II Certame de Debuxo da Natureza

Tras o éxito do pasado ano, o Grupo Naturalista Hábitat, da man novamente da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o II CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", co obxectivo de seleccionar aquelas ilustracións que pasarán a formar parte do Calendario 2015 da nosa entidade.
A participación nesta nova convocatoria é aberta e de balde. De entre todos os debuxos achegados, o xurado escollerá aquelas 24 ilustracións máis destacables, as cales ademais de pasar a formar parte do vindeiro calendario gozarán dunha serie de premios por parte dos organizadores e promotores.

Como principal novidade, nesta ocasión haberá dúas categorías diferentes: menores de 14 anos e de 14 anos en diante. Deste xeito confiamos en que a participación sexa moi numerosa, independentemente da idade ou aptitudes para o debuxo.

O prazo de peche de inscricións e entrega das obras remata o vindeiro 7 de novembro de 2014. 

Descarga aquí as bases da convocatoria, a ficha de inscrición e o cartaz.
Modificacións - O cartaz foi modificado o 10-10-2014 por un erro nunha das datas reflectidas. - As bases foron modificadas o 17-10-2014 solucionando un erro no nome científico do visón americano. Segue lendo...

Elevada mortandade de gaivotas entre A Coruña e Arteixo

Tras a alerta de varios socios da comarca coruñesa, A Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo Naturalista Hábitat puxeron en coñecemento das autoridades autonómicas e locais o achádego dende hai varios días de exemplares de gaivota patiamarela Larus michahellis mortos e enfermos.
Contabilizáronse mais de 50 cadáveres só na parte visible dende terra das Illas de San Pedro, durmidoiro habitual da especie, detectándose ademais un número indeterminado de exemplares ao longo doutros tramos de costa do contorno.

NOTA DE PRENSA

Elevada mortandade de gaivotas entre A Coruña e Arteixo
Ata 56 exemplares contabilizáronse mortos esta tarde en zona visible dende terra das Illas de San Pedro.
A Coruña, 16 de octubre de 2014

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo Naturalista Hábitat, alertados polos seus socios en A Coruña e o seu entorno inmediato, puxeron nas últimas horas en coñecemento das autoridades autonómicas e locais o achádego dende hai varios días de exemplares de gaivota patiamarela Larus michahellis mortos e enfermos.

Esta mesma tarde varios ornitólogos contabilizaron nas Illas de San Pedro (A Coruña) 56 cadáveres só na parte visible dende terra das Illas de San Pedro, durmidoiro habitual da especie. Téñense detectado ademais un número indeterminado de exemplares ao longo doutros tramos de costa do contorno.

A causa da morte non pode achacarse ao temporal destes días, xa que as aves se atópanse deitadas nas zonas que empregan para repousar.

Dende a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia informouse á SGO de que varias gaivotas mais ingresaron no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (Oleiros), e que se vai proceder á súa análise para coñecer a causa desta mortandade, a fin de determinar si é natural ou causada por calquera axente introducido no seu medio ou áreas de alimentación.

Descarga esta nota de prensa en PDF.
Segue lendo...

Encontros naturalistas 24 e 25 outubro: cogomelos

Co outono chegan os cogomelos, que serán os protagonistas dos Encontros Naturalistas de outubro, desta volta cunha sesión doble.

O venres 24 de outubro ás 20:30 h, contaremos con Tomás Rodríguez, membro da asociación micolóxica naturalista Pan de Raposo, que impartirá unha charla no local de Hábitat (rúa Camariñas 8 baixo, A Coruña) para achegarnos ao Reino Fungi.

O sábado 25 iremos de excursión para ver no campo o aprendido na charla, e tamén para practicar fotografía con Xacobo de Toro, biólogo, profesor de bioloxía e xeoloxía e afeccionado á fotografía de natureza, gañador do terceiro premio no I Concurso de Fotografía Proyecto Mandeo.

Para poder asistir é imprescindible apuntarse, enviando un correo co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es. Xa que o aforo é limitado (25 persoas), no caso de haber máis solicitudes que prazas, terán preferencia os socios de Hábitat e os alumnos da Escola de Naturalistas.
Segue lendo...

Encontros naturalistas: día das aves 2014


Para conmemorar o Día Mundial das Aves, o domingo 5 de outubro de 9 a 13 horas instalaremos un punto de información ornitolóxica no paseo marítimo do Burgo (Culleredo), á altura do xardín botánico. 

Haberá telescopios para observación das aves da ría e poñeremos a disposición dos interesados guías de campo, folletos, e ornitólogos de primeira que resolverán dúbidas e inquedanzas.
Segue lendo...