Remate da III promoción de Escola de Naturalistas

Chega á última sesión da Escola de Naturalistas 2015!!, con dúas actividades moi especiais. A parte teórica será unha mesa redonda con reputados naturalistas galegos, que nos falarán das súas experiencias de campo, os seus inicios e outras historias relacionadas co medio natural. Terá lugar o xoves 26 de novembro ás 20:30 h no local de Hábitat, e estarán presentes José Luis Rabuñal, Jose Souza, Ramón F. Ramón "Cholo", Guillermo Martínez, Manolo Carregal e Berto Monteagudo.

No ámbito práctico, o domingo 29 de novembro levaremos a cabo un bioblitz na finca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en Abegondo, no que Hábitat está a desenvolver diferentes iniciativas. E que é un BioBlitz? É un estudo intensivo de campo durante un período curto de tempo, no que se explora bioloxicamente unha determinada área para rexistrar e identificar o maior número de especies posible. Isto faise identificando algunhas das especies no campo, pero sobre todo fotografando todos os seres vivos que detectemos, para identificalos a posteriori.

Como xa saberedes, as actividades programadas dentro da iniciativa "Escola de Naturalistas" desenvolvida polo G.N.Hábitat son de asistencia exclusiva para os inscritos en cada promoción. Así todo, esta última sesión, dado o seu interese e transcendencia, queda aberta para a participación de calquera socio de Hábitat que se queira achegar.

Co gaio de facilitar a organización das xornadas, prégase a todos os socios que queiran participar que envíen un correo electrónico co asunto "Escola" a gnhabitat@yahoo.es, ou chamando ao 981 135 014, especificando a qué actividades vanse a sumar.

Agardámosvos!!


No hay comentarios: