Un tigre de Bengala entre ferranchos no encoro da Fervenza

Os colectivos ADEGA, GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes) e Hábitat solicitamos recentemente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza información sobre a presenza dun exemplar de tigre de Bengala (Panthera tigris tigris) nas instalación da empresa Naturmaz, localizadas ao carón do encoro da Fervenza (Aérodromo da Fervenza), concello de Mazaricos.

Nunha recente visita pola contorna do encoro puidose comprobar que dentro das instalacións de Naturmaz, o tigre paseaba nun recinto exterior arrodeado dun valado improvisado con ferros e malla de obra. Ao noso entender, este recinto con conta coas debidas medidas de seguridade e saúde para garantir o benestar do animal, nin tampouco a integridade dos visitantes e residentes das áreas próximas, ao abeiro do establecido na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade (artigo 10.3).

Alén de poner estas circunstancias en coñecemento da Xunta, solicitamos da administración que verificara o cumprimento das condicións das autorizacións e permisos cos que deben contar os responsábeis das instalacións (Naturmaz) para a tenza e exhibición do animal, en particular os certificados CITES e as medidas de seguridade e saúde establecidas para o correcto manexo deste exemplar.

A resposta da Xunta: puro surrealismo

En resposta á nosa solicitude de información, a Consellaría de Medio Ambiente informa neste escrito de que no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade “figura inscrita a colección zoolóxica privada composta por un exemplar de tigre, propiedade do Aeródromo da Fervenza”. Asemade, o establecemento non está autorizado como parque zoolóxico, “polo que os animais da colección non poden ser exhibidos ao público”.

Sobre as condicións de seguridade, Conservación da Natureza engade que “ao non ter sido contemplada nin solicitada a priori dita exposición, durante as inspeccións realizadas non foron avaliadas as medidas de protección do público aplicables aos parques zoolóxicos”.

Dende ADEGA, GEAS e Hábitat sorpréndenos que nestas inspeccións non foran avaliadas as medidas de protección do público nen a salubridade e benestar do animal, simplemente por non tratarse dun parque zoolóxico. Resulta evidente que o obxectivo desta “colección zoolóxica privada”, pertencente a unha empresa que publicita “turismo activo, ocio y deportes de aventura” é exhibilo aos visitantes; visitantes cuxa seguridade pode estar en perigo dadas as condicións de “retención” do tigre, con uns cantos ferranchos e malla de obra.

O uso do tigre como atracción para usuarios e clientes do lugar é evidente e fica ademais demostrado á vista dos comentarios que os grupos de visitantes suben a internet, por exemplo esta web do alunado de primaria do IES Fogar de Carballo.

Por outra banda, a esistencia dun documento CITES (Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre) e dun certificado veterinario para o exemplar, como tamén informou a Xunta, non implica que o tigre estea nas axeitadas condicións. E sobre esta cuestión, clave para verificar o benestar do animal e o cumprimento da lei, a Xunta non se pronuncia.

Xa é triste que un exemplar de tigre de Bengala sexa retido e exhibido nestas condicións, mais o verdadeiramente lamentábel é que a Xunta recorra a pobres subterfuxios (“non é un zoolóxico”) para renunciar a cumprir as súas funcións e facer a vista gorda diante dunha situación máis que irregular.

ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)
Grupo Naturalista Hábitat
Segue lendo...

O domingo 15 de novembro terá lugar o último Roteiro Naturalista pola Torre de Hércules deste ano, e índa quedan algunhas prazas libres tanto na quenda das 10 h como na das 12 h.
Esta iniciativa conxunta do Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o Grupo Naturalista Hábitat ofrece a residentes e turistas visitas guiadas a pé de 2 horas de duración, polos sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Durante o traxecto, os guías explicarán as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

A asistencia é de balde e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir.

Para máis información consulta:

Tríptico sobre roteiros (PDF)

Vídeo promocional (Youtube), realizado por Edítalos


Segue lendo...

Xornadas sobre biodiversidade na RB_MCeTM: A biodiversidade en espazos agrogandeiros




O G.N.Hábitat, da man da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras (Xunta de Galicia), comprácese en comunicarvos a organización das:

"Xornadas sobre biodiversidade na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo: A biodiversidade en espazos agrogandeiros" 

A xornada, prevista para o vindeiro luns 26 de outubro de 2015 en horario de 9:30 a 17:30 horas, está dirixida a:
- Traballadores, técnicos, profesionais e estudosos nos eidos agropecuario, forestal e ambiental.
- Técnicos e representantes das Administracións Públicas
- Público interesado

A asistencia é de balde, sendo imprescindible a inscrición previa segundo as especificacións mostradas no cartaz.

O obxectivo desta iniciativa é establecer un punto de encontro e debate sobre a relevancia dos sectores da agricultura e gandería na paisaxe galega, con especial fincapé á súa ligazón na conservación da diversidade biolóxica en función do uso, manexo e xestión do territorio. Nesta liña, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo supón un marco de traballo incomparable, dado o seu forte arraigamento agropecuario e o seu obxectivo por compatibilizar a mellora ambiental co desenvolvemento sostible, así como o fomento da educación e participación pública.

Diferentes expertos ofrecerán sendos relatorios, rematando a xornada cunha mesa redonda de debate e posterior visita ao contorno da finca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Nas seguintes ligazóns poderás descargar os arquivos correspondentes ao:
- Programa da xornada
- Cartaz da xornada
Segue lendo...

Nova colaboración co Centro Xuvenil Abeiro



O vindeiro venres 16 de outubro colaboraremos nas "Tardes de lecer" organizadas polo Centro Xuvenil Abeiro, actividade dirixida aos rapaces integrados nesta fermosa iniciativa de carácter social. Na xornada aproveitaremos a ocasión para poñer en valor os Xardíns de Méndez Núñez como espazo de interese natural na nosa cidade. Confiamos en que sexa do seu agrado!

Non é a primeira vez que traballamos con eles (vimos de facer outras actividades fai tempo), así que parace que a sintonía é boa!
Segue lendo...

Presentación da "Especie do ano 2015 na RB_MCeTM" nos centros escolares



Nestes últimos días varios compañeiros de Hábitat, da man de técnicos da Reserva da Biosfera, vimos de presentar en diversos centros escolares a iniciativa "Especie do ano 2015 na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo", e que nesta ocasión está dirixida a procurar un mellor coñecemento da nosa Saramaganta (Chioglossa lusitanica).

Foron un total de 3 os centros que puidemos visitar: colexio A Grande Obra de Atocha (A Coruña), CPI Castro Baxoi (Miño) e o IES de Viós (Abegondo), con máis de 100 mozos participantes...unha moi boa experiencia para todos!!


Segue lendo...