Encontros Naturalistas 8 de xuño: limpeza de praias


Este domingo 8 de xuño, con motivo do Día Mundial dos Océanos, aportaremos o noso gran de area á súa conservación recollendo a basura da praia da Abeleira en Ponte do Porco (Paderne). Esta actividade enmárcase na II xornada de limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA.

Alén do impacto visual que os residuos plásticos causan nos mares e nas praias, tamén son un grave perigo para a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en cordas, sacos ou bolsas que provocan a súa morte por asfixia ou por vulnerabilidade ante os seus depredadores. Ademais moitos animais mariños como tartarugas, quenllas ou cetáceos inxiren plásticos confundíndoos con alimento, o que finalmente provoca tamén a súa morte.

Outro dos graves problemas do plástico é que este acaba reducíndose en pequenos anacos tamén inxeridos por peixes que dun xeito ou outro poden rematar nos nosos pratos. Os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen estes plásticos pasan aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o noso consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar.

No hay comentarios: