Xornada de anelamento científico de aves cos afiliados da ONCE



E por fin, logo das dúas primeiras xornadas, o pasado día 20 de xuño realizamos a derradeira -e quizais a máis impactante- das actividades contempladas nas "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", nas que veñen de colaborar ONCE Coruña e Emalcsa, e que contaron co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".




A actividade, guiada polos compañeiros do Grupo de Anelamento Píllara, fixo as delicias de nenos, maiores, pais, membros de Hábitat, e de todo canto alí estivo gozando da mañá. Merlos, pardais, ferreiriños e outras especies puideron ser recollidas e marcadas mediante anelamento científico, ferramenta esencial no estudo das aves.



Ao longo da xornada, os asistentes puideron no só aprender a importancia e metodoloxía para a posta en práctica desta técnica, senón que tamén tiveron a posibilidade de visitar as redes utilizadas para a recollida das aves, manipular o material necesario para o anelamento, e memo achegarse ás aves dun xeito único!, chegando a tomar conciencia da súa morfoloxía.



Poñemos así punto e final a unhas fermosas xornadas, que todos queremos que se volvan repetir.

Grazas a todos os que as fixestes posible!

No hay comentarios: