I Maratón ornitolóxica na Reserva da Biosfera MCeTM


A maratón ornitolóxica é unha actividade lúdica que consiste en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro de cada un dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e A Coruña nun tempo determinado. O obxectivo é achegar o avistamento e a identificación de aves ao público xeral, e poñen en valor os atractivos naturais da Reserva da Biosfera.

Concellos participantes: Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Curtis, A Irixoa, Miño, Oleiros, Paderne, Sada e Sobrado.

Información básica


Data: sábado 15 de marzo de 2014.


Horario: período de observación de 07:00 h a 19:00 h, tendo que estar ás 20:00 h na Aula da Natureza de Arteixo (Travesía de Arteixo 309- A), para o reconto de puntos e entrega de premios.

Consulta aquí as bases.

Ver tríptico.

Lista das aves de Galicia. Nesta lista terás que anotar as aves observadas por todos os membros do equipo dentro do horario permitido.

Circular informativa para participantes

Cartografía dos concellos

Organiza: Grupo Naturalista Hábitat / G. D. R. “Mariñas-Betanzos”.
Segue lendo...

Centos de aves mariñas abeiradas


Este inverno está a ser moi duro para as aves mariñas, especialmente os álcidos: no deixan de chegar ás nosas costas cadáveres, e algún que outro individuo moribundo (Ver nova da SEO).

¿Está a haber unha mortandade elevada de álcidos? ¿Cantos terán morto, aproximadamente, de cada especie? ¿Cómo poderá afectar ás colonias de cría? ¿Morren de inanición ou hai outras causas? ¿Pódese apreciar algún patrón nestas arribadas (distribución xeográfica/temporal de especies)? ¿Mantense o patrón de migración diferencial en función da idade e o sexo detectado durante o episodio de mortandade masiva causado polo Prestige?

Pois para responder a estas e outras preguntas, membros de Hábitat están a recompilar citas tanto de individuos vivos como mortos (destes últimos tamén fotografías para poder determinar polo menos a idade). Por iso, se tes algunha cita de aves mariñas abeiradas neste 2014, é importante que a envíes a Galiciaves, ao noticiario NOG, ou ao correo electrónico de Hábitat.

Tamén estanse a realizar necropsias dos individuos mortos para intentar saber algo máis sobre a especie, e as causas da morte. Se atopas cadáveres nas prairas, agradecémosche que nos avises por teléfono (699 817 143), correo electrónico, ou Facebook, ou mesmo a un Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe.

Aquí podes descargar unha breve guía para coñecer a idade dos álcidos. Se percorres praias facendo ICAOs (Inspeccións Costeiras de Aves Orilladas) e recolles algún cadáver, o mellor sería que cubrises esta ficha e a mandases a Hábitat. Segue lendo...

14 febreiro: Presentación do libro "Cuándo ver aves en Galicia"


Nos Encontros Naturalistas de febreiro contaremos con dúas das grandes figuras da ornitoloxía galega: Antonio Sandoval e Damián Romay, socios do G. N. Hábitat e da SGO, que virán presentar seu libro "Cuándo ver aves en Galicia".

É un libro sobre ornitoloxía mais cun enfoque diferente: reúne destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época del ano, agrupadas mes a mes e orientadas a observadores de aves en xeral, familias con nenos, ornitólogos curiosos e buscadores de rarezas, e observadores con espírito científico.

Tamén inclúe unha lista de recursos sobre aves e ornitoloxía galega, a lista actualizada das aves de Galicia, e coordenadas de máis de 290 localidades. Recomendado para observadores de aves e afeccionados á Natureza en xeral, así como para educadores e axentes sociais e turísticos, que atoparán información útil para organizar e promover excursións e actividades relacionadas coas aves.

O libro pode mercarse na páxina web da Editorial Tundra, ou a través do Grupo Naturalista Hábitat, que é punto de venta de varios títulos desta editorial. Isto contribúe ao financiamento do grupo, xa que parte do importe dos libros é doado por Tundra a Hábitat.
Segue lendo...

CCI - Clube de Ciencia e Investigación

Hábitat embárcase nunha nova aventura, desta volta da man de Bibliotecas da Coruña, co Clube Ciencia e Investigación (CCI).

O CCI abrangue unha morea de actividades para rapaces e rapazas entre 9 e 13 años con curiosidade científica e moitas ganas de pasalo ben. Ten as súas sedes nas Bibliotecas Municipais Infantil e Xuvenil, Forum Metropolitano e Ágora.

Para máis información, preme eiquí. Segue lendo...