Conferencia "Busca linces y encontrarás meloncillos"_Encontros Naturalistas decembro 2015



Tal e como vimos de anunciar nos días anteriores, despediremos as actividades do 2015 cunha última e estupenda xornada dos nosos Encontros Naturalistas, da man dun vello amigo e experto biólogo, quen ano tras ano por estas datas adoita compartir connosco o seu coñecemento sobre o patrimonio natural.

A actividade consistirá nunha conferencia que leva como título "Busca linces y encontrarás meloncillos", impartida polo Dr. Carlos Nores Quesada, profesor da Universidade de Oviedo, Vicepresidente da Fundación Oso Pardo e experto na bioloxía, distribución e conservación dos mamíferos, quen ven de publicar ao respecto un artigo na revista científica Chioglossa do Grupo Naturalista Hábitat, e para o cal o autor apoiouse nos dous exemplares naturalizados de furatoxos (Herpestes ichneumon) -nome galego do “meloncillo”- que compoñen a colección depositada na Domus e doada ao Concello da Coruña polos herdeiros de Víctor López Seoane, reputado naturalista e profesor coruñés do século XIX, e que serán mostrados na xornada para a súa posta en valor.

Ao longo da charla falarase da historia desta especie de carnívoro presente na Península Ibérica, e porase en valor o descubrimento da súa descrición por Pérez de Castro no Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, combinando historia natural, material científico e experiencias, nunha iniciativa que pretende achegar o coñecemento da natureza á cidadanía.

A actividade, organizada por Hábitat, conta coa inestimable colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, e terá lugar na Domus (R/Ángel Rebollo 91. A Coruña) o vindeiro martes 29 de decembro ás 20h. A asistencia é de balde e aberta ao público, ata completar o espazo, polo que dende Hábitat pregamos confirmedes a vosa presenza chamando ao 981 135 014 ou enviando un correo electrónico co asunto "Meloncillo" e os vosos datos a gnhabitat@yahoo.es.

Na seguinte ligazón poderedes descargar o cartaz da conferencia.

Dende Hábitat agradecemos a difusión desta actividade.

Agardámosvos!!

Colabora:


Segue lendo...

Mapa da diversidade biolóxica do Concello da Coruña



Dende o G.N.Hábitat comprácenos comunicarvos que a nosa entidade ven de ser escollida para a elaboración do Mapa da Diversidade Biolóxica do Concello da Coruña. Un proxecto co que se pretende ter unha "imaxe" detallada da biodiversidade presente no noso concello.

Os traballos, que serán desenvolvidos ao longo do 2016, contarán coa participación dun amplo número de colaboradores que compoñen o equipo técnico, responsable desta iniciativa. Para a consecución dos obxectivos previstos dividirase a cidade da Coruña na totalidade das cuadrículas UTM 1x1 km que abranguen a súa extensión, e nas que se farán os muestreos correspondentes obténdose datos xeorreferenciados das diferentes especies. Así mesmo, farase unha labor de recollida de datos históricos, o que fornecerá os resultados do propio proxecto.

Como xa sabedes, Hábitat leva moitos anos traballando polo estudo, conservación e divulgación do patrimonio natural da cidade da Coruña, poñendo en marcha multitude de iniciativas de carácter social en prol do coñecemento da biodiversidade presente no noso contorno, polo que en gran medida este "mapa" xa o levamos facendo dende fai moitos anos. É o que nos gusta, é polo que traballamos duro, e é a finalidade da nosa entidade.

Grazas a todos os que vides de sumarvos nesta iniciativa. Entre todos faremos que a Coruña teña unha boa ferramenta de coñecemento da súa flora e fauna.
Segue lendo...

Asemblea Xeral de socios do G.N. Hábitat_decembro 2015

A Xunta Directiva do G.N.Hábitat comprácese en comunicar a celebración da Asemblea Xeral de socios da entidade, que terá lugar o vindeiro venres 18 de decembro de 2015 no noso local social.

- Asemblea xeral extraordinaria: ás 19:30 h en primeira convocatoria e ás 20:00 h en segunda.
- Asemblea xeral ordinaria: ás 20:30 h en primeira convocatoria e ás 21:00 h en segunda.

Á xornada están convidados a participar todos os SOCIOS da entidade.

Ao rematar a asemblea, convidaremos a un pinchiño navideño para despedir o ano.

Agardámosvos!

Segue lendo...

Relatorio "Busca linces y encontrarás meloncillos"_29 de decembro ás 20h



Qué mellor xeito de pechar o 2015 que gozar dun novo relatorio da man de Carlos Nores, quen nesta ocasión nos virá a falar do coñecido como "furatoxos" (Herpestes ichneumon), e sobre o que ven de publicar un interesante artículo na revista científica Chioglossa do G.N.Hábitat.

