IV Limpeza simultánea de praias



O vindeiro domingo 7 de xuño, con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Océanos, dende o G.N.Hábitat aportaremos un ano máis o noso gran de area sumándonos á "IV limpeza simultánea de praias", iniciativa promovida polos compañeiros de ADEGA e na que se pretende facer, dun xeito simultáneo e coa implicación de multitude de colectivos, unha retirada do lixo presente nos areais galegos.

Alén do impacto visual que os residuos plásticos causan nos mares e praias, estes elementos supoñen tamén un grave perigo para, entre outros moitos recursos naturais, a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en cordas, sacos ou bolsas que provocan a súa morte por asfixia ou por vulnerabilidade ante os seus depredadores. Ademais, moitos animais mariños como tartarugas e cetáceos inxiren plásticos confundíndoos con alimento, o que finalmente pode provocar tamén a súa morte. Así mesmo, outro dos graves problemas do plástico é que este acaba reducíndose en pequenos anacos, susceptibles de acabar sendo inxeridos por peixes que dun xeito ou outro poden rematar nos nosos pratos. Os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen poder acabar pasando aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

Cada un de nós, que gozamos do patrimonio natural, debemos de ser conscientes desta realidade, e actuar  -na medida en que nos sexa posible- ante este problema: reduce o teu consumo diario de plástico, reutiliza ao máximo e recicla!!, tres sinxelas pautas que poden facer moito.

Nesta ocasión, e como vimos de facer noutros anos, os membros do G.N.Hábitat ocuparémonos de retirar o lixo da praia da Abeleira (Ponte do Porco. Paderne). Estaremos alí de 10 a 12 horas, e levaremos material para facilitar o desenvolvemento da actividade: luvas, canastros e carreta.

A actividade é de balde e aberta ao público (aos menores de idade recoméndaselles vir acompañados dun adulto). Todo aquel que se queira achegar deberá facelo polos seus propios medios de transporte, sendo o mesmo areal da praia o noso punto de encontro. 


Dende o G.N.Hábitat recomendamos vir igualmente co material propio que se teña disponible na casa (luvas, etc.), por se o que levemos non chegase para todos os asistentes, así como bebida e comida para a xornada.

Máis información:
- Sobre a IV limpeza simultánea de praias.
- Protocolo de limpeza de praias
- Cartaz "mares de plástico"

ÚNETE E LIMPA A TÚA PRAIA!!!

No hay comentarios: