Encontros Naturalistas: Días das aves 2015


A vindeira fin de semana celébrase o "Día mundial das aves", momento no cal diferentes entidades organizan actividades para a posta en valor deste fermoso grupo faunístico.

Como no podería ser doutro xeito, dende o G.N.Hábitat conmemoraremos un ano máis esta data, organizando unha actividade dirixida a informar e axudar a identificar as aves presentes no noso contorno, aprendendo os seus rasgos e características, e aproveitando para promover o aprendizaxe no uso de material óptico e guías de campo, esenciais para o seu goce.

A actividade, que conta co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, desenvolverase ao longo da mañá do domingo día 4 de outubro, e será de balde e aberta á participación cidadá. Así todo, e vistas as previsións meteorolóxicas hoxe día para esa data, dende Hábitat establecemos dúas alternativas:

- Se o tempo acompaña:
Desenvolverase unha xornada de observación de aves no campo. O horario da mesma será de 10 a 13 horas, tempo durante o cal tres equipos, compostos por membros de Hábitat, estaremos situados en diferentes puntos para que todo aquel que se queira achegar poda aprender connosco e gozar das aves. Os lugares escollidos son:

Equipo 1: O Portiño (A Coruña). Responsable do equipo: Santiago (teléfono 620285474)
Equipo 2: Punta Herminia (A Coruña). Responsable do equipo: Andrés (teléfono 650357294)
Equipo 3: Encoro de Cecebre (Abegondo). Responsable do equipo: Manuel (teléfono 649213614)

Poderás ver os lugares exactos nos que estaremos situados consultando este mapa.

- Se o tempo non acompaña:
A actividade trasladarase ao local do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña. Ver mapa), no que desenvolveremos un obradoiro de divulgación das aves. O horario desta actividade será de 11:30 a 13 horas, e farase sempre e cando a xornada de campo non se poda levar a cabo polas malas condicións meteorolóxicas, cuestión que será decidida polos organizadores da actividade. Neste obradoiro aproveitaremos para expoñer unha presentación sobre as aves, comentando diferentes aspectos sobre a súa importancia, características e identificación, ao tempo que se porá en valor diverso material (plumas, craneos, niños, reproduccións, guías de campo, material óptico, etc).

Priorizarase a realización da xornada de campo fronte ao obradoiro (non se realizarán as dúas actividades, tan só unha delas), polo que todo interesado en acudir á xornada deberá chamar previamente aos teléfonos de contacto reflectidos anteriormente, co gaio de informarlle de cal das actividades se vai a desenvolver finalmente, xa que a decisión de mudar unha pola outra pode tomarse en calquera momento segundo a climatoloxía.

Anímate e ven connosco a gozar das aves!!
Segue lendo...

Colaboración de Hábitat no Festival Mar de Mares



O vindeiro sábado día 3 de outubro, en horario de 11:30 a 13:30 horas, o G.N.Hábitat colaborará nunha das actividades previstas no programa do "Festival Mar de Mares". Este festival pretende ser unha iniciativa que xire ao redor do mundo mariño, sendo ao longo das actividades programadas onde ser porá de manifesto a importancia dos océanos e dos seus ecosistemas como fonte de riqueza natural, e a necesidade da súa conservación. Nesta liña o festival acolle multitude de actividades (exposicións, talleres, charlas, etc) en diferentes espazos, e nas que a cidadanía pode participar activamente.

Pola nosa banda, o G.N.Hábitat sumarase á actividade nomeada "Limpieza de las calas de Punta Herminia", na que participará tamén a Sociedade de Montaña Ártabros. Esta última levará a cabo a limpeza dos coídos no contorno de Punta Herminia, mentres que nós aproveitaremos para poñer en valor a riqueza natural deste fermoso espazo e expoñer a problemática derivada da presenza de plásticos nas nosas augas e o seu impacto na biodiversidade.

A actividade é de balde e aberta á participación cidadá, sendo o punto de saída no centro de visitantes da Torre de Hércules.

Agardámoste o sábado!

Máis información:
- Descarga do programa completo do Festival Mar de Mares
Segue lendo...

Vídeo do III Certame de Debuxo da Natureza



Velaquí tedes o vídeo que vimos de elaborar grazas á colaboración de Edítalos (dedicada á edición e montaxe de vídeos), para a promoción do III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do Encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme.

Confiamos en que sexa do voso agrado.

Axúdanos a difundilo e anímate a participar!

Descarga aquí a:
- Versión para compartir vía teléfono móbil (whatsapp, etc.)
- Versión de alta calidade
Segue lendo...

Resultados do I Encontro de Aneladores en Distriz (Monforte)


Catro especies de papuxas da zona: papuxa das amoras  
Sylvia atricapilla, papuxa común Sylvia communis, papuxa cabecinegra Sylvia melanocephala e papuxa picafollas Sylvia borin. Foto: Damián Romay.
O pasado 6 de setembro celebrouse en Distriz (Monforte de Lemos) o I Encontro de Aneladores "Chris Mead", como conmemoración do 50 aniversario da visita realizada por este anelador da British Trust for Ornithology a esa localidade do 1 a 5 de setembro de 1965.

O evento foi organizado por Hábitat e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e contou con 25 participantes dos grupos de anelamento Hércules e Píllara, así como aneladores independentes e afecionados á ornitoloxía.

Desplegáronse en total 108 metros de rede en varias ubicacións, que se mantiveron en activo durante 12 horas e recolleron 79 aves de 15 especies diferentes, que se detallan a continuación:


Como parte dos actos da xornada, léronse as palabras de agradecemento remitidas pola familia de Chris Mead, xa falecido:

It is a great honour that the Galician Bird Ringers have chosen to name the meeting after Chris. Bird ringing was so much part of his life and he loved teaching people the techniques and passing on his passion to others. His enthusiasm for it never waned and it is thought that through his life he ringed over 250,000 birds. The data collected through ringing has allowed biologists to learn enormous amounts about bird behaviour and migration and to know that Chris's name will be associated with the ringing group in Spain and new generations of bird ringers is very touching. The family wishes you well and hope that the first Encontro bienal de aneladores "Christopher Mead" is a great success.

Estas primeiras xornadas de anelamento tiveron boa cobertura por parte da prensa:
- En memoria do inglés que vixiou en Distriz o paso das aves migrantes (La Voz de Galicia 29-8-15)
- Medio século de avifauna en Monforte (La Voz de Galicia 4-9-15)
- Monforte convértese nun observatorio de ornitoloxía (La Voz de Galicia 7-9-15)
- Un radical cambio ambiental testemuñado polas aves en Distriz (La Voz de Galicia 8-9-15)

Chris Mead fixo unha segunda visita entre o 21 de agosto e o 23 de setembro de 1967, polo que está previsto repetir este evento dentro de dous anos.
Segue lendo...

Actividade adiada ata novo aviso: "Xornadas de biodiversidade en espazos agrogandeiros na RB_MCeTM"

Prezados compañeiros

Lamentandoo moito e por motivos de xestión da actividade, motivados pola escasa representatividade dos diferentes organismos convidados e da imposibilidade de asistencia na data fixada dalgún dos respresentantes, vimos de decidir adiar a celebración das "Xornadas de biodiversidade en espazos agrogandeiros na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo", prevista para o vindeiro luns 28 de setembro.

A data definitiva de realización das mesmas, que estimamos previsible a finais do mes de outubro de 2015, será comunicada polas mesmas canles de difusión que vimos de utilizar.

Lamentamos as molestias e agradecemos o voso interese.

Confiamos en contar convosco proximamente!  Segue lendo...

Xornadas de biodiversidade en espazos agrogandeiros na RB_MCeTM


Dende o G.N.Hábitat, da man da Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariñas-Betanzos" e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), comprácenos comunicarvos a organización das "Xornadas de biodiversidade en espazos agrogandeiros na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo" prevista para o vindeiro luns día 28 de setembro, en horario de 10 a 14 horas.

A xornada está especialmente dirixida a traballadores, técnicos, profesionais e estudosos nos eidos agropecuario e medioambiental. A asistencia é de balde, sendo imprescindible a inscrición previa segundo as especificacións mostradas no cartaz.

O obxectivo desta xornada é establecer un punto de encontro para a conversa sobre a importancia do uso e xestión dos contornos agrogandeiros e a súa relación coa diversidade biolóxica. Diferentes expertos ofrecerán sendos relatorios (ver "programa"), rematando a xornada cunha mesa redonda de debate na que participarán diferentes personalidades dos sectores implicados.

