"Fototrampeo", novo grupo de traballo no G.N.Hábitat. Reunión 13-07-2015



Dende o G.N.Hábitat comprácenos anunciar o establecemento dun novo grupo de traballo, dedicado á posta en práctica da técnica do fototrampeo, e que desenvolverá actividades e proxectos concretos, sempre baixo criterios científicos e cuns obxectivos definidos nos eidos do estudo, conservación e divulgación do patrimonio natural.

A técnica do fototrampeo, utilizada en diversos campos da investigación da fauna silvestre, supón a instalación no campo de equipos fotográficos automatizados e dotados de certas particularidades técnicas. Estes equipos poden ser colocados en lugares remotos, permanecendo alí certo tempo sen necesidade de mantemento algún, e chegan a proporcionar ao investigador información ecolóxica moi valiosa: presenza das especies nun área concreta; identificación de individuos a través do deseño do seu pelaxe; estimación de tamaños poboacionais; entre outras.

Nesta liña, o vindeiro luns 13 de xullo ás 20:30 h, celebrarase unha nova reunión deste grupo de traballo no local da asociación. Á reunión están convidados exclusivamente todos aqueles socios do G.N.Hábitat que queiran achegarse a esta práctica, podendo colaborar nas diversas iniciativas que se poñerán en marcha próximamente.

Prégase confirmación de asistencia a calquera socio que desexe acudir á cita, enviando un mail a gnhabitat@yahoo.es co asunto "Reunión fototrampeo", ou no 981 135 014.

No hay comentarios: