiro, poden verse claramente diferentes agresións ambientais sancionables atendendo á lexislación vixente, como son a destrución dun niño de formigas, prender lume nun lugar non habilitado para a súa realización con seguridade ou a acampada e vivaqueo fora de áreas habilitadas para tal feito. Todas estas accións non poden ser emitidas nun programa que pretende achegar a natureza galega a través dos nosos medios de comunicación públicos.

Se ben, como se comenta no Facebook do programa, algunhas das accións están ficcionadas, preguntámonos se é preciso divulgar e fomentar este tipo de prácticas entre a cidadanía galega. Recordamos que os escasos cinco minutos dedicados ao medio ambiente en Galicia que se facían no programa “Natureza”, hai anos xa que desapareceron.

Na opinión dos colectivos asinantes a CRTVG debería retirar este programa e, en aplicación da súa vocación de servizo público e fomento da nosa cultura, promover outros formatos con actuacións máis educativas, na liña do que xa estamos a desenvolver Galicia entidades ambientalistas ou as propias administracións. Propostas e materiais hai abondo: divulgación e conservación da natureza, voluntariado ambiental, custodia do territorio, etc.

Pedimos tamén á DXCN que solicite os permisos oportunos ao persoal de produción que realiza este programa e que actúe de oficio contra aquelas agresións ao medio que aparecen expostas nel. Galicia ten valores naturais abondo que amosar ao mundo nos medios públicos sen necesidade de recorrer a copias de programas doutras latitudes, nas que rexen outras normas de conservación e de respecto pola natureza ben diferentes.

Grupo Naturalista Hábitat
ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)

Contactos:
G.N. Hábitat (981135014)
ADEGA (981570099)
GEAS ( 669235209, 656532582)
Segue lendo...