Exposición pública das obras do III Certame de Debuxo da Natureza


Prezados compañeiros, comprácenos anunciar que hoxe mesmo comezaremos a montaxe da exposición pública de todas as obras presentadas no III Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre "O encoro que nunca dorme", organizado polo G.N.Hábitat en colaboración con Emalcsa. A partir de mañá sábado día 30 de xaneiro xa poderedes ir a visitala, e gozar das 170 ilustracións de nenos e adultos de todas as idades, que un ano máis, sorprendéndonos coas súas dotes artísticas, veñen de demostrar como o debuxo supón unha estupenda ferramenta para promover a implicación cidadá no contacto coa natureza.

A exposición estará ubicada na planta baixa da Casa da Auga (rúa Manuel Murguía s/n, A Coruña), e poderá ser visitada libremente ata o vindeiro día 15 de marzo de 2016, sendo o horario o mesmo que o de apertura das instalacións, previsto de luns a venres de 07:30 a 23 h; sábados de 9:30 a 22 h; e domingos e festivos de 9:30 a 21 h.

Continuamos traballando na xestión do acto de entrega de premios. Próximamente publicaremos máis información ao respecto.

Animádevos a visitala!!

Máis información:

- Gañadores do III Certame de Debuxo: ligazón
- Vídeo promocional do III Certame de Debuxo, elaborado por "Edítalos": ligazón
- Calendario 2016 do G.N.Hábitat, froito das obras gañadoras no III Certame de Debuxo (dispoñible para libre descarga en pdf): ligazón
Segue lendo...

Comunicado de Hábitat en relación á prórroga de ENCE

O Grupo Naturalista Hábitat, como moitas outras organizacións de Galicia, súmase á indignación en relación á prórroga de 60 anos para a permanencia de ENCE (Empresa Nacional de Celulosas de España) na ría de Pontevedra, resolta o día 25 de xaneiro.

A día de hoxe o movemento ecoloxista e naturalista galego está a realizar movementos para deixar claro, de xeito unánime, que non quere que ENCE hipoteque o futuro da ría por 60 anos máis, nin tampouco posibilite que máis dunha sexta parte de Galicia sexa a día de hoxe un estéril eucaliptal en plena expansión (“o deserto verde”). A protección do medio natural, o mantemento e mellora do bosque autóctono e a posta en marcha de accións dirixidas á conservación da nosa biodiversidade vense, por desgraza, seriamente comprometidas con estas decisións.

Nós seguiremos traballando sempre en prol dunha Galiza verde, pero de verde carballo, e rica, pero en recursos ecosistémicos.

Engadimos algunhas ligazóns de colectivos involucrados na defensa da ría:

- Asociación pola defensa da ría
- ENCE fóra de ría para sempre

E algunha documentación de interese:

- Primeira intención da Xunta en relación a ENCE, en 2011: ver ligazón
- A conflitividade das plantacións de eucalipto en España e Portugal (Greenpeace): ver ligazón
- Nova en La Voz de Galicia sobre a prórroga: ver ligazón
- Resolución da prórroga: ver ligazón
- Nova en Praza.gal coa cronoloxía de ENCE: ver ligazón

Segue lendo...

Xornada "Aves e vidros, unha visión local dun problema global"


Mañá mércores día 3 de febreiro Hábitat colaborará na xornada "Aves e vidros, unha visión local dun problema global", organizada pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña en colaboración con ADEGA.

A xornada contempla diferentes actividades: charla (16:00h), obradoiro de identificación e recorte de siluetas (17:00h) e pegada de siluetas en varios centros do campus da UDC (18:00h); e desenvolverase na aula 4.4 da ETS Arquitectura – Campus de A Zapateira.

Con estas actividades procurarase dar a coñecer o problema polo que as aves, con frecuencia incapaces de recoñecer o cristal transparente, morren por colisións contra os eles. Así mesmo, coas actuacións previstas minimizarase o impacto desta problemática no contorno do Campus, en cuxos edificios vense detectando mortalidade debida a estas colisións.

A inscrición é de balde. Para formalizala deberás enviar un correo electrónico co teu nome e DNI a oma3@udc.es

Máis información na seguinte ligazón á noticia no blog da Oficina de Medio Ambiente da UDC.
Segue lendo...

Xornadas de interpretación de Baldaio



Os vindeiros días 28, 29, 30 e 31 de xaneiro desenvólvense as Xornadas de Interpretación de Baldaio "BALDAIO, MÁIS CERCA", organizadas pola Asociación Ambiental Senda Nova en conmemoración do Día Mundial dos Humidais, e nas que colabora o Grupo Naturalista Hábitat en dúas das actividades programadas:

- Faladoiro do venres día 29 ás 20:30 horas.
- Saída ornitolóxica pola lagoa do domingo 31 ás 10:30 horas.

Segundo os organizadores, "BALDAIO, MÁIS CERCA" supoñen unhas xornadas de interpretación das parroquias que conflúen no territorio de Baldaio: Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela; e celébranse dentro da programación do III INVERNO ANCESTRAL.

A asistencia é libre. Máis información en: www.sendanova.org / sendanova@hotmail.com / 696155232

Dende Hábitat queremos dar a noraboa aos organizadores e colaboradores desta fermosa iniciativa, agradecémoslles a súa invitación e animamos a todos os interesados a asistir ás actividades que se van a poñer en marcha.

Agardamos que sexan do voso agrado!

Segue lendo...

Obradoiro de natureza cos rapaces de A Grande Obra de Atocha



No pasado mes de decembro levamos a cabo unha fermosa xornada cos rapaces do colexio A Grande Obra de Atocha (A Coruña). Neste pequeno obradoiro de natureza, desenvolvido xunto co profesor de ciencias do centro, compartimos non soamente tempo, senón tamén coñecementos sobre a fauna e flora que nos rodea, procurando transmitirlles aos máis novos o respecto e a paixón que nós mesmos temos polo medio natural.

Saír por un intre das aulas e tomar contacto directo coa natureza, sen necesidade de facer longas viaxes, aprendendo a recoñecer as especies máis próximas e acadando identificar os seus rastros (pegadas, plumas, cornas...), fainos conscientes da riqueza da nosa contorna. Isto supón un estupendo aprendizaxe académico, pero tamén vital, moitas veces alleo ao libros de texto.

Ata a próxima!
Segue lendo...

Calendario 2016 do G.N.Hábitat, xa dispoñible!



Comprácenos comunicarvos que xa está dispoñible o calendario 2016 do G.N.Hábitat, que xorde como resultado das obras gañadoras na III convocatoria do Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre, bautizada baixo o subtítulo de "O encoro que nunca dorme".

Todos os socios de Hábitat que queiran recoller o seu exemplar impreso, poderanse poñer en contacto con Hábitat (gnhabitat@yahoo.es / 981 135 014) para xestionar a entrega. Así mesmo, a todos os gañadores no certame foilles enviado un correo electrónico ao contacto que indicaron na ficha de inscrición, onde constan as indicacións a seguir para poder recoller o exemplar impreso co que lles queremos agasallar.

De todos os xeitos, dende Hábitat, comprometidos coa divulgación ambiental, queremos facer novamente que esta publicación sexa accesible a todo aquel que a queira ter, podendo gozar das ilustracións e textos que a compoñen, polo que poñemos a disposición de todos os interesados a posibilidade da súa descarga gratuita (formato .pdf) dende a seguinte ligazón: descarga do Calendario 2016.

Dende Hábitat seguimos traballando na exposición pública de todas as obras achegadas nesta convocatoria (170 ilustracións), agardando que en poucos días xa poda estar aberta ao público na sala de exposicións de Emalcsa (rúa Manuel Murguía, s/n. Edificio Casa del Agua, planta baixa. 15011, A Coruña). Unha vez estea lista, comunicaremos a súa apertura neste blog. Así mesmo, traballamos tamén na organización do acto de entrega de premios, que procuraremos facer no vindeiro mes de febreiro, e cuxa data definitiva será comunicada neste blog, así como de xeito directo a todos o gañadores do certame.

O debuxo como ferramenta para a implicación cidadá no contacto co seu contorno natural. Esta é a finalidade principal do Certame de Debuxo da Natureza, que un ano máis vimos de organizar dende o Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa.

Moitas grazas a todos os participantes!
Segue lendo...

Nova ferramenta do G.N.Hábitat: anelas.gnhabitat.org



Logo de moito traballo, dende o Grupo Naturalista Hábitat comprácenos comunicarvos que xa está dispoñible a nova ferramenta que vimos de desenvolver no eido do anelamento científico de aves, e que permitirá a xestión automática dos historiais dos exemplares marcados baixo o marco do “Proxecto de anelamento de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) nas illas de San Pedro”, levado a cabo pola nosa entidade da man dos seus grupos de anelamento, G.A. Hércules e G.A. Phylloscopus, cun total de 5 campañas de traballo realizadas (anos 2010 a 2014) e 173 exemplares anelados.

A ferramenta consiste nunha plataforma virtual (web), á que poderedes acceder dende a seguinte ligazón:



Esta nova web, estruturada baixo 4 pestanas: “O proxecto”, ”Introducir un avistamento”, “Consultar unha historia vital” e “ Contacto”; está dispoñible en 4 idiomas (Galego, Castelán, Portugués e Inglés) e permite, unha vez rexistrado como usuario, a subida directa de observacións e imaxes por parte dos propios autores dun xeito intuitivo, sinxelo e rápido, así como a posterior descarga automática do historial correspondente (formato .pdf). Así mesmo, co gallo de facer este proxecto visible é accesible a todo o público interesado, a web permite tamén a consulta de calquera historial sen necesidade de rexistro previo, se ben a descarga do arquivo correspondente non estará dispoñible nesta opción.

Cada historial mostrará as seguintes particularidades:

Información xeral do exemplar: código da anela metálica, data de anelamento e outros.
Mapa dos desprazamentos: móstrase sobre un mapa de google maps as localizacións dos diferentes avistamentos da gaivota correspondente. O mapa é interactivo, de xeito que premendo sobre as iconas que figuran xunto ao texto “Ver percorrido sobre o mapa”, poderás visualizar a orde destes desprazamentos sobre o mapa, que comezan sempre dende o lugar de anelamento (Illas de San Pedro).
Base de datos de rexistros: onde se reflicten os datos de todas as observacións do exemplar, segundo a información e imaxes aportadas polos colaboradores e validadas polo G.N.Hábitat.
Gráfico: mostrando a distancia dende o lugar de anelamento fronte a idade.
Galería de imaxes: compilación de todas as fotografías remitidas do exemplar, identificadas por autor, lugar e data de observación.

Cada novo rexistro (cita) introducido deberá ser validado polo persoal responsable do G.N.Hábitat, polo que aínda que poderedes descargar o arquivo co historial logo de cada incorporación, esta non se verá reflectida nas posteriores consultas que se fagan do exemplar en cuestión ata que non sexa debidamente confirmada. No caso da subida de múltiples rexistros á web, deberase ter en conta que o historial descargado mostrará todas as entradas validadas ata ese momento ademais do novo rexistro engadido, non sendo visibles aquelas entradas aínda pendentes de validación. Unha vez confirmados todos os rexistros, estes serán definitivamente incorporados no historial.

Se es afeccionado á ornitoloxía e atopas unha das "nosas anelas", animámoste a que participes nesta iniciativa subindo as túas observacións e imaxes!

Dende Hábitat queremos mostrar o noso máis sicero agradecemento a todos os que vides de facer posible esta ferramenta:

- Aos colaboradores que nos tedes remitido citas ao longo destes últimos anos. Grazas a vós a plataforma conta xa con case 1000 rexistros e máis de 600 fotografías.
- A Juanda Presa, socio e compañeiro, que ven de invertir moito tempo e esforzo dun xeito altruista no desenvolvemento desta web.
- Á empresa Igasoft, que cedeu de xeito altruista o hosting necesario.
- Aos integrantes dos Grupos de Anelamento Hércules e Phylloscopus, polos coñecementos e horas de campo que invertidas.
- Ao Concello da Coruña, pola súa vinculación no proxecto.

Cómpre salientar que esta web foi desenvolvida sen financiación algunha, sendo unicamente a implicación e o traballo altruista dos socios e colaboradores de Hábitat o que a fixo posible.

Confiamos en que sexa do voso agrado.

Saúde e natureza.


Segue lendo...