EXPEDICIÓN GALICIA, un desafortunado xeito de achegarse á natureza galega

O Grupo Naturalista Hábitat, xunto cos colectivos ADEGA e GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes), solicitamos á compañía da radio-televisión pública de Galicia (CRTVG) a retirada do programa da TVG de recente estrea “Expedición Galicia” (ligazón). Instamos tamén á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DXCN) a que vixíe o cumprimento da lexislación ambiental nas actividades desenvolvidas neste programa, e a que tramite con rapidez e dilixencia as denuncias das agresións ambientais que poden verse tanto no “trailer” do programa como no seu primeiro capítulo.

A TVG vén de presentar un novo programa que baixo o título de “Expedición Galicia” presenta a unhas persoas percorrendo diferentes lugares do territorio galego e no que, entre outras actividades, levan a cabo prácticas de supervivencia. No “trailer” deste espazo, que pode visualizarse na sección de videos da súa páxina na rede social Facebook (ligazón), podemos ver como vadean un río cun 4x4, comen crúa unha ra dos regos (Rana iberica) incluída no Catalogo Galego de Especies Ameazadas, ou esfarelan un formigueiro para coller material seco co que facer un lume.

Tralo visionado do primeiro capítulo emitido o día 23 de febreiro, poden verse claramente diferentes agresións ambientais sancionables atendendo á lexislación vixente, como son a destrución dun niño de formigas, prender lume nun lugar non habilitado para a súa realización con seguridade ou a acampada e vivaqueo fora de áreas habilitadas para tal feito. Todas estas accións non poden ser emitidas nun programa que pretende achegar a natureza galega a través dos nosos medios de comunicación públicos.

Se ben, como se comenta no Facebook do programa, algunhas das accións están ficcionadas, preguntámonos se é preciso divulgar e fomentar este tipo de prácticas entre a cidadanía galega. Recordamos que os escasos cinco minutos dedicados ao medio ambiente en Galicia que se facían no programa “Natureza”, hai anos xa que desapareceron.

Na opinión dos colectivos asinantes a CRTVG debería retirar este programa e, en aplicación da súa vocación de servizo público e fomento da nosa cultura, promover outros formatos con actuacións máis educativas, na liña do que xa estamos a desenvolver Galicia entidades ambientalistas ou as propias administracións. Propostas e materiais hai abondo: divulgación e conservación da natureza, voluntariado ambiental, custodia do territorio, etc.

Pedimos tamén á DXCN que solicite os permisos oportunos ao persoal de produción que realiza este programa e que actúe de oficio contra aquelas agresións ao medio que aparecen expostas nel. Galicia ten valores naturais abondo que amosar ao mundo nos medios públicos sen necesidade de recorrer a copias de programas doutras latitudes, nas que rexen outras normas de conservación e de respecto pola natureza ben diferentes.

Grupo Naturalista Hábitat
ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)

Contactos:
G.N. Hábitat (981135014)
ADEGA (981570099)
GEAS ( 669235209, 656532582)

No hay comentarios: