Paseo guiado para a identificación das aves cos afiliados da ONCE



Logo do obradoiro realizado o día anterior, o pasado sábado 13 de xuño puxemos en marcha a segunda das actividades previstas nas "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", nas que veñen de colaborar ONCE Coruña e Emalcsa, e que contan co apoio do Concello da Coruña e da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".



Nesta saída de campo, desenvolvida no contorno do parque de Santa Margarita e guiada polo compañeiro e experto ornitólogo, Cosme Damián Romay Cousido, os asistentes puideron poñer en práctica o aprendido na sesión anterior, solucionando todas as dúbidas que se ían presentando e procurando recoñecer ás aves responsables de todos aqueles sons que nos acompañaban no noso camiñar... Merlos, papuxas, lavandeiras, pombos e moitas outras deixáronse escoitar. O parque estaba cheo de vida!



Remata a mañá e volvemos para casa co traballo ben feito, agradecendo que a climatoloxía acompañase e agardando con ansia a derradeira actividade que xa temos á volta da esquina.

No hay comentarios: