Anelamento nas Illas do Portiño

Un ano máis, acudimos ás illas do Portiño para anelar polos das gaivotas patiamarelas Larus michahellis que alí crían. Velaquí o resumo da xornada (27/06/2014):

- ILLA DO VENDAVAL OU DA CETÁREA. Non desembarcamos. Hai unhas 20 Larus michahellis pousadas. Xabi Varela o día 22.06.2014 estima 3-4 poladas da especie.

- ILLA DO PÉ. Non desembarcamos. Apenas se ven 3-5 adultos de L. michahellis entre a vexetación, en consoancia co visto por X. Varela o día 22. Especies detectadas: 1 Falco tinnunculus, 1 Pyrrhocorax pyrrhocorax, 1 Apus apus, 1 Hirundo rustica, 2 Morus bassanus inmaturos ao oeste, 1 Phoenicurus ochruros.

- AS TRES ILLAS, illa sur. Desembarcamos ás 16:20 h, e procuramos poliños de L. michahellis entre as matas de Matricaria maritima e Beta maritima. Hai pouco Rumex acetosa e algunhas Spergularia australis e Plantago coronopus. Rastrexamos toda a illa pero só vimos 2 plataformas baleiras e restos vellos de gaivotas. Hai unhas poucas gaivotas adultas sobrevoando, pero quizás proveñan da illa inmediatamente ao norte. Vense ao menos 2 Rattus norvegicus activas en superficie, e as zonas SE, E e NE da illa están aparentemente surcadas de galerías da especie. Hai 2 anos a presenza de ratas nesta illa era netamente menor. Detéctanse: 5 P. pyrrhocorax, 18 Haematopus ostralegus, 2 Motacilla flava, 2 M. alba, 2 Passer domesticus, 1 Hirundo rustica, 1 Vanessa atalanta.

- AS TRES ILLAS, illa central. Desembarcamos e en poucos minutos logramos capturar 35 polos de L. michahellis, a inmensa maioría escondidos na vexetación da zona alta e da esquina NE, composta por esta orde por B. maritima, M. maritima e R. acetosa. As anelas usadas foron da ZR5J a ZR7S, esgotando toda a serie do ZR6_. Predominaron os poliños duns 20 días, con tallas e estado de muda similares. Había moi poucos polos pequenos, e apenas se ven 2 voadeiros de talla 4/5 de adulto ou maiores, os dous nadando no mar. Hai 2 niños con 1 ou 2 ovos, aparentemente golos. Hai 1 Coccinella undecimpunctata, 1 Phoenicurus ochruros e 2 sírfidos.

- AS TRES ILLAS, illa norte. Anelamos 42 polos de L. michahellis, tamén agochados na vexetación da zona alta pero tamén moitos nos flancos rochosos do NE, E e SE. Úsanse anelas desde a ZR7T a ZR9N, esgotando toda a serie do ZR8_, e acabando tamén con todas as anelas metálicas do 6 que trouxemos, finalizando nese momento o anelamento. É posible que houbera 3-5 poliños máis escondidos, xa que o flanco oeste quedou menos prospectado. Acháronse 2 niños con ovos golos e 2 poliños pequenos e 1 maior en mal estado. Hai unhas 100 L. michahellis sobrevoando, berrando e facendo picados. Tamén se observan 1 M. flava e 1 adulto de M. bassanus.


- O AGUILLÓN, e cons ao NW. 6 Arenaria interpres, 1 inmaturo de Phalacrocorax carbo, 11 P. aristotelis (4 xuvenís do ano) e 2-3 adultos máis nadando polos arredores. Un dos H. ostralegus pousa alí. Hai unhas 20 L. michahellis.
Segue lendo...

Gato bravo, especie do ano 2014 na Reserva da Biosfera MCeTM

O gato bravo (Felis sylvestris) é unha especie presente en Galicia, pero da que non hai moita información publicada. Por iso, é necesario actualizar, polo menos parcialmente, o coñecemento sobre a súa distribución e abundancia, ademais de realizar unha aproximación á súa presenza histórica na comunidade.

Por este motivo, o gato bravo foi escollido como Especie do Ano 2014 na recentemente declarada Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM), grazas á colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas Betanzos, da propia Reserva e do Grupo Naturalista Hábitat.

Para facer un pouco máis accesible esta especie tan descoñecida, temos elaborado este tríptico coa información dispoñible ata o momento, así como a web http://gatobravo.weebly.com, onde recompilar e poner a disposición do público información sobre esta especie.

Tamén iniciamos una campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais, de avistamentos ou de atropelos. Co obxecto de facilitar o tratamento de datos, poñemos á vosa disposición estás fichas de recollida de datos de atropelos e de avistamentos, cedidas polo Proyecto Gato Bravo, a quen agradecemos. Podes colaborar facendo prospeccións en calquera zona de Galicia e enquisas a persoas que frecuenten o monte.
Colaboradores



  • Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas Betanzos





  • Juan Varela



  • GEAS


  • Proyecto Gato Montés


  • Proyecto Gato Bravo: El gato montés (Felis silvestris) en la provincia de Valladolid.



  • Segue lendo...

    Concurso de ideas para logotipo da RB MCeTM ata o 30 de xuño



    A Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas- Betanzos”, entidade xestora da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, convoca un CONCURSO DE IDEAS PARA O DESEÑO DUN LOGOTIPO que sirva como posible imaxe da RESERVA DE BIOSFERA "MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO", non só na difusión de información da Reserva e nas súas actividades, senón tamén que podería ser imaxe dos produtos e servizos que se agrupen nunha futura marca de calidade da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

    A proposta de logotipo deberá enviarase ao seguinte enderezo electrónico antes do 30 de xuño de 2014: concursologoreserva@gmail.com , incluíndo unha fotocopia do DNI ou indicando os datos personais dos participantes.

    Para máis detalles, podes descargar as bases do concurso AQUÍ.
    Segue lendo...

    Vídeo promocional

    Vídeo sobre o Grupo Naturalista Hábitat editado por Editalos:



    Segue lendo...

    Retirados uns 500 kg de basura da praia da Abeleira Paderne)

    O domingo 8 de xuño, día dos océanos, conseguimos retirar uns 500 kg de basura inorgánica grazas á axuda dos 11 voluntarios que participaron nesta actividade.

    A limpeza tivo lugar na praia da Abeleira (Paderne), e a meirande parte da basura, tanto en peso como en volume, eran restos de cordas de amarre de embarcacións, plásticos variados (envases e botellas) e unhas cantas rodas.
    Grazas a todos!

    Segue lendo...

    Encontros Naturalistas 8 de xuño: limpeza de praias


    Este domingo 8 de xuño, con motivo do Día Mundial dos Océanos, aportaremos o noso gran de area á súa conservación recollendo a basura da praia da Abeleira en Ponte do Porco (Paderne). Esta actividade enmárcase na II xornada de limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA.

    Alén do impacto visual que os residuos plásticos causan nos mares e nas praias, tamén son un grave perigo para a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en cordas, sacos ou bolsas que provocan a súa morte por asfixia ou por vulnerabilidade ante os seus depredadores. Ademais moitos animais mariños como tartarugas, quenllas ou cetáceos inxiren plásticos confundíndoos con alimento, o que finalmente provoca tamén a súa morte.

    Outro dos graves problemas do plástico é que este acaba reducíndose en pequenos anacos tamén inxeridos por peixes que dun xeito ou outro poden rematar nos nosos pratos. Os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen estes plásticos pasan aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

    A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o noso consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar.
    Segue lendo...