21 de marzo, día Internacional dos Bosques

O 21 de marzo celébrase o Día Internacional dos Bosques. Este evento, antes chamado Día Forestal Mundial, pretende chamar a atención, por unha banda, da importancia de conservar as masas de bosques nativos de todo o planeta (xunto coa biodiversidade asociada e os seus servizos ecosistémicos, entre eles a fixación de CO2 e mitigación da desertización), e, por outra, denunciar a destrución indiscriminada de milleiros de hectáreas de bosque cada día, a un ritmo vertixinoso (unha hectárea cada dous segundos!), moitas veces para plantar especies de crecemento rápido, como palma aceiteira ou eucaliptos.

En Galiza temos unha superficie arborada moi ampla, con case 1,3 millóns de hectáreas arboradas (A), o que supón case o 44% do territorio. A día de hoxe, grosso modo, temos 1/3 de frondosas, 1/3 de piñeiro e 1/3 de eucalipto. A calidade destas masas é baixa: só o 2% dos bosques galegos poden ser clasificados como bosques nativos nun estado óptimo de conservación (B).

E falando de eucaliptos: é importante subliñar que en 1996 había 138.500 hectáreas plantadas en Galiza deste xénero de especies de orixe australiana, e que en 2011 eran xa case 396.000 de héctareas (C). Hoxe, 2015, e a falta de analizar polo miúdo as novas plantacións masivas (sobre todo na provincia da Coruña e norte de Lugo), xa se superarían probablemente as 500.000 hectáreas, ou, o que é o mesmo, en menos de 20 anos vai camiño de CUADRUPLICARSE a superficie cultivada con eucaliptos. E outro dato: a metade dos eucaliptos en España están plantados en Galiza (D).

En 2011 publicouse un manifesto titulado "Unha visión común do problema do eucalipto" (E), e un exhaustivo informe sobre a conflitividade das plantacións de eucalipto en España e Portugal (F).
A día de hoxe cómpre dicir que hai xente traballando arreo para mapear e denunciar novas plantacións (G), recollendo información acerca do efecto dos eucaliptais sobre a fauna e flora nativa e, paralelamente, creando e facendo medrar plataformas para dicir NON á perda do bosque autóctono en detrimento do eucalipto (H, I), incluso a través da custodia directa do territorio (J).

Porque, como ben dicía César-Javier Palacios, o eucalipto é unha árbore que ameazada aos bosques (K), e o seu monocultivo indiscriminado é un dos principais problemas ambientais de Galiza.

REFERENCIAS:
(A) http://www.magrama.gob.es/estadistica/pags/anuario/2010/AE_2010_12.pdf
(B) http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/bosques-conservados-solo-ocupan-2-superficie-forestal/idEdicion-2011-03-22/idNoticia-651498/
(C) http://www.farodevigo.es/galicia/2011/11/29/plantaciones-eucalipto-galicia-duplicaron-ultimos-quince-anos/601604.html
(D) https://www.meneame.net/story/eucalipto-ocupa-casi-tercio-superficie-arbolada-gallega
(E) http://www.sghn.org/Actuacions_Xeral/Arbores_Bosques/Una_vision_comun_sobre_el_problema_del_eucalipto.pdf
(F) http://www.greenpeace.org/espana/Global/espana/report/bosques/InformeEucalipto2011.pdf
(G) http://adega.gal/web/novas.php?id=293&idioma=gl&sec=116
(H) https://cousaderaices.wordpress.com/
(I) https://dinoaleucalipto.wordpress.com/
(J) http://www.fragasdomandeo.org/
(K) http://blogs.20minutos.es/cronicaverde/2011/04/21/eucalipto-el-arbol-que-amenaza-a-los-bosques/

No hay comentarios: