6-setembro: I Encontro Bienal de Aneladores “Christopher Mead”


Hábitat e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), co apoio dos grupos de anelamento Hércules e Píllara, organizan un I Encontro de Aneladores en Distriz (Monforte de Lemos), como conmemoración do 50 aniversario da visita realizada por Chris Mead e o equipo de aneladores da BTO a esa localidade o 1 a 5 de setembro de 1965.

O anelamento será o domingo 6 de setembro en Distriz, en dúas sesións: 7:30 h e 15 h, con xantar campestre (os asistentes terán que levar a súa comida).

Como a actividade comeza temprano, está previsto ir o sábado 5 á tarde para preparar os lugares para as redes, ter unha cea de confraternización en Monforte e durmir alí.

Para participar na actividade, que ten prazas limitadas, terán preferencia os socios de Hábitat e da SGO. Para inscribirse, é preciso enviar un e-mail a gnhabitat@yahoo.es co asunto MONFORTE, indicando nome, asociación/grupo de anelamento á que pertence, teléfono de contacto e asistencia á cea.

Podes descargar o cartaz en PDF, e un documento con información sobre a actividade (incluindo opcións de aloxamento).

Chris Mead e o equipo da BTO fixeron unha segunda visita entre o 21 de agosto a 23 de setembro de 1967, polo que está previsto repetir este evento dentro de dous anos.
Segue lendo...

Solicitude de suspensión da Actuación medioambiental na praia de Sada

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat, ADEGA-Coruña, Plataforma na Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Asociación Ecologista Arco Iris, Asociación Cultural O Rabo do Galo e Sociedade Galega de Ornitoloxía presentaron hoxe un escrito ante a Demarcación de Costas de Galicia.

Neste escrito se pide a suspensión total do obra “Actuación medioambiental de la ría del Pedrido, fase I, playa de Sada (A Coruña)” e a anulación do proxecto “Actuación medioambiental de la ría del Pedrido (A Coruña)”, debido ás graves deficiencias no Estudo de Impacto Ambiental no que se basea a súa Declaración de Impacto Ambiental. Non parece lóxico nun estado moderno que se acometan proxectos baseados en Estudos de Impacto Ambiental redactados dez anos antes sobre unha ría como a de Sada – Betanzos.

Esta obra non ten en conta a destrución da pradeira da planta acuática zostera na propia praia de Sada, sendo unha zona de refuxio e cría de especies mariñas (algunhas con interese comercial). Tamén, entre outros aspectos, se minimiza o impacto sobre a zona prevista de extracción da area (enfronte de Lorbé). Esta zona serve de lugar de cría e recrutamento de diversas especies de aproveitamento comercial tal e como xa puxeron de manifesto as Confrarías de pescadores da ría de Sada e Betanzos xunto coa da Coruña.


Se debe acometer un novo proxecto ambiental da ría de Ares-Sada-Betanzos (funciona como un único ecosistema) afrontando os problemas de contaminación, impacto das infraestruturas existentes, mellora dos recursos marisqueiros e pesqueiros e mellora dos espazos protexido, pero sen danar os ecosistemas xa existentes e coa menor obra civil posible. Este novo proxecto debe contar cun novo estudo de impacto ambiental e ter o máximo consenso entre os sectores sociais implicados.

Descarga aquí a denuncia completa.
Segue lendo...

Nova ferramenta para o proxecto de anelamento "Gaivotas patiamarelas nas Illas de San Pedro"



Dende o G.N.Hábitat comprácenos comunicarvos que nun breve espazo de tempo teremos habilitada unha nova ferramenta de traballo, a cal permitirá dinamizar a xestión e resposta dos resultados que se veñen acadando no marco do proxecto de anelamento de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) nas Illas de San Pedro, desenvolvido pola nosa asociación. O proxecto, iniciado no pasado ano 2010, engloba un total de 4 campañas de anelamento, postas en práctica polos grupos de anelamento Hércules e Píllara, cun total de 173 individuos marcados hoxe día.

Neste tempo son moitos os colaboradores que nos teñen remitido as súas citas e imaxes das “nosas gaivotas” ao longo da xeografía, sendo esta información a que lle da sentido ao proxecto posto en marcha. Nesta liña, a batería de datos obtida crece día a día, facéndose cada vez máis necesaria a procura dunha ferramenta que permita corresponderlle aos colaboradores a súa implicación.

Así, dende o G.N.Hábitat estamos a traballar nunha plataforma online que permitirá a incorporación das observacións e imaxes por parte do propio autor, dun xeito cómodo e intuitivo, permitindo finalmente xerar e gardar dun modo automático a Historia Vital de cada exemplar observado, así como consultar o historial de todos os individuos marcados. Con isto preténdese facer aos colaboradores partícipes activos na xestión das Historias Vitais, contribuír ao estudo no eido da ornitoloxía e achegar a información científica á cidadanía.

Moitas grazas a todos aqueles que estades a facer posible este proxecto.

Seguimos traballando!
Segue lendo...

8 de agosto ás 13 h - especial sobre fauna invasora

O sábado 8 de agosto ás 13 h emítese no programa Bicherías da Radio Galega un monográfico sobre especies de fauna invasoras, no que participará Hábitat da man de Damián Romay.

Nel falarase das especies invasoras máis comúns en Galicia, os problemas que están a causar, e qué podemos facer para aportar o noso gran de area e minimizar os impactos.

Lembra que se non podes escoitalo en directo tes a opción de escoitar e mesmo descargar o podcast na web da RTVG.
Segue lendo...

Precisamos pilas e tarxetas de memoria!

Hábitat ten un grupo de traballo de Fototrampeo que está a desenvolver actividades e proxectos concretos, sempre baixo criterios científicos e cuns obxectivos definidos nos eidos do estudo, conservación e divulgación do patrimonio natural.

Trala recente adquisición de novas cámaras, atopámonos con que as pilas e tarxetas de memoria que temos non son suficientes para rotalas, o que supón retrasos e inconvintes á hora de revisar e manter as cámaras no campo. Por iso, se tes pilas AA tanto normais como recargables e tarxetas de memoria SD ou microSD de 2 GB que non uses, agradecemos que nolas dones.

Se queres saber máis sobre o fototrampeo, visita esta ligazón.
Segue lendo...

9-8-15: Rastrillo Solidario Fragas do Mandeo

Este domingo 9 de agosto entre as 9:00 e as 14:00 horas terá lugar na praza do Campo de Betanzos un Rastrillo Solidario organizado pola Fundación Fragas do Mandeo.

Con esta actividade, a Fundación, composta por Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural e Grupo Naturalista Hábitat, pretende recadar fondos para o desenvolvemento das súas actividades.

No rastrillo póñense á venda unha gran variedade de obxectos (libros, complementos de vestir, artigos de regalo e do fogar, xoguetes, etc.), todos eles doados polos socios e colaboradores

Invitámosvos a colaborar na montaxe dos postos, levar todos aqueles obxectos que non precisedes (unha boa forma de facer limpeza no faiado!), e a mirar se hai algo que vos interese mercar a bo prezo.
Segue lendo...