Nova ferramenta do G.N.Hábitat: anelas.gnhabitat.org



Logo de moito traballo, dende o Grupo Naturalista Hábitat comprácenos comunicarvos que xa está dispoñible a nova ferramenta que vimos de desenvolver no eido do anelamento científico de aves, e que permitirá a xestión automática dos historiais dos exemplares marcados baixo o marco do “Proxecto de anelamento de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) nas illas de San Pedro”, levado a cabo pola nosa entidade da man dos seus grupos de anelamento, G.A. Hércules e G.A. Phylloscopus, cun total de 5 campañas de traballo realizadas (anos 2010 a 2014) e 173 exemplares anelados.

A ferramenta consiste nunha plataforma virtual (web), á que poderedes acceder dende a seguinte ligazón:



Esta nova web, estruturada baixo 4 pestanas: “O proxecto”, ”Introducir un avistamento”, “Consultar unha historia vital” e “ Contacto”; está dispoñible en 4 idiomas (Galego, Castelán, Portugués e Inglés) e permite, unha vez rexistrado como usuario, a subida directa de observacións e imaxes por parte dos propios autores dun xeito intuitivo, sinxelo e rápido, así como a posterior descarga automática do historial correspondente (formato .pdf). Así mesmo, co gallo de facer este proxecto visible é accesible a todo o público interesado, a web permite tamén a consulta de calquera historial sen necesidade de rexistro previo, se ben a descarga do arquivo correspondente non estará dispoñible nesta opción.

Cada historial mostrará as seguintes particularidades:

Información xeral do exemplar: código da anela metálica, data de anelamento e outros.
Mapa dos desprazamentos: móstrase sobre un mapa de google maps as localizacións dos diferentes avistamentos da gaivota correspondente. O mapa é interactivo, de xeito que premendo sobre as iconas que figuran xunto ao texto “Ver percorrido sobre o mapa”, poderás visualizar a orde destes desprazamentos sobre o mapa, que comezan sempre dende o lugar de anelamento (Illas de San Pedro).
Base de datos de rexistros: onde se reflicten os datos de todas as observacións do exemplar, segundo a información e imaxes aportadas polos colaboradores e validadas polo G.N.Hábitat.
Gráfico: mostrando a distancia dende o lugar de anelamento fronte a idade.
Galería de imaxes: compilación de todas as fotografías remitidas do exemplar, identificadas por autor, lugar e data de observación.

Cada novo rexistro (cita) introducido deberá ser validado polo persoal responsable do G.N.Hábitat, polo que aínda que poderedes descargar o arquivo co historial logo de cada incorporación, esta non se verá reflectida nas posteriores consultas que se fagan do exemplar en cuestión ata que non sexa debidamente confirmada. No caso da subida de múltiples rexistros á web, deberase ter en conta que o historial descargado mostrará todas as entradas validadas ata ese momento ademais do novo rexistro engadido, non sendo visibles aquelas entradas aínda pendentes de validación. Unha vez confirmados todos os rexistros, estes serán definitivamente incorporados no historial.

Se es afeccionado á ornitoloxía e atopas unha das "nosas anelas", animámoste a que participes nesta iniciativa subindo as túas observacións e imaxes!

Dende Hábitat queremos mostrar o noso máis sicero agradecemento a todos os que vides de facer posible esta ferramenta:

- Aos colaboradores que nos tedes remitido citas ao longo destes últimos anos. Grazas a vós a plataforma conta xa con case 1000 rexistros e máis de 600 fotografías.
- A Juanda Presa, socio e compañeiro, que ven de invertir moito tempo e esforzo dun xeito altruista no desenvolvemento desta web.
- Á empresa Igasoft, que cedeu de xeito altruista o hosting necesario.
- Aos integrantes dos Grupos de Anelamento Hércules e Phylloscopus, polos coñecementos e horas de campo que invertidas.
- Ao Concello da Coruña, pola súa vinculación no proxecto.

Cómpre salientar que esta web foi desenvolvida sen financiación algunha, sendo unicamente a implicación e o traballo altruista dos socios e colaboradores de Hábitat o que a fixo posible.

Confiamos en que sexa do voso agrado.

Saúde e natureza.


No hay comentarios: