21 de marzo, día Internacional dos Bosques

O 21 de marzo celébrase o Día Internacional dos Bosques. Este evento, antes chamado Día Forestal Mundial, pretende chamar a atención, por unha banda, da importancia de conservar as masas de bosques nativos de todo o planeta (xunto coa biodiversidade asociada e os seus servizos ecosistémicos, entre eles a fixación de CO2 e mitigación da desertización), e, por outra, denunciar a destrución indiscriminada de milleiros de hectáreas de bosque cada día, a un ritmo vertixinoso (unha hectárea cada dous segundos!), moitas veces para plantar especies de crecemento rápido, como palma aceiteira ou eucaliptos.

En Galiza temos unha superficie arborada moi ampla, con case 1,3 millóns de hectáreas arboradas (A), o que supón case o 44% do territorio. A día de hoxe, grosso modo, temos 1/3 de frondosas, 1/3 de piñeiro e 1/3 de eucalipto. A calidade destas masas é baixa: só o 2% dos bosques galegos poden ser clasificados como bosques nativos nun estado óptimo de conservación (B).

E falando de eucaliptos: é importante subliñar que en 1996 había 138.500 hectáreas plantadas en Galiza deste xénero de especies de orixe australiana, e que en 2011 eran xa case 396.000 de héctareas (C). Hoxe, 2015, e a falta de analizar polo miúdo as novas plantacións masivas (sobre todo na provincia da Coruña e norte de Lugo), xa se superarían probablemente as 500.000 hectáreas, ou, o que é o mesmo, en menos de 20 anos vai camiño de CUADRUPLICARSE a superficie cultivada con eucaliptos. E outro dato: a metade dos eucaliptos en España están plantados en Galiza (D).

En 2011 publicouse un manifesto titulado "Unha visión común do problema do eucalipto" (E), e un exhaustivo informe sobre a conflitividade das plantacións de eucalipto en España e Portugal (F).
A día de hoxe cómpre dicir que hai xente traballando arreo para mapear e denunciar novas plantacións (G), recollendo información acerca do efecto dos eucaliptais sobre a fauna e flora nativa e, paralelamente, creando e facendo medrar plataformas para dicir NON á perda do bosque autóctono en detrimento do eucalipto (H, I), incluso a través da custodia directa do territorio (J).

Porque, como ben dicía César-Javier Palacios, o eucalipto é unha árbore que ameazada aos bosques (K), e o seu monocultivo indiscriminado é un dos principais problemas ambientais de Galiza.

REFERENCIAS:
(A) http://www.magrama.gob.es/estadistica/pags/anuario/2010/AE_2010_12.pdf
(B) http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/bosques-conservados-solo-ocupan-2-superficie-forestal/idEdicion-2011-03-22/idNoticia-651498/
(C) http://www.farodevigo.es/galicia/2011/11/29/plantaciones-eucalipto-galicia-duplicaron-ultimos-quince-anos/601604.html
(D) https://www.meneame.net/story/eucalipto-ocupa-casi-tercio-superficie-arbolada-gallega
(E) http://www.sghn.org/Actuacions_Xeral/Arbores_Bosques/Una_vision_comun_sobre_el_problema_del_eucalipto.pdf
(F) http://www.greenpeace.org/espana/Global/espana/report/bosques/InformeEucalipto2011.pdf
(G) http://adega.gal/web/novas.php?id=293&idioma=gl&sec=116
(H) https://cousaderaices.wordpress.com/
(I) https://dinoaleucalipto.wordpress.com/
(J) http://www.fragasdomandeo.org/
(K) http://blogs.20minutos.es/cronicaverde/2011/04/21/eucalipto-el-arbol-que-amenaza-a-los-bosques/
Segue lendo...

Clube de Ciencia e Investigación 2015: luz!




Continuando coas actividades científicas nas Bibliotecas Municipais da Coruña, e por ser 2015 o ano Internacional da Luz, temos programadas as seguintes actividades e experimentos:

A trasLUZ
Charla na que se fará unha revisión somera do que sabemos da luz dende o punto de vista físico, qué é, como se orixina, e como o fomos aprendendo sobre ela (principais descubrimentos e aplicacións en torno á óptica) así como a súa interacción cos seres vivos (fotosíntesis, visión...)

aLUZinante
Experiencias sinxelas nas que comprobar o comportamento da luz e dos nosos sentidos en diferentes circunstancias con elementos da vida diaría. Observaranse de xeito práctico principios da física relacionados coa luz: reflexión e refracción da luz en diferentes medios (aire, auga, aceite, fume), efecto Tyndall, espectro da luz (visible e non visible), descomposición e recomposición da luz blanca e ilusións ópticas.

Se queres saber máis sobre esta actividade, visita a web do CCI.
Segue lendo...

Calendario 2015 do G.N.Hábitat_faite con un!!



Xa temos dispoñible o Calendario 2015 do G.N.Hábitat!!, resultado das obras gañadoras no II Certame de Debuxo da Natureza "Vida Silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa.

Se te queres facer cun exemplar en papel (formato triangular de sobremesa) ponte en contacto con nós no 981 135 014, ou envíanos un email ao noso correo gnhabitat@yahoo.es co asunto "Calendario", e fainos a túa consulta . Se o que prefires é telo en formato .pdf, aquí tes a ligazón para a súa descarga de balde!

Agardamos que sexa do voso agrado.

Saúde e Natureza!
Segue lendo...

Custodia de praias cos alumnos do CPI Castro Baxoi (Miño)

O vindeiro xoves 26 de marzo terá lugar a primeira das tres actividades cos alumnos da ESO do CPI Castro Baxoi de Miño, no marco do proxecto Custodia de Praias.

Esta actividade, patrocinada polo Concello de Miño e organizada por Hábitat, consistirá en coñecer un pouco mellor os paxaros que habitan a praia de Miño e o esteiro. No futuro levarán a cabo a retirada de especies invasoras da praia. Segue lendo...

Encontros marzo 2015: Os picafollas (xénero Phylloscopus) en Galicia


Nos Encontros Naturalistas de marzo 2015 aprenderemos cales son as especies e subespecies de picafollas que se teñen atopado en Galicia, e como diferencialas.

A charla, na que colaboran Fernando Pereiras, Manolo Carregal (Grupo de Anelamento Píllara) e Paco Rosende (Grupo de Anelamento Hércules), estará impartida por Damián Romay, biólogo e naturalista con ampla experiencia.

Será o mércores 18 de marzo ás 20:30 horas no local do G. N. Hábitat, (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña).

Xa que o aforo é limitado, é imprescindible anotarse enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA, e os socios terán preferencia.
Segue lendo...

Resultados de CoruñAves 2015


O sábado día 28, logo de terse aprazado a primeira convocatoria da nosa tradicional Maratón Ornitolóxica por mal tempo, e, a pesar do mal tempo, 35 participantes de todas as idades animáronse a percorrer a cidade en busca das diferentes especies de aves que conviven con nós.

As equipas repartíronse por A Coruña, provistos de telescopios e prismáticos e guiados por un naturalista con experiencia. Así puideron gozar non só daquelas especies consideradas máis urbanas e que se atreven a soportarnos día a día, como pardais, merlos e gaivotas patiamarelas, se non que, grazas ás indicacións dos membros do Grupo sobre cando, onde e como observar, puidéronse ver desde rapinas como o lagarteiro, o gabián ou o miñato, ata aves mariñas peláxicas que se refuxian do temporal dentro da ría e dos portos como mascatos, gaivotóns ou araos carolos. Tamén avistáronse aves moi especializadas na súa alimentación, como o mazarico chiador, o virapedras, os pilros común e escuro, ou os biluricos claros e patirrubios, e especies máis xeralistas como os córvidos (pega rabilonga, pega marza, corvo e choia), aves grandes coma o cisne, de máis de 2,5 m de envergadura, ou pequenas coma o carrizo, de apenas 10 gramos de peso. 


Os participantes sorprendéronse de comprobar que aves como o picapeixe, a garza real ou a garzota empregan a ría como lugar de alimentación e repouso pasando practicamente desapercibidos entre os cidadáns, de que as derradeiras hortas da cidade poidan conservar aínda bandos de xílgaros, verderolos, liñaceiros e pimpíns nos seus barbeitos, de que nas sebes canten papuxas e escribentas,e de que o ruído do tráfico no oculte o canto de aves coma o roiseñol bravo, extremadamente tímidas pero doadamente detectables se en vez de ollar escoitamos... podendo descubrir un autentico mundo oculto para aqueles que o queren ver.

En total 67 especies en catro horas, nun ambiente de cordialidade e camaradería, onde se achegou un pouco máis a natureza aos cidadáns da Coruña, felicitando ao grupo formado por Javi Lodeiro, Adán Gonçalves, Sandra Villarquide, Atocha Ramos e Damián Romay, gañadores da proba con 56 especies.

Mira aquí os equipos participantes, os lugares visitados, e o listado de aves observadas.

As fotos tamén están dispoñibles no noso Facebook.
Segue lendo...