Xornada: o gato bravo en Galicia. 4-10-2014 no Fórum Metropolitano da Coruña


O gato bravo Felis sylvestris foi escollido como especie do ano 2014 na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM), co obxectivo de ampliar a información sobre a distribución e abundancia desta especie no territorio da Reserva, e en Galicia.

Dentro desta iniciativa tense realizado diversas actividades, como a edición dun tríptico informativo, a publicación dunha páxina web, http://gatobravo.weebly.com, onde recompilar e poñer a disposición do público información sobre esta especie, a colocación de cámaras de fototrampeo na Reserva, ou a campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais.

Outra das actividades plantexadas é a celebración dunha xornada sobre o gato bravo en Galicia, que terá lugar o sábado 4 de outubro en horario de mañá, no Forum Metropolitano da Coruña (rúa Río Monelos 1).


O programa é o seguinte:
09:00 - Recepción dos asistentes.
09:15 - Apertura da xornada.
09:30 - Un gato con cola de zorro. Carlos Nores (Universidad de Oviedo)
10:45 - El gato montés en la cordillera cantábrica. Héctor Ruiz (Proyecto gato montés)
12:00 Descanso
12:15 - O gato bravo en Galicia. Xosé Pardavila (Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes, G.E.A.S.)
13:30 - O gato bravo na Reserva da Biosfera Mariñas Terras do Mandeo. Grupo Naturalista Habitat.

A asistencia é aberta para todos os interesados e gratuíta. Só é preciso inscribirse enviando un correo a gnhabitat@yahoo.es.

Agardámosvos!

Segue lendo...

III Semana de Custodia do Territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Fundación Fragas do Mandeo (na que participa o Grupo Naturalista Hábitat) organiza xunto coa Asociación de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos unha nova edición da Semana de Custodia nas dúas últimas semanas do mes de setembro deste 2014.

Nesta ocasión, ademais de programar conferencias e actividades de voluntariado, incorporamos unha novidade: a eco-regata, unha competición lúdica que inclúe actividades infantís paralelas.

Estas datas son elixidas xa que en toda Europa se programan eventos similares no marco da LandLife Week.

Nesta ocasión o tema central son os retos de conservación ós que se enfronta a comarca de As Mariñas e a posibilidade de acometelos mediante a custodia do territorio. Ten como fin que a cidadanía coñeza algunhas das especies de animais e plantas presentes no territorio da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e que precisan de moita atención, por estaren ameazadas.
O obxectivo é fomentar na comarca unha cultura de conservación da biodiversidade, de xeito que tanto estamentos oficiais coma os particulares teñan en conta as necesidades vitais das distintas especies antes de acometer actuacións ou realizar actividades no medio natural. Unha serie de investigadores falarán das especies importantes da comarca cara a conseguir a súa conservación.

O financiamento corre totalmente a cargo da ADR das Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo.

O Grupo Naturalista Hábitat quere animar ao público en xeral a participar nestas actividades e para consultar a información máis detallada pódese consultar a web de Fragas de Mandeo.

Segue lendo...