Encontros naturalistas xullo 2015: manexo de especies invasoras en illas


Nos Encontros Naturalistas de xullo 2015 temos a sorte de contar con Lucía Latorre Piñeiro, Doutora en Bioloxía pola USC que realizou a súa tese doutoral sobre impactos e manexo de invasións biológicas en illas, no Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (IMEDEA, C.S.I.C.- U.I.B.). Na actualidade, é coordinadora de manexo de especies invasoras no Vallée de Mai, Seychelles, coa Seychelles Islands Foundation.

Falaranos da súa experiencia personal como bióloga no eido do manexo de especies invasoras, pasando por distintos casos en illas moi diferentes: Seychelles, Sálvora e Cíes. Podes ler un adianto nesta nova de La Región.

Será o xoves 16 de xullo ás 20:30 horas no local do G. N. Hábitat, (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña).

Xa que o aforo é limitado, é imprescindible anotarse enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA, e os socios terán preferencia.
Segue lendo...

Xornada de anelamento científico de aves cos afiliados da ONCE



E por fin, logo das dúas primeiras xornadas, o pasado día 20 de xuño realizamos a derradeira -e quizais a máis impactante- das actividades contempladas nas "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", nas que veñen de colaborar ONCE Coruña e Emalcsa, e que contaron co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".




A actividade, guiada polos compañeiros do Grupo de Anelamento Píllara, fixo as delicias de nenos, maiores, pais, membros de Hábitat, e de todo canto alí estivo gozando da mañá. Merlos, pardais, ferreiriños e outras especies puideron ser recollidas e marcadas mediante anelamento científico, ferramenta esencial no estudo das aves.



Ao longo da xornada, os asistentes puideron no só aprender a importancia e metodoloxía para a posta en práctica desta técnica, senón que tamén tiveron a posibilidade de visitar as redes utilizadas para a recollida das aves, manipular o material necesario para o anelamento, e memo achegarse ás aves dun xeito único!, chegando a tomar conciencia da súa morfoloxía.



Poñemos así punto e final a unhas fermosas xornadas, que todos queremos que se volvan repetir.

Grazas a todos os que as fixestes posible!

Segue lendo...

Paseo guiado para a identificación das aves cos afiliados da ONCE



Logo do obradoiro realizado o día anterior, o pasado sábado 13 de xuño puxemos en marcha a segunda das actividades previstas nas "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", nas que veñen de colaborar ONCE Coruña e Emalcsa, e que contan co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".



Nesta saída de campo, desenvolvida no contorno do parque de Santa Margarita e guiada polo compañeiro e experto ornitólogo, Cosme Damián Romay Cousido, os asistentes puideron poñer en práctica o aprendido na sesión anterior, solucionando todas as dúbidas que se ían presentando e procurando recoñecer ás aves responsables de todos aqueles sons que nos acompañaban no noso camiñar... Merlos, papuxas, lavandeiras, pombos e moitas outras deixáronse escoitar. O parque estaba cheo de vida!



Remata a mañá e volvemos para casa co traballo ben feito, agradecendo que a climatoloxía acompañase e agardando con ansia a derradeira actividade que xa temos á volta da esquina.
Segue lendo...

"Fototrampeo", novo grupo de traballo no G.N.Hábitat. Reunión 13-07-2015



Dende o G.N.Hábitat comprácenos anunciar o establecemento dun novo grupo de traballo, dedicado á posta en práctica da técnica do fototrampeo, e que desenvolverá actividades e proxectos concretos, sempre baixo criterios científicos e cuns obxectivos definidos nos eidos do estudo, conservación e divulgación do patrimonio natural.

A técnica do fototrampeo, utilizada en diversos campos da investigación da fauna silvestre, supón a instalación no campo de equipos fotográficos automatizados e dotados de certas particularidades técnicas. Estes equipos poden ser colocados en lugares remotos, permanecendo alí certo tempo sen necesidade de mantemento algún, e chegan a proporcionar ao investigador información ecolóxica moi valiosa: presenza das especies nun área concreta; identificación de individuos a través do deseño do seu pelaxe; estimación de tamaños poboacionais; entre outras.

Nesta liña, o vindeiro luns 13 de xullo ás 20:30 h, celebrarase unha nova reunión deste grupo de traballo no local da asociación. Á reunión están convidados exclusivamente todos aqueles socios do G.N.Hábitat que queiran achegarse a esta práctica, podendo colaborar nas diversas iniciativas que se poñerán en marcha próximamente.

Prégase confirmación de asistencia a calquera socio que desexe acudir á cita, enviando un mail a gnhabitat@yahoo.es co asunto "Reunión fototrampeo", ou no 981 135 014.
Segue lendo...

3º Obradoiro sobre biodiversidade na Reserva da Biosfera - 12 xullo no Monte Xalo



O vindeiro domingo 12 de xullo de 10 a 13 h terá lugar o derradeiro dos tres obradoiros organizados para dar a coñecer a biodiversidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Nesta última xornada visitaremos o contorno do espazo natural do Monte Xalo, enmarcado entre os Concellos da Laracha, Cerceda, Culleredo e Carral. Ao longo da mañá, ademáis de poñer en valor as especies de flora e fauna presentes, afondaremos no coñecemento, estudo e protección da Saramaganta (Chioglossa lusitánica), declarada "Especie do ano 2015 na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

A asistencia, novamente, é de balde e está aberta a todo o público, mais recordade que as prazas son limitadas. Para apuntarse é preciso enviar un mail cos datos de contacto a info@marinasbetanzos.org ou chamar ao 981 669 541.

O punto de encontro será ás 10h no pequeno aparcadoiro situado ao pé da Igrexa de Santa María (Celas de Peiro. Culleredo). Ver mapa de localización. Prégase puntualidade aos participantes.
Segue lendo...

2º Obradoiro sobre biodiversidade na Reserva da Biosfera - 11 xullo na Ría do Burgo



O vindeiro sábado 11 de xullo de 9 a 12 h terá lugar o segundo dos tres obradoiros para dar a coñecer a biodiversidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Esta xornada estará centrada no eido da ornitoloxía, ciencia dedicada ao estudo das aves. Nela, os asistentes poderán familiarizarse co manexo do material óptico (prismáticos e telescopios) e as guías de campo utilizadas normalmente na observación e estudo das aves. Así mesmo, aprenderán a recoñecer e diferenciar as diversas especies de aves que se poden atopar neste espazo, formado pola desembocadura do río Mero, e que bañas os Concellos de Cambre, Oleiros, Culleredo e A Coruña.

A asistencia é de balde e está aberta a todo o público, mais as prazas son limitadas. Para apuntarse é preciso enviar un mail cos datos de contacto a info@marinasbetanzos.org ou chamar ao 981 669 541. O punto de encontro será ás 9h no paseo da ría, a carón do edificio que alberga o Xardín Botánico e Aula da Natureza Juan Lembeye. Ver mapa de localización.
Segue lendo...

Fragas do Mandeo cumple 5 anos de éxitos

O 6 de xullo Fragas do Mandeo está de aniversario. Naceu hai xa 5 anos co obxectivo de protexer os espazos naturais da bisbarra das Mariñas a través da custodia do territorio.

Nese tempo lográronse adquirir dereitos sobre preto de 200.000 m2 de monte, a metade mediante compra e o resto con acordos a longo prazo. Isto garante a rexeneración e conservación dos hábitats naturais destas parcelas.

Tamén ten actuado nos ríos, na braña e na costa; e todo isto grazas aos doadores e voluntarios que dan vida a este proxecto; ás asociacións que o apoian e difunden o importanto labor desenvolvido, e ás pequenas empresas que colaboraron de distintos xeitos.

Por iso queremos dar as gracias a todos eles, como membros do patronato da Fundación, e felicitalos por ter chegado ata aquí.

E se aínda non formas parte deste marabilloso proxecto, a qué esperas para sumarte á conservación dos nosos espazos naturais? Máis información aquí.
Segue lendo...