Acto de entrega de premios do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre"



O vindeiro venres 4 de marzo ás 20:30h terá lugar o Acto de entrega de premios do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme. Iniciativa desenvolvida polo G.N.Hábitat da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa).

O evento, de carácter público, celebrerase na sala de exposicións de Emalcsa -Casa da Auga- (rúa Manuel Murguía s/n, planta baixa. Ver mapa), e o aforo virá limitado polo espazo dispoñible nas instalacións.

No acto, ao que acudirán representantes do Concello da Coruña, Emalcsa, Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e G.N.Hábitat, farase entrega dos agasallos e diplomas correspondentes, previstos nas bases reguladoras do certame, a todos os gañadores recoñecidos nesta convocatoria (consulta os gañadores).

Se non o tedes feito xa, animámosvos a visitar as instalacións de Emalcsa, onde poderedes gozar xa da exposición pública das 170 obras de nenos e maiores achegadas nesta convocatoria. Un fermoso homenaxe á natureza a través do debuxo...non vola perdades!


Segue lendo...

Aberta a inscrición para Escola de Naturalistas 2016



Comprácenos comunicarvos que xa temos aberto o prazo de inscrición na IV promoción da nosa Escola de Naturalistas!

Escola de Naturalistas é unha actividade organizada polo G.N.Hábitat dende fai anos, única no ámbito da formación ambiental en Galicia, dirixida ao aprendizaxe e identificación dos elementos que compoñen a biodiversidade Galega. Nela, ao longo dos diferentes bloques temáticos do curso impartidos por diversos expertos, afóndase de xeito teórico e práctico nas diferentes técnicas e áreas do naturalismo (botánica, ornitoloxía, mastozooloxía, entomoloxía, anelamento científico de aves, e moitas outras), consolidando así un programa que abrangue, en gran medida, os diferentes aspectos necesarios para un completo aprendizaxe no eido ambiental.

Se estás interesado en participar, remítenos a túa solicitude antes das 00:00 horas do domingo 14 de febreiro de 2016 (data de peche de inscricións), enchendo e enviando debidamente o formulario de inscrición dispoñible na seguinte ligazón:


Se che gusta a natureza e tes ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade!

Prazas limitadas. Cota de inscrición, 60 euros para socios do G.N.Hábitat e 95 euros para non socios. Diploma acreditativo de participación ao finalizar o curso.

Para información máis detallada sobre esta actividade, consulta o blog de Escola de Naturalistas

Descarga o cartaz da IV promoción de Escola de Naturalistas:

- Cartaz Escola 2016 (formato pdf)
- Cartaz Escola 2016 (formato jpg)

Segue lendo...

CORUÑAVES 2016 "VII Maratón Ornitolóxica no Concello da Coruña". 14 de febreiro


O vindeiro domingo 14 de febreiro, ven connosco e namórate da aves!!

Coruñaves consiste nunha actividade lúdica na que se procura, ao longo dunha mañá, ver e identificar por equipos o maior número posible de especies de aves dentro do municipio da Coruña. O obxectivo fundamental é achegar a ornitoloxía ao público en xeral, fornecendo o coñecemento das aves, aprendendo a respectalas e a gozar da súa presenza, nunha actividade de divulgación ambiental.

Esta actividade está aberta a todo o público (nenos e maiores) e a participación é gratuita. Non son necesarios coñecementos en ornitoloxía para poder participar.

O prazo de inscrición estará aberto ata as 14 horas do venres 12 de febreiro.

Toda a información sobre a actividade, así como o formulario de inscrición, poderédelos atopar nas Bases Reguladoras, que deberán ser consultadas por todos os interesados en participar:

- Descarga as bases reguladoras da actividade.
- Descarga o cartaz de Coruñaves 2016.
- Consulta os resultados do Coruñaves 2015...67 especies de aves observadas en 4 horas de actividade!

Anímate e acompáñanos nunha xornada de campo!!

O G.N.HÁBITAT QUERE COMUNICAR QUE TODAS AS PRAZAS DISPOÑIBLES PARA PARTICIPAR NO EVENTO "CORUÑAVES 2016" FORON CUBERTAS ÁS 19:56h DO MÉRCORES 10 DE FEBREIRO DE 2016. AQUELAS PERSOAS QUE FORMALICEN A SÚA INSCRICIÓN A PARTIR DESE MOMENTO E ATA A DATA LÍMITE FIXADA, PASARÁN A FORMAR PARTE DUNHA "LISTA DE ESPERA", E SERÁN AVISADAS POR ORDEN DE INSCRICIÓN SEMPRE QUE NOS SEXA COMUNICADA ALGUNHA BAIXA. DE NON POÑERNOS EN CONTACTO, DEBERASE ENTENDER QUE NON TEMOS PRAZA DISPOÑIBLE PARA A SÚA PARTICIPACIÓN.

Segue lendo...

Manifesto STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO!


É o momento de pararlle os pés ao eucalipto


Nas últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galiza, a comunidade con maior superficie de eucaliptais do estado. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Para o segundo (IFN III), realizado en Galiza nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 ha. Parte desta área é ocupada por eucaliptos fóra de plantación, isto é, asilvestrados ou ventureiros, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.

As plantacións de eucaliptos en Galiza supoñen máis da metade (52%) das existentes no estado e, só por especie, na Península Ibérica localízase o 53% da superficie mundial de Eucalyptus globulus, máis que en toda Australia. Asemade, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veu engadirse ás plantacións, chegando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío.

O aumento imparábel do eucalipto relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego, caldo de cultivo para o negocio pasteiro. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade, cando non complicidade da Xunta, permisiva co incumprimento das normas e que coa reforma do Plano Forestal de 1993 pretende fortalecer as plantacións de E. globulus, consolidar o E. nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos.

Conscientes da gravidade do problema, e da necesidade de pararlle os pés ao eucalipto para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo, as organización asinantes reclamamos as seguintes CINCO ACCIÓNS:

1. O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que aínda limita a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese… Trátase dunhas mínimas limitacións, a todas luces insuficientes, para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, que en moitos casos tampouco están a cumprirse.

2. A prohibición de novas plantacións e a repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP), así como naquelas áreas con presenza de hábitats e especies incluídas na Directiva 92/43CEE.

3. A eliminación de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación, en virtude do artigo 52.2 da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, a teor da Disposición adicional segunda.

4. A consideración do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Xa que logo, prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.

5. A urxente aprobación de medidas para protexer os nosos bosques autóctonos a través de axudas directas, a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis. Consideramos que a certificación forestal baixo o selo FSC non debe atinxir ás plantacións de eucalipto, porque nelas non se promove unha xestión forestal ambientalmente acaída, socialmente beneficiosa e economicamente viábel dos bosques.

Galiza, Nadal de 2015

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), Amigos da Terra, APDR, CEMMA, Colectivo Ecoloxista do Salnés, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia, As. Rabo do Galo

Descarga:

- Manifesto STOP EUCALIPTO...AVANTE CARBALLO!


Segue lendo...

5 febreiro: Presentación da campaña "STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO!"


Este venres 5 de febreiro, 21 organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas unímonos para lanzar a campaña "STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO!".

Pretende chamar a atención sobre a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos en Galiza e a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos. Reclamamos medidas moi concretas para limitar as afeccións do cultivo desta especie e preservar os bosques autóctonos.

Será ás 12 h na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto 9-11) de Pontevedra. A elección desta cidade como sede para a presentación non é casual: a recente prórroga da concesión de ENCE en Lourizán non só é unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio baseado no monocultivo do eucalipto.

É o momento de pararlle os pés ao eucalipto!
Segue lendo...