O relatorio, que leva como título "Busca linces y encontrarás meloncillos", conta coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, e terá lugar na Domus o vindeiro martes 29 de decembro ás 20h. A actividade será de balde a aberta ao público, ata completar o aforo.

Nos vindeiros días ampliaremos a información sobre esta actividade. Estade atentos e reservádenos o día 29!
Segue lendo...

Xornada sobre a Saramaganta (Chioglossa lusitanica) "Especie do ano 2015 na Reserva da Biosfera"



Como xa saberedes, a Saramaganta foi escollida "Especie do ano 2015 na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo", co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento desta especie, así como ampliar a súa información no territorio da Reserva, e en Galicia.

Dentro desta iniciativa de "Especie do ano" (que na pasada convocatoria dedicouse ao Gato Bravo en Galicia) tense realizado diversas actividades, como a edición dun tríptico informativo sobre a especie e a elaboración dunha ficha de recollida de datos, todo a disposición do público na páxina web que vimos de facer para a ocasión: http://saramaganta.weebly.com/

Agora, e xa para rematar coa iniciativa deste ano, convidámoste a participar nunha Xornada sobre a Saramaganta, que terá lugar o vindeiro domingo 13 decembro en horario de 10 a 17:30 horas, na Aula da Natureza de Chelo (Coirós).

A participación é de balde e aberta ao público, mais tendo en conta as dimensións da aula o aforo é limitado, sendo imprescindible a inscrición previa seguindo unha destas vías:

- Enviando un correo electrónico a Hábitat (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "Xornada", indicando nome completo, teléfono de contacto e correo electrónico.
- Chamando ao teléfono de Hábitat (981 135 014) e indicando os datos referidos.

Así mesmo, se te animas a compartir vehículo deberás indicalo na túa inscrición, reflectindo se “necesito coche” ou “ofrezo coche”, así como o “lugar de saída”. Facilitarás a participación na xornada!! Pouco antes da data faremos chegar vía mail aos inscritos un documento no que aparezan estes datos, para que vós mesmos podades organizarvos.

Na xornada convidaremos a un pequeno pincho durante a comida, pero se preferides podedes traer a vosa da casa (bocadillo ou similar). Recoméndase tamén levar roupa e calzado axeitado.

Descarga aquí o:

- Cartaz da xornada
- Programa da xornada

AGARDÁMOSVOS!!!
Segue lendo...

Gañadores do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme



Velaquí tedes aos gañadores do III Certame de Debuxo da Natureza...NORABOA A TODOS!

2ª CATEGORÍA (14 anos ou máis)

Os tres primeiros postos no certame recaeron sobre:



Seguindo o especificado nas bases reguladoras, e tendo en conta a novidade recollida este ano pola cal un mesmo autor soamente pode ser galardoado cun premio nalgunha das súas obras, a selección foi especialmente difícil nesta categoría.
Na seguinte figura móstranse as 9 obras que acompañarán aos tres primeiros premios para ilustrar o calendario 2016. De entre elas, considéranse "gañadores na súa especie" aos autores das ilustracións que representan a Deilephila elpenor, Ephippiger ephippiger, Cerambyx scopoli, Genetta genetta, Pipistrellus pipistrellus, Strix aluco e Arion lusitanicus. Aquelas que representan a Lampyris noctiluca e Rana temporaria non teñen consideración de "gañadores na súa especie", por pertencer a autores xa galardoados nos primeiros postos, pasando estes dous premios a quedar desertos pese a figurar as obras no calendario.



Así mesmo, o xurado decidiu tamén deixar desertos os premios nas seguintes especies: Melolontha melolontha, Pholcus phalangioides, Scolopax rusticola e Lissotriton helveticus.

1ª CATEGORÍA (menores de 14 anos)

Velaquí as 12 obras que ilustrarán o calendario 2016, tendo todos os seus autores a consideración de "gañadores na súa especie"



Así mesmo, e a pesar de ser excluídas polo xurado da súa aparición no calendario, tamén son "gañadores na súa especie" as obras dos seguintes artistas:

- Sergio Pereira Veiga, pola obra titulada "Escarabajo come gusanos" (Melolontha melolontha)
- Raúl Regueiro Seoane, pola obra titulada "Por moscas" (Pholcus phalangioides)
- Fiz Moras López, pola obra titulada "Recorrido diurno" (Lissotriton helveticus)
- Iván Sande Sánchez, pola obra titulada "Rompendo o cascarón" (Scolopax rusticola)

MOITAS GRAZAS A TODOS OS PARTICIPANTES!!

Estade agora atentos ás novidades que vaiamos publicando no noso blog respecto das datas definitivas da exposición pública das obras e do acto de entrega de premios.
Segue lendo...