Obradoiro sobre biodiversidade na Reserva da Biosfera - 5 xullo en Arteixo


O vindeiro domingo 5 de xullo de 10 a 13 h terá lugar o primeiro de tres obradoiros para dar a coñecer a biodiversidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.


Esta xornada estará dedicada a Arteixo, e visitaremos o contorno da Aula de Natureza, o encoro de Rexidoiro e o sistema dunar de Barrañán para coñecer de preto as especies de flora e fauna que alí se atopan, e abordar a problemática das especies invasoras.


A asistencia é de balde mais as prazas son limitadas. Para apuntarse é preciso enviar un mail cos datos de contacto a info@marinasbetanzos.org ou chamar ao 981 669 541. O punto de encontro será a Aula de Natureza "Muíño Vello" (Travesía de Arteixo 309 - A, preto do Centro de Saúde) ás 10 h.
Segue lendo...

Obradoiro de identificación das aves cos afiliados da ONCE



O pasado venres 12 de xuño, membros de Hábitat puxemos en marcha a primeira das actividades previstas nas "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", nas que veñen de colaborar ONCE Coruña e Emalcsa, e que contan co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

A experiencia, novidosa tanto para os propios afiliados da ONCE como para nós mesmos, non puido ser máis positiva! Desenvolveuse nunha das aulas da sede de ONCE Coruña, e nela os asistentes puideron familiarizarse cos cantos e reclamos das aves máis comúns nos nosos parques e xardíns, grazas á reprodución de diversas audicións comentadas polo monitor da actividade, e experto ornitólogo, Cosme Damián Romay Cousido. Así mesmo, todos eles puideron tamén manipular diferente material relacionado coas aves: niños, plumas, reproducións de diversos exemplares, etc, o que permitiu optimizar a actividade.

En resumo, unha xornada estupenda na que poñerlle nome e apelidos aos autores deses sons que levaban tempo escoitando. Pero isto tan só foi o comezo!



Segue lendo...

Encontros naturalistas xuño: roteiro nocturno


Os encontros naturalistas de xuño consistirán nun roteiro nocturno coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, no que mesturaremos astronomía e observación de fauna.

O sábado 27 de xuño ás daremos un paseo dunhas 3 horas de duración pola Área Recreativa de San Xoán en Guitiriz, aprendendo a orientarnos polas estrelas e recoñecendo a fauna nocturna. O punto de encontro será o aparcadoiro da Área Recreativa de San Xoán ás 22 h.
Segue lendo...

Nova entrada no blog de Escola de Naturalistas_Herpetoloxía



Ao longo deste ano 2015 o G.N.Hábitat está a desenvolver a que xa é a "III promoción de Escola de Naturalistas", na que un pequeno grupo de xente aprende a escoitar, ver e identificar os diversos elementos da biodiversidade galega, a través de diferentes xornadas teórico/prácticas.

Para este proxecto, no que colabora Emalcsa, dende Hábitat desenvolvemos un blog propio (www.naturalistate.blogspot.com.es), ao que poderedes acceder nesta ligazón. Así mesmo, na parte superior do noso blog atoparedes a pestana "Escola de Naturalistas", dende onde tamén poderedes entrar.

Nos vos perdades as novas que imos publicando!
Segue lendo...

Hábitat nas ondas: monográficos de Bicherías

Dende hai un tempo, Hábitat conta cun pequeno espazo radiofónico titulado galicia Salvaxe dentro do programa Bicherías, que se emite os sábados de 13:00 a 14:00 h na Radio Galega. Normalmente, cada sábado, un membro de Hábitat fala sobre unha especie en concreto.

Nembargantes, houbo dous especiais dedicados integramente a Hábitat, e que poñemos á vosa disposición aquí (a partir do minuto 9 de cada podcast).

Bicherías de 6 de xuño de 2015: a metade do programa estivo dedicado ao Grupo en si, ás actividades que desenvolve e os proxectos que ten entre mans. Tamén se falou dos pardais, tanto do común que hai nas cidades, como doutras especies presentes en Galicia, e dos problemas de conservación que están a ter hoxe en día.

 
Bicherías do 13 de xuño de 2015: nesta ocasión, fíxose un monográfico sobre mascotas (cans e gatos), e o efecto prexudicial que estas teñen sobre a conservación da natureza cando están asilvestradas.
    
Se queredes escoitar o resto dos programas Bicherías nos que participou Hábitat en diferido, preme aquí. Segue lendo...

Roteiros pola Torre 2015: prazas ofertadas


Velaquí o calendario actualizado de datas previstas para os Roteiros pola Torre deste 2015, que normalmente se celebran o derradeiro domingo de mes: en verde os grupos con prazas libres, en amarelo aqueles a piques de completarse, en vermello os grupos con todas as prazas ocupadas.

Estas datas poderán modificarse en función das condicións meteorolóxicas, e avisarase aos interesados dos posibles cambios.

A actividade consiste nunha visita guiada a pé de 2 horas de duración, que percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Durante o traxecto, os guías explicarán as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

A asistencia é de balde, grazas ao patrocinio do Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir.

Posto que os grupos son reducidos (máximo 15 persoas), aceptaranse inscricións por orde segundo a data de recepción do email, ata completar o total de asistentes. Unha vez completo cada grupo, as solicitudes pasarán a lista de espera por se houbese baixas. Para calquera cambio ou cancelación, prégase comunicación o antes posible por email.

Tríptico sobre roteiros (PDF)

Vídeo promocional (Youtube), realizado por Edítalos

Máis información

Segue lendo...

Denuncia sobre introdución de especies alóctonas invasoras

O Grupo Naturalista Hábitat presentou o 15/06/2015 unha denuncia ambiental motivada pola introdución de especies alóctonas invasoras por parte de persoal da Xunta na área recreativa de San Xoán de Lagostelle, municipio de Guitiriz, dentro da Reserva de
Biosfera “Terras do Miño”.

O 6 de xuño, durante unha saída de campo para divulgación dos valores naturais do espazo recreativo de San Xoán de Lagostelle (Guitiriz), viron como varios individuos chegaron nun todoterreo co emblema da Xunta de Galicia e liberaban nun depósito de auga varios individuos de carpín dourado Carassius auratus, unha especie de peixe de orixe asiática de marcado carácter invasor e grave ameaza para as poboacións de fauna acuática.

Os participantes na actividade, entre os que se atopaban biólogos do Departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade da Coruña, advertíronlles da condición de especie invasora dos carpíns, e os denunciados non só non depuxeron a súa actitude, senón que respostaron de maneira airada ás indicacións feitas.

Dita denuncia, que podes consultar nesta ligazón, foi remitida a:
Servicio de Protección da Natureza (SEPRONA), Comandancia da Guardia Civil de Lugo.
Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Distrito forestal-X. Terra Chá, Consellería do Medio Rural e do Mar.
Concellería de Medio Ambiente, Concello de Guitiriz.
Reserva Da Biosfera Terras do Miño, Deputación Provincial de Lugo.
Servicio De Montes, Consellería Do Medio Rural E Do Mar
Segue lendo...

Actividade cos rapaces do proxecto de interese social "A Quinta Pata"

O pasado día 5 de xuño, membros do G.N. Hábitat realizamos unha actividade cos mozos e mozas implicados no proxecto de interese social "A Quinta pata", ligado á Asociación Centro Xuvenil Abeiro, entidade prestadora de servizos á mocidade que ten como finalidade contribuír á educación e promoción integral da infancia e mocidade.

Durante a xornada gozamos dun roteiro pola contorna da Torre de Hércules, poñendo en valor a riqueza natural deste incomparable marco paisaxístico da cidade da Coruña, e no que os participantes aprenderon a recoñecer as especies de fauna e flora presentes neste espazo, a utilizar os instrumentos ópticos imprescindibles para todo naturalista, e a concienciarse da problemática das especies exóticas invasoras.

Por se queredes botarlle un ollo, deixámosvos aquí a ligazón as imaxes da xornada!

- Ver a Galería de imaxes.

NOTA: Por expresa petición dos compañeiros de A Quinta Pata, recordámosvos que as imaxes, ao tratarse de menores, non se poden descargar.

Unha agradable xornada que agardamos repetir pronto!



Segue lendo...

Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais



O Grupo Naturalista Hábitat comprácese en organizar as primeiras "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", que se porán en marcha proximamente na nosa cidade. Con elas, dende o G.N.Hábitat preténdese traballar en favor dunha sociedade máis inclusiva, facilitar a integración social dos diferentes colectivos e achegar a natureza a toda a cidadanía.

A iniciativa, pioneira na nosa comunidade, conta coa colaboración de Emalcsa e ONCE Coruña, sendo os afiliados desta última os que poderán gozar das actividades previstas, sexa cal sexa o seu grao de discapacidade visual. Así mesmo, a proposta conta co apoio do Concello da Coruña (a través da súa área de Medio Ambiente) e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A todos eles o G.N.Hábitat lles quere manifestar o seu máis sincero agradecemento.

Establécense un total de 3 actividades a poñer en marcha:

- Obradoiro de identificación das aves por cantos e reclamos: exposición teórica na sede de ONCE Coruña, da man dun ornitólogo experto, sobre as especies de aves máis comúns presentes no contorno da nosa cidade. Nesta xornada impartiranse diferentes contidos, co gaio de que os asistentes acaden coñecer e diferenciar algunas das aves máis habituais no noso medio natural, abordando cuestións como os cantos e reclamos das aves (diferenciación e consellos para a súa identificación), adaptacións fisiolóxicas para a emisión dos sons, entre outras. Para todo isto realizaranse diversas audicións e traballarase con diferentes elementos, tales coma plumas, niños ou reproducións a escala, que os asistentes poderán manipular.

- Paseo guiado para o recoñecemento das aves: xornada de campo polo contorno do parque Santa Margarita, acompañados do monitor ornitólogo, e na que os asistentes poderán poñer en práctica o aprendido, detectar e analizar os sons das aves.

- Por último, realizase unha xornada de anelamento científico de aves no encoro de Cecebre, da man dos compañeiros aneladores do Grupo de Anelamento Píllara, e grazas a cal os participantes poderán no soamente achegarse ás aves dun xeito único, senón tamén entrar en contacto directo cos diferentes elementos necesarios para a práctica do anelamento científico, ferramenta esencial no estudo das aves.

...Escoitar, sentir, aprender.
Segue lendo...

Retirados máis de 250 kg de lixo das nosas praias!


Logo da convocatoria lanzada nos pasados días, 18 persoas reunímonos finalmente o domingo 7 de xuño para conmemorar o Día Mundial do Océanos, participando na "IV Limpeza simultánea de praias" coordinada por ADEGA.

Grazas a colaboración de todos, puidemos retirar o lixo presente nos areais da praia da Abeleira (Paderne) e da praia da Alameda (Miño), cun total de máis de 250 kg de residuos recollidos (plásticos e cordas, na súa maior parte).



Dende o G.N.Hábitat queremos agradecer a participación de todos os asistentes, cuxos esforzos e implicación permitiron superar as nosas expectativas. Así mesmo, queremos darlle a noraboa a ADEGA, por continuar coa súa labor en prol da conservación do medio natural galego.

Velaquí a reportaxe de La Sexta Noticias:


Segue lendo...

IV Limpeza simultánea de praias



O vindeiro domingo 7 de xuño, con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Océanos, dende o G.N.Hábitat aportaremos un ano máis o noso gran de area sumándonos á "IV limpeza simultánea de praias", iniciativa promovida polos compañeiros de ADEGA e na que se pretende facer, dun xeito simultáneo e coa implicación de multitude de colectivos, unha retirada do lixo presente nos areais galegos.

Alén do impacto visual que os residuos plásticos causan nos mares e praias, estes elementos supoñen tamén un grave perigo para, entre outros moitos recursos naturais, a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en cordas, sacos ou bolsas que provocan a súa morte por asfixia ou por vulnerabilidade ante os seus depredadores. Ademais, moitos animais mariños como tartarugas e cetáceos inxiren plásticos confundíndoos con alimento, o que finalmente pode provocar tamén a súa morte. Así mesmo, outro dos graves problemas do plástico é que este acaba reducíndose en pequenos anacos, susceptibles de acabar sendo inxeridos por peixes que dun xeito ou outro poden rematar nos nosos pratos. Os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen poder acabar pasando aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

Cada un de nós, que gozamos do patrimonio natural, debemos de ser conscientes desta realidade, e actuar  -na medida en que nos sexa posible- ante este problema: reduce o teu consumo diario de plástico, reutiliza ao máximo e recicla!!, tres sinxelas pautas que poden facer moito.

Nesta ocasión, e como vimos de facer noutros anos, os membros do G.N.Hábitat ocuparémonos de retirar o lixo da praia da Abeleira (Ponte do Porco. Paderne). Estaremos alí de 10 a 12 horas, e levaremos material para facilitar o desenvolvemento da actividade: luvas, canastros e carreta.

A actividade é de balde e aberta ao público (aos menores de idade recoméndaselles vir acompañados dun adulto). Todo aquel que se queira achegar deberá facelo polos seus propios medios de transporte, sendo o mesmo areal da praia o noso punto de encontro. 


Dende o G.N.Hábitat recomendamos vir igualmente co material propio que se teña disponible na casa (luvas, etc.), por se o que levemos non chegase para todos os asistentes, así como bebida e comida para a xornada.

Máis información:
- Sobre a IV limpeza simultánea de praias.
- Protocolo de limpeza de praias
- Cartaz "mares de plástico"

ÚNETE E LIMPA A TÚA PRAIA!!!
Segue lendo...

Xornada de anelamento e observación de aves co ANPA ACIO (colexio Andaina)


O pasado sábado membros do G.N.Hábitat, da man do Grupo de Anelamento Píllara e xunto coa participación dos cativos, pais e nais pertencentes ao ANPA ACIO do colexio Andaina, gozamos dunha mañá de campo dirixida á observación e anelamento científico de aves no encoro de Cecebre. Ao longo do día, os asistentes puideron familiarizarse coa técnica do anelamento, ferramenta imprescindible no estudo das aves, dando resposta a dúbidas como: que é?, para que serve?, como se fai? Así mesmo, tiveron a oportunidade de coñecer e diferenciar as diferentes especies que se poden atopar no noso contorno, apreciando as aves dende unha perspectiva única



Nenos e adultos gozamos por igual nesta xornada, na que a climatoloxía tivo a ben acompañarnos.

Velaquí o listado de especies que puidemos anelar:

- Cisticola juncidis
- Parus Major
- Troglodytes Troglodytes
- Passer domesticus
- Cyanistes caeruleus
- Phylloscopus ibericus
- Erithacus rubecula
- Cettia cetti
- Serinus Serinus
- Hippolais polyglotta
- Turdus Philomelos
- Turdus merula
- Hirundo rustica
- Alcedo atthis
Segue lendo...