III Semana de Custodia do Territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Fundación Fragas do Mandeo (na que participa o Grupo Naturalista Hábitat) organiza xunto coa Asociación de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos unha nova edición da Semana de Custodia nas dúas últimas semanas do mes de setembro deste 2014.

Nesta ocasión, ademais de programar conferencias e actividades de voluntariado, incorporamos unha novidade: a eco-regata, unha competición lúdica que inclúe actividades infantís paralelas.

Estas datas son elixidas xa que en toda Europa se programan eventos similares no marco da LandLife Week.

Nesta ocasión o tema central son os retos de conservación ós que se enfronta a comarca de As Mariñas e a posibilidade de acometelos mediante a custodia do territorio. Ten como fin que a cidadanía coñeza algunhas das especies de animais e plantas presentes no territorio da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e que precisan de moita atención, por estaren ameazadas.
O obxectivo é fomentar na comarca unha cultura de conservación da biodiversidade, de xeito que tanto estamentos oficiais coma os particulares teñan en conta as necesidades vitais das distintas especies antes de acometer actuacións ou realizar actividades no medio natural. Unha serie de investigadores falarán das especies importantes da comarca cara a conseguir a súa conservación.

O financiamento corre totalmente a cargo da ADR das Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo.

O Grupo Naturalista Hábitat quere animar ao público en xeral a participar nestas actividades e para consultar a información máis detallada pódese consultar a web de Fragas de Mandeo.

No hay comentarios: