Traballando pola mellora do patrimonio natural: ABANCA Obra Social - G.N.Hábitat


ABANCA Obra Social, coa participación do G.N.Hábitat, porá en marcha proximamente un ciclo de xornadas dirixidas á posta en valor, implicación e conservación do medio natural galego. Baixo o título “Traballando pola mellora do patrimonio natural” desenvolveranse diferentes actividades nas catro provincias galegas, que serán levadas a cabo polo Voluntariado ABANCA en prol do medio ambiente, baixo a xestión do G.N. Hábitat e da man de diferentes entidades colaboradoras.

A iniciativa, eminentemente práctica, comezará no mes de abril de 2016, sendo froito da aposta de ABANCA pola participación activa na conservación e protección da natureza, a través da coñecida como Responsabilidade Social Corporativa, área prioritaria desta entidade.

O compromiso co medio ambiente enténdese como un deber que nos afecta a todos, en tanto que é toda a sociedade a beneficiaria duns valores naturais que compre legar ás xeracións vindeiras no mellor estado posible. Este compromiso supón ademais unha relación de simbiose, xa que nela todos os axentes implicados chegan a saír beneficiados: o espazo no que se traballa, facilitando a súa perdurabilidade, e os implicados na súa conservación, gozando da satisfacción e beneficios persoais (físicos, e mesmo anímicos) que reporta o contacto coa natureza. Nesta liña, a Responsabilidade Social Corporativa está a supoñer hoxe día unha magnífica ferramenta, grazas a cal as empresas contribúen de xeito activo e voluntario á mellora non soamente económica, senón tamén social e ambiental da sociedade da que forman parte.

Proximamente iremos anunciando as diferentes actividades que se porán en marcha. Agardamos que sexan do voso interese.