As invasoras ocupan os terreos do Polígono Industrial de Morás (Arteixo)

O Grupo Naturalista Hábitat manifestou nunha carta ao Concello de Arteixo e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa fonda preocupación polo estado dos terreos asignados á construción do Polígono Industrial de Morás, que constitúen un risco ambiental moi grave con necesidade moi urxente de medidas paliativas e correctoras.

Os terreos nos que se proxectou a construción do devandito polígono ocupan unhas 150 ha, que foron ocupadas en grande medida pola gramínea Cortaderia selloana (plumachos ou herba da pampa), unha planta alóctona e de marcado carácter invasor, que forma en pouco tempo poboacións moi densas que ocupan completamente o hábitat dispoñible, ao tempo que impide a instalación doutras especies botánicas. Os individuos desta especie forman macollas moi ben arraigadas e contan cuns tecidos vexetativos especialmente resistentes debido a importantes depósitos de sílice nos mesmos. Estas características fan que sexa unha planta especialmente difícil de erradicar, incluso mediante maquinaria.

Os terreos abertos e desprovistos de cobertura vexetal son os medios idóneos para a propagación desta especie, e as vías de tráfico rodado (especialmente con cunetas pouco ou nada vexetadas) son un medio excelente para a dispersión lineal ata novas zonas que colonizar. Cortaderia selloana dispérsase por medio de sementes moi lixeiras que poden viaxar polo aire, e que son producidas de forma masiva: decenas de miles por cada inflorescencia ou plumacho.

Hábitat ven traballando no estudo e control de especies invasoras dende hai máis dunha década, e considera que as especies de flora invasora constitúen unha das meirandes ameazas para a biodiversidade en Galicia, particularmente nos territorios dos Concellos da RB-MCeTM. Por isto estímase da máxima prioridade que ditos Concellos, de xeito coordinado e co apoio da Reserva, establezan unhas medidas comúns de caracterización e eliminación das poboacións de especies invasoras presentes na RB-MCeTM, así como que se leven a cabo plans eficaces para a concienciación e prevención da aparición de novas poboacións.

O caso dos terreos mencionados é especialmente grave debido á súa dimensión, así como á presenza de vías favorecedoras da dispersión dentro e entorno dos mesmos, e, consecuentemente consideramos inaprazable unha actuación de eliminación dos pés de Cortaderia selloana presentes actualmente no polígono, o establecemento de medidas que impidan ou reduzan as probabilidades de implantación de novas poboacións e o seguimento continuado no tempo destes terreos.
Segue lendo...

Entrega de premios do II Certame de Debuxo

O 25 de febreiro entregáronse os premios do premios do II Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G.N.Hábitat da man de Emalcsa. 

No evento participaron D. Jaime Castiñeira, Director Xeral de EMALCSA, D. José Antonio Santiso, Director da “Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, D. Carlos Negreira, Alcalde da Coruña, D. Enrique de Salvador, Concelleiro de Medio Ambiente da Coruña, e D. Santiago Vázquez, Presidente do Grupo Naturalista Hábitat..

Podes ver máis fotos no noso Facebook.


Consulta os gañadores e obras premiadas.
Segue lendo...

Vídeo divulgativo sobre o visón americano, especie invasora


Invasións biolóxicas: O caso do visón americano from Divulgare on Vimeo.

Nesta animación amósanse as consecuencias da invasión biolóxica do visón americano (Mustela vison) en zoas nas que vivía previamente o visón europeo (Mustela lutreola).

O visón americano é unha especie invasora que compite polos recursos coas especies nativas. É máis agresiva, porta virus letais para as especies europeas nativas, etc. Así, cando colonizan outros ecosistemas afectan de forma negativa á biodiversidade destes.

Os efectos destas invasións por organismos exóticos poden ser tan importantes que a recuperación do ecosistema, en caso de ser acometida, supón un custo económico enorme. Por esta razón é máis doado evitar as invasións.

Este vídeo foi creado para a sua utilización libre como material docente. Esta versión foi producida en galego co apoio da Xunta de Galicia.
Segue lendo...

CoruñAves 2015: adiado ata 28 de febreiro

CoruñAves 2015, a maratón ornitolóxica no Concello da Coruña, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat co apoio do Concello e de Foto Artús, prevista para o 31-1-2015, tivo que ser cancelada por mor do mal tempo. Tendo en conta outras actividades do Grupo, e as festas de carnaval, vémonos obrigados a adiala ata o sábado 28 de febreiro.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e procurando empregar medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Terá lugar o sábado 28-2-2015, e o prazo de inscrición está aberto ata o xoves 26 de febreiro, inclusive.

Quedarase no local de Hábitat, na rúa Camariñas 8, baixo ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación.

Podes consultar aquí a documentación necesaria:
Bases completas (PDF)
Cartaz do evento (PDF) 
Mapa do Concello da Coruña (PDF)
Lista patrón de aves (PDF)
Segue lendo...

Acto de entrega de premios do II Certame de Debuxo da Natureza



Prezados compañeiros.

O vindeiro mércores 25 de febreiro ás 20:30h, na sala de exposicións da Casa da Auga (A Coruña), terá lugar o acto de entrega de premios do II Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G.N.Hábitat da man de Emalcsa.

Ao evento acudirán representantes das entidades organizadoras e promotoras desta iniciativa, así como do Concello da Coruña, da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e do eido da ilustración da natureza, os que se encargarán da entrega dos premios e diplomas aos diferentes gañadores nesta convocatoria.

Dado o carácter público deste acto, poderá asistir todo aquel que o desexe. Así todo, dende o G.N.Hábitat queremos animar especialmente a todos os participantes (premiados ou non) nesta II edición do Certame de Debuxo, e que fixeron desta iniciativa un éxito de participación.

Por cuestións de cabida, e para facilitar a organización do acto, pregamos en todo caso confirmación de asistencia por teléfono (981 135 014) ou e-mail (gnhabitat@yahoo.es).

Non deixedes de ir a gozar da exposición das obras, que aínda se atopa aberta ao público na Casa da Auga!

Consulta os gañadores e obras premiadas.
Segue lendo...

Calendario de roteiros naturalistas 2015

O Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, ofrece a residentes e turistas visitas guiadas polo contorno da Torre de Hércules e Punta Herminia.

A actividade consiste nun traxecto circular a pé dunhas 2 horas de duración, que percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Durante o traxecto, os guías explicarán as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

Os roteiros desenvolveranse o último domingo de cada mes pola mañá en dúas quendas: unha as 10:00 e outra as 12:00. Actualmente quedan prazas o 26 de xullo, 30 de agosto, 25 de outubro, 29 de novembro e 27 de decembro en calquera das dúas quendas. Estas datas poderán modificarse en función das condicións meteorolóxicas, e avisarase aos interesados dos posibles cambios.

A asistencia é de balde, grazas ao patrocinio do Concello da Coruña, e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir.

Posto que os grupos son reducidos (máximo 15 persoas), aceptaranse inscricións por orde segundo a data de recepción do email, ata completar o total de asistentes. Unha vez completo cada grupo, as solicitudes pasarán a lista de espera por se houbese baixas. Para calquera cambio ou cancelación, prégase comunicación o antes posible por email.

Tríptico sobre roteiros (PDF)

Vídeo promocional (Youtube), realizado por Edítalos

Máis información

Segue lendo...

Exposición das obras do II Certame de Debuxo da Natureza



Prezados compañeiros, comprácenos anunciar que a partir do vindeiro mércores 24 de decembro xa poderedes visitar a exposición de todas as obras presentadas ao II Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G.N.Hábitat en colaboración con Emalcsa. 242 ilustracións de nenos e adultos comprometidos co patrimonio natural galego, e que nos sorprenden un ano máis coas súas dotes artísticas.

A exposición estará ubicada na planta baixa da Casa da Auga (rúa Manuel Murguía s/n, A Coruña), sendo o horario de visitas o mesmo que o de apertura das instalacións, previsto de luns a venres de 07:30 a 23 h; sábados de 9:30 a 22 h; e domingos e festivos de 9:30 a 21 h.

A mostra permanecerá aberta ao público, como mínimo, ata o día 15 de xaneiro de 2015, sen fixarse aínda a data de peche.

Próximamente publicaremos a data do acto de entrega de premios, que con toda probabilidade celebrarase no mes de xaneiro, e no que agardamos a presenza de todos os participantes neste certame.

Animádevos a visitala!!
Segue lendo...