Nas seguintes ligazóns poderás descargar os arquivos correspondentes ao:
- Cartaz da xornada
- Programa da xornada

Agardamos contar coa túa presenza!!
Segue lendo...

III Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre": o encoro que nunca dorme



Un ano máis, o Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o III CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", cunha temática este ano que xira ao redor das especie animais de hábitos nocturnos, o que nos leva a bautizar esta convocatoria co sobrenome de O encoro que nunca dorme.

Coa posta en marcha desta actividade preténdese implicar á xente no contacto co seu contorno, a través do debuxo da flora e fauna silvestre presente nun espazo natural protexido como é o encoro de Cecebre, incluído no Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo". Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2016 da nosa entidade.

A inscrición é de balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do seu debuxo. Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables.

O pasado ano achegáronse máis de 240 obras de multitude de participantes de todas as idades. Anímate a participar, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!

O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos remata o vindeiro venres 6 de novembro de 2015.

Descarga aquí os arquivos necesarios para a túa participación:
- Bases reguladoras da convocatoria
- Ficha de inscricíón
- Cartaz do certame

Nuns días colgaremos un novo vídeo promocional para a difusión do evento, no volo perdades!
Segue lendo...

A saramaganta, especie do ano 2015 na Reserva da Biosfera MCeTM

Saramaganta (C) Juan Varela
A saramaganta ou píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) é un anfibio da familia Salamandridae, endémico do noroeste da Península Ibérica, que foi escollida como Especie do Ano 2015 na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM), grazas á colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas Betanzos, da propia Reserva e do Grupo Naturalista Hábitat.

Para facer un pouco máis accesible esta especie tan descoñecida, temos elaborado este tríptico coa información dispoñible ata o momento, así como a web http://saramaganta.weebly.com, onde recompilar e poner a disposición do público información sobre esta especie.

Tamén iniciamos una campaña de recollida de datos, tanto históricos como actuais, polo que se coñeces algunha cita de saramaganta en Galicia, pregamos que cubras esta ficha e nola fagas chegar por mail ou correo postal.

Por último, estamos a organizar unha xornada divulgativa sobre esta especie, da que informaremos próximamente.

Esta iniciativa non podería levarse a cabo sen a colaboración destas persoas e entidades:

Segue lendo...

IV Semana da Custodia do Territorio

O vindeiro sábado 19 de setembro comeza a cuarta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, cunha xornada de mañá sobre especies exóticas invasoras, un problema ecolóxico cada vez máis preocupante. Falarase dos problemas que causan a flora e fauna foráneas, e como afrontar a súa eliminación dende os concellos. Finalmente unha mesa redonda tratará de establecer las bases para elaborar unha estratexia intelixente e eficaz para combatelas na nosa comarca.

O domingo 20 á tarde terá lugar a eco-regata da ría de Betanzos para limpar ese entorno de basura, e o sábado 26 pola mañá retiraranse varias especies de plantas invasoras que ameazan a praia da Alameda, en Ponte do Porco, o areal máis valioso do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Por último, o domingo 27 pola mañá participaremos na limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos.

Podes descarga-lo programa completo AQUÍ e atopar información de cómo inscribirte en www.fragasdomandeo.org. < Anímate a participar. A lo menos unha vez ó ano debemos devolverlle á natureza o favor que nos fai por permitirnos tantos momentos de lecer no monte e na praia.
Segue lendo...

Encontros setembro - El dilema de Spallanzani


Tras un verán de pouco descanso voltamos cos Encontros Naturalistas 2015, e en setembro temos a sorte de contar con Roberto Hermida, Doutor en Bioloxía pola USC, membro da asociación conservacionista Drosera e experto en morcegos.

Fará unha presentación do recén publicado libro "El dilema de Spallanzani", que parte dos experimentos realizados por Spallanzani sobre orientación dos morcegos para contar experiencias vividas no campo e anécdotas derivadas do estudo destes mamíferos voadores.

O libro estará á venda no local do Grupo, xa que somos punto de venda de libros de Tundra Ediciones, que ademáis colabora co financiamento do grupo doando parte das vendas.

Será o xoves 17 de setembro ás 20:30 horas no local do G. N. Hábitat, (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña).

Xa que o aforo é limitado, é imprescindible anotarse enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA, e os socios terán preferencia.
Segue lendo...