Crónica dos Roteiros pola Torre do 26 de abril

A pesares da mala predicción meteorolóxica, os roteiros naturalistas pola Torre de Hércules do 26 de abril leváronse a cabo exitosamente. Mesmo con sol!

A primeira sorpresa do día foi un macho inmaduro de picanzo cabecirrubio (Lanius senator), avistado na zona de matogueira preto da baixada ao Areal (denominado tamén praia das Lapas). Pode que sexa a primeira cita desta especie para o municipio da Coruña.

Tamén se observaron adultos, larvas e ovos de ra das veigas (Discoglossus galganoi), a única especie de anfibio que a día de hoxe pode atoparse na contorna da Torre.

Na quenda das 12 levantouse algo máis de vento, mais a choiva non deu problemas. Así, puidemos gozar coa presenza dunha choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax), que estivo a comer tranquilamente moi preto do grupo, ao igual que tres mazaricos chiadores (Numenius phaeopus). Como o sol xa quentara algo máis, atopamonos cun macho de lagarta galega (Podarcis bocagei).


Aparte destas observacións destacadas, estivemos acompañados, coma sempre, dunha incrible variedade de plantas, a maioría en flor. Tamén se avistaron chascas, pombos, pegas, corvos mariños, e unha multitude de insectos que habitan neste espazo natural a carón da cidade.

Se queres descubrir cales son, apúntate aos roteiros naturalistas pola Torre!

No hay comentarios: