O papel fundamental da caza

Recentemente, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia posicionouse en favor da caza como actividade cun "papel fundamental para dinamizar a economía rural e para o mantemento do equilibrio ecolóxico". (ver nota de prensa da CMATI do 16/05/2015).

Tempo antes, o colectivo Matar por Matar Non presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo a raiz da aprobación da Lei 13/2013, de caza de Galicia, que permite a práctica da caza en vías de comunicación asfaltadas, en contraste coa anterior lei que a limitaba a sendeiros pouco frecuentados e sempre que as condicións de seguridade o permitiran.

Ante esta queixa, o Valedor formula á administración cinexética a seguinte RECOMENDACIÓN:
"Debe desenvolverse pola vía normativa que estime procedente, o criterio interpretativo principal para considerar unha vía pública como zona de seguridade a efectos cinexéticos.
Asemade, semella oportuno impulsar o procedemento de declaración dun terreo como non cinexético para os efectos establecidos no artigo 37 da lei 13/2013, de caza de Galicia.

Por este motivo, o colectivo Matar por Matar Non ven de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar que esta recomendación se atenda, e que a actividade cinexética non supoña unha ameaza nen impida aos cidadáns-non-cazadores gozar do medio.

Para coñecer máis detalles sobre este asunto, incluidos os informes do Valedor do Pobo, visita a web de Matar por Matar Non.

Segue lendo...

Resultados da II Maratón na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

O pasado sábado 16 de maio de 2015 celebrouse a II Maratón Ornitolóxica Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e a Reserva da Biosfera MCeTM, xunto con multitude de entidades colaboradoras.


Esta actividade lúdica consistiu en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro de cada un dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e A Coruña, durante 18 horas.


En total participaron 14 equipos noutros tantos concellos diferentes, cun total de 46 observadores. O equipo gañador foi Los Sobados, no concello de Sobrado dos Monxes, composto por Ana San Segundo, Mar Caruncho e Javi F. Lodeiro como cabeza de equipo.

Os resultados finais foron moi notables, con 115 especies de aves vistas en total, das cales 61 víronse no concello con máis avistamentos, o de Oleiros, que foi o que levou o terceiro premio. No concello gañador, Sobrado dos Monxes, víronse 59 especies, pero ao ser algunhas delas exclusivas, déronlle máis puntos.

Este é un resumo das cifras por concellos:


Consulta aquí a lista completa de observacións por especie e concello.
Segue lendo...

Cambios nas datas dos Roteiros pola Torre

Anunciamos unha pequena modificación nas datas previstas para os Roteiros pola Torre deste 2015, que normalmente se celebran o derradeiro domingo de mes. En setembro faranse tamén o sábado 26, mentres que en novembro adiantaranse ao domingo 15, e en decembro non haberá. Así, o calendario de datas de roteiros queda establecido como se mostra na imaxe (en verde os grupos con prazas libres, en amarelo aqueles a piques de completarse, en vermello os grupos con todas as prazas ocupadas).

Estas datas poderán modificarse en función das condicións meteorolóxicas, e avisarase aos interesados dos posibles cambios.

A actividade consiste nunha visita guiada a pé de 2 horas de duración, que percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Durante o traxecto, os guías explicarán as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

A asistencia é de balde, grazas ao patrocinio do Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir.

Posto que os grupos son reducidos (máximo 15 persoas), aceptaranse inscricións por orde segundo a data de recepción do email, ata completar o total de asistentes. Unha vez completo cada grupo, as solicitudes pasarán a lista de espera por se houbese baixas. Para calquera cambio ou cancelación, prégase comunicación o antes posible por email.

Tríptico sobre roteiros (PDF)

Vídeo promocional (Youtube), realizado por Edítalos

Máis información

Segue lendo...

II Maratón ornitolóxica na Reserva da Biosfera MCeTM

A maratón ornitolóxica é unha actividade lúdica que consiste en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro de cada un dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e A Coruña nun tempo determinado. O obxectivo é achegar o avistamento e a identificación de aves ao público xeral, e poñen en valor os atractivos naturais da Reserva da Biosfera.

Concellos participantes: Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Curtis, A Irixoa, Miño, Oleiros, Paderne, Sada e Sobrado.

Información básica

Data: sábado 16 de maio de 2015.

Horario: período de observación de 00:00 h a 18:00 h, tendo que estar ás 19:00 h na Aula da Natureza de Crendes (Lugar tras Igrexa 81, 15318 Abegondo), para o reconto de puntos e entrega de premios.

Consulta aquí as bases.

Ver cartaz en PDF.


A inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata as 23:59 h do mércores 13 de maio. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou no correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo de todos os participantes, nome do equipo e datos de contacto (e-mail e teléfono). Haberá dúas modalidades de inscrición:

  • Equipos: poden inscribirse equipos xa formados, cun cabeza de equipo con experiencia na observación de aves.
  • Individual: para persoas que desexen participar, pero non teñan equipo formado. Hábitat formará os equipos e asignaralles un cabeza de equipo.
Lista das aves de Galicia. Estas son as especies puntuables.

Cartografía dos concellos

Organiza: Grupo Naturalista Hábitat / G. D. R. “Mariñas-Betanzos”.
Segue lendo...

Hábitat no "XX Día da Ciencia na Rúa"



Como xa saberedes, o vindeiro sábado día 9 de maio celébrase o "XX Día da Ciencia na Rúa", xornada na que a cidade da Coruña volverase encher de actividades no eido científico, sendo a o parque de Santa Margarita unha visita obrigada na que numerosas entidades mostrarán un sinfín de experimentos a todo aquel que se queira achegar.

Como non podería ser de outro xeito, o G.N.Hábitat estará alí! Desta volta volveremos compartir espazo cos compañeiros de Bibliotecas Municipais da Coruña, cos que vimos de colaborar un ano máis no desenvolvemento das actividades do seu Clube de Ciencia e Investigación (CCI), dedicado este ano ao tema da luz.

Os membros de Hábitat estaremos no parque de Santa Margarita en horario de tarde, entre as 15:30 e as 19h...vide a facernos unha visita!!

Máis información sobre a xornada, así como o programa do XX Día da Ciencia na Rúa, poderédela ver na seguinte ligazón á web do Concello
Segue lendo...