Nova ferramenta para o proxecto de anelamento "Gaivotas patiamarelas nas Illas de San Pedro"



Dende o G.N.Hábitat comprácenos comunicarvos que nun breve espazo de tempo teremos habilitada unha nova ferramenta de traballo, a cal permitirá dinamizar a xestión e resposta dos resultados que se veñen acadando no marco do proxecto de anelamento de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) nas Illas de San Pedro, desenvolvido pola nosa asociación. O proxecto, iniciado no pasado ano 2010, engloba un total de 4 campañas de anelamento, postas en práctica polos grupos de anelamento Hércules e Píllara, cun total de 173 individuos marcados hoxe día.

Neste tempo son moitos os colaboradores que nos teñen remitido as súas citas e imaxes das “nosas gaivotas” ao longo da xeografía, sendo esta información a que lle da sentido ao proxecto posto en marcha. Nesta liña, a batería de datos obtida crece día a día, facéndose cada vez máis necesaria a procura dunha ferramenta que permita corresponderlle aos colaboradores a súa implicación.

Así, dende o G.N.Hábitat estamos a traballar nunha plataforma online que permitirá a incorporación das observacións e imaxes por parte do propio autor, dun xeito cómodo e intuitivo, permitindo finalmente xerar e gardar dun modo automático a Historia Vital de cada exemplar observado, así como consultar o historial de todos os individuos marcados. Con isto preténdese facer aos colaboradores partícipes activos na xestión das Historias Vitais, contribuír ao estudo no eido da ornitoloxía e achegar a información científica á cidadanía.

Moitas grazas a todos aqueles que estades a facer posible este proxecto.

Seguimos traballando!

No hay comentarios: