As invasoras ocupan os terreos do Polígono Industrial de Morás (Arteixo)

O Grupo Naturalista Hábitat manifestou nunha carta ao Concello de Arteixo e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa fonda preocupación polo estado dos terreos asignados á construción do Polígono Industrial de Morás, que constitúen un risco ambiental moi grave con necesidade moi urxente de medidas paliativas e correctoras.

Os terreos nos que se proxectou a construción do devandito polígono ocupan unhas 150 ha, que foron ocupadas en grande medida pola gramínea Cortaderia selloana (plumachos ou herba da pampa), unha planta alóctona e de marcado carácter invasor, que forma en pouco tempo poboacións moi densas que ocupan completamente o hábitat dispoñible, ao tempo que impide a instalación doutras especies botánicas. Os individuos desta especie forman macollas moi ben arraigadas e contan cuns tecidos vexetativos especialmente resistentes debido a importantes depósitos de sílice nos mesmos. Estas características fan que sexa unha planta especialmente difícil de erradicar, incluso mediante maquinaria.

Os terreos abertos e desprovistos de cobertura vexetal son os medios idóneos para a propagación desta especie, e as vías de tráfico rodado (especialmente con cunetas pouco ou nada vexetadas) son un medio excelente para a dispersión lineal ata novas zonas que colonizar. Cortaderia selloana dispérsase por medio de sementes moi lixeiras que poden viaxar polo aire, e que son producidas de forma masiva: decenas de miles por cada inflorescencia ou plumacho.

Hábitat ven traballando no estudo e control de especies invasoras dende hai máis dunha década, e considera que as especies de flora invasora constitúen unha das meirandes ameazas para a biodiversidade en Galicia, particularmente nos territorios dos Concellos da RB-MCeTM. Por isto estímase da máxima prioridade que ditos Concellos, de xeito coordinado e co apoio da Reserva, establezan unhas medidas comúns de caracterización e eliminación das poboacións de especies invasoras presentes na RB-MCeTM, así como que se leven a cabo plans eficaces para a concienciación e prevención da aparición de novas poboacións.

O caso dos terreos mencionados é especialmente grave debido á súa dimensión, así como á presenza de vías favorecedoras da dispersión dentro e entorno dos mesmos, e, consecuentemente consideramos inaprazable unha actuación de eliminación dos pés de Cortaderia selloana presentes actualmente no polígono, o establecemento de medidas que impidan ou reduzan as probabilidades de implantación de novas poboacións e o seguimento continuado no tempo destes terreos.

No hay comentarios: