Roteiros pola Torre: descubre a natureza da Coruña






O Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, ofrece a residentes e turistas visitas guiadas polo contorno da Torre de Hércules e Punta Herminia.

O contorno da Torre de Hércules ten uns valores naturais salientables, nos que normalmente non reparamos, e presenta unha boa oportunidade de achegamento á natureza sen sair da cidade. Estes roteiros naturalistas pretenden dar a coñecer a biodiversidade deste espazo coruñés, sumando este atractivo a outros xa ben coñecidos polos visitantes, como o paisaxístico ou o cultural.

A actividade consiste nun traxecto circular a pé dunhas 2 horas de duración, que percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Nese roteiro, os guías explicarán aos asistentes as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

As visitas desenvolveranse o último domingo de cada mes en horario de mañá a partires de xaneiro de 2015, en grupos reducidos de 15 persoas. Establécense un total de 12 xornadas de roteiros ao longo do ano, en cada unha das cales haberá dúas quendas para a realización da ruta guiada: unha as 10:00 e outra as 12:00. Deste xeito, a previsión de datas é a seguinte: 25 de xaneiro, 22 de febreiro, 29 de marzo, 26 de abril, 31 de maio, 28 de xuño, 26 de xullo, 30 de agosto, 27 de setembro, 25 de outubro, 29 de novembro e 27 de decembro.

A realización de cada roteiro quedará supeditada ás diversas circunstancias que puidesen afectar a súa correcta consecución (condicións atmosféricas adversas, etc). No caso de verse comprometida a realización dunha visita, os responsables do Grupo Naturalista Hábitat poñeranse en contacto cos inscritos nos diferentes grupos para xestionar os cambios pertinentes.

A asistencia é de balde, grazas ao patrocinio do Concello da Coruña, e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto.

Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir. Posto que os grupos son reducidos, seguirase unha orde de inscrición segundo a data de recepción do email correspondente, ata completar o total de asistentes. Unha vez completo cada grupo, o G.N. Hábitat poñerase en contacto cos diferentes participantes confirmados. Para calquera cambio ou cancelación, prégase comunicación o antes posible enviando un email á mesma dirección mostrada enriba, en prol de optimizar a xestión dos grupos.

Consulta AQUÍ o tríptico informativo.

No hay comentarios: