Un tigre de Bengala entre ferranchos no encoro da Fervenza

Os colectivos ADEGA, GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes) e Hábitat solicitamos recentemente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza información sobre a presenza dun exemplar de tigre de Bengala (Panthera tigris tigris) nas instalación da empresa Naturmaz, localizadas ao carón do encoro da Fervenza (Aérodromo da Fervenza), concello de Mazaricos.

Nunha recente visita pola contorna do encoro puidose comprobar que dentro das instalacións de Naturmaz, o tigre paseaba nun recinto exterior arrodeado dun valado improvisado con ferros e malla de obra. Ao noso entender, este recinto con conta coas debidas medidas de seguridade e saúde para garantir o benestar do animal, nin tampouco a integridade dos visitantes e residentes das áreas próximas, ao abeiro do establecido na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade (artigo 10.3).

Alén de poner estas circunstancias en coñecemento da Xunta, solicitamos da administración que verificara o cumprimento das condicións das autorizacións e permisos cos que deben contar os responsábeis das instalacións (Naturmaz) para a tenza e exhibición do animal, en particular os certificados CITES e as medidas de seguridade e saúde establecidas para o correcto manexo deste exemplar.

A resposta da Xunta: puro surrealismo

En resposta á nosa solicitude de información, a Consellaría de Medio Ambiente informa neste escrito de que no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade “figura inscrita a colección zoolóxica privada composta por un exemplar de tigre, propiedade do Aeródromo da Fervenza”. Asemade, o establecemento non está autorizado como parque zoolóxico, “polo que os animais da colección non poden ser exhibidos ao público”.

Sobre as condicións de seguridade, Conservación da Natureza engade que “ao non ter sido contemplada nin solicitada a priori dita exposición, durante as inspeccións realizadas non foron avaliadas as medidas de protección do público aplicables aos parques zoolóxicos”.

Dende ADEGA, GEAS e Hábitat sorpréndenos que nestas inspeccións non foran avaliadas as medidas de protección do público nen a salubridade e benestar do animal, simplemente por non tratarse dun parque zoolóxico. Resulta evidente que o obxectivo desta “colección zoolóxica privada”, pertencente a unha empresa que publicita “turismo activo, ocio y deportes de aventura” é exhibilo aos visitantes; visitantes cuxa seguridade pode estar en perigo dadas as condicións de “retención” do tigre, con uns cantos ferranchos e malla de obra.

O uso do tigre como atracción para usuarios e clientes do lugar é evidente e fica ademais demostrado á vista dos comentarios que os grupos de visitantes suben a internet, por exemplo esta web do alunado de primaria do IES Fogar de Carballo.

Por outra banda, a esistencia dun documento CITES (Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre) e dun certificado veterinario para o exemplar, como tamén informou a Xunta, non implica que o tigre estea nas axeitadas condicións. E sobre esta cuestión, clave para verificar o benestar do animal e o cumprimento da lei, a Xunta non se pronuncia.

Xa é triste que un exemplar de tigre de Bengala sexa retido e exhibido nestas condicións, mais o verdadeiramente lamentábel é que a Xunta recorra a pobres subterfuxios (“non é un zoolóxico”) para renunciar a cumprir as súas funcións e facer a vista gorda diante dunha situación máis que irregular.

ADEGA
GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes)
Grupo Naturalista Hábitat

No hay comentarios: