Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais



O Grupo Naturalista Hábitat comprácese en organizar as primeiras "Xornadas de achegamento ás aves dirixidas a discapacitados visuais", que se porán en marcha proximamente na nosa cidade. Con elas, dende o G.N.Hábitat preténdese traballar en favor dunha sociedade máis inclusiva, facilitar a integración social dos diferentes colectivos e achegar a natureza a toda a cidadanía.

A iniciativa, pioneira na nosa comunidade, conta coa colaboración de Emalcsa e ONCE Coruña, sendo os afiliados desta última os que poderán gozar das actividades previstas, sexa cal sexa o seu grao de discapacidade visual. Así mesmo, a proposta conta co apoio do Concello da Coruña (a través da súa área de Medio Ambiente) e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A todos eles o G.N.Hábitat lles quere manifestar o seu máis sincero agradecemento.

Establécense un total de 3 actividades a poñer en marcha:

- Obradoiro de identificación das aves por cantos e reclamos: exposición teórica na sede de ONCE Coruña, da man dun ornitólogo experto, sobre as especies de aves máis comúns presentes no contorno da nosa cidade. Nesta xornada impartiranse diferentes contidos, co gaio de que os asistentes acaden coñecer e diferenciar algunas das aves máis habituais no noso medio natural, abordando cuestións como os cantos e reclamos das aves (diferenciación e consellos para a súa identificación), adaptacións fisiolóxicas para a emisión dos sons, entre outras. Para todo isto realizaranse diversas audicións e traballarase con diferentes elementos, tales coma plumas, niños ou reproducións a escala, que os asistentes poderán manipular.

- Paseo guiado para o recoñecemento das aves: xornada de campo polo contorno do parque Santa Margarita, acompañados do monitor ornitólogo, e na que os asistentes poderán poñer en práctica o aprendido, detectar e analizar os sons das aves.

- Por último, realizase unha xornada de anelamento científico de aves no encoro de Cecebre, da man dos compañeiros aneladores do Grupo de Anelamento Píllara, e grazas a cal os participantes poderán no soamente achegarse ás aves dun xeito único, senón tamén entrar en contacto directo cos diferentes elementos necesarios para a práctica do anelamento científico, ferramenta esencial no estudo das aves.

...Escoitar, sentir, aprender.

1 comentario:

Luis Andres Garcia dijo...

Exclente idea. Todo un ejemplo a seguir.