Anelamento nas Illas do Portiño

Un ano máis, acudimos ás illas do Portiño para anelar polos das gaivotas patiamarelas Larus michahellis que alí crían. Velaquí o resumo da xornada (27/06/2014):

- ILLA DO VENDAVAL OU DA CETÁREA. Non desembarcamos. Hai unhas 20 Larus michahellis pousadas. Xabi Varela o día 22.06.2014 estima 3-4 poladas da especie.

- ILLA DO PÉ. Non desembarcamos. Apenas se ven 3-5 adultos de L. michahellis entre a vexetación, en consoancia co visto por X. Varela o día 22. Especies detectadas: 1 Falco tinnunculus, 1 Pyrrhocorax pyrrhocorax, 1 Apus apus, 1 Hirundo rustica, 2 Morus bassanus inmaturos ao oeste, 1 Phoenicurus ochruros.

- AS TRES ILLAS, illa sur. Desembarcamos ás 16:20 h, e procuramos poliños de L. michahellis entre as matas de Matricaria maritima e Beta maritima. Hai pouco Rumex acetosa e algunhas Spergularia australis e Plantago coronopus. Rastrexamos toda a illa pero só vimos 2 plataformas baleiras e restos vellos de gaivotas. Hai unhas poucas gaivotas adultas sobrevoando, pero quizás proveñan da illa inmediatamente ao norte. Vense ao menos 2 Rattus norvegicus activas en superficie, e as zonas SE, E e NE da illa están aparentemente surcadas de galerías da especie. Hai 2 anos a presenza de ratas nesta illa era netamente menor. Detéctanse: 5 P. pyrrhocorax, 18 Haematopus ostralegus, 2 Motacilla flava, 2 M. alba, 2 Passer domesticus, 1 Hirundo rustica, 1 Vanessa atalanta.

- AS TRES ILLAS, illa central. Desembarcamos e en poucos minutos logramos capturar 35 polos de L. michahellis, a inmensa maioría escondidos na vexetación da zona alta e da esquina NE, composta por esta orde por B. maritima, M. maritima e R. acetosa. As anelas usadas foron da ZR5J a ZR7S, esgotando toda a serie do ZR6_. Predominaron os poliños duns 20 días, con tallas e estado de muda similares. Había moi poucos polos pequenos, e apenas se ven 2 voadeiros de talla 4/5 de adulto ou maiores, os dous nadando no mar. Hai 2 niños con 1 ou 2 ovos, aparentemente golos. Hai 1 Coccinella undecimpunctata, 1 Phoenicurus ochruros e 2 sírfidos.

- AS TRES ILLAS, illa norte. Anelamos 42 polos de L. michahellis, tamén agochados na vexetación da zona alta pero tamén moitos nos flancos rochosos do NE, E e SE. Úsanse anelas desde a ZR7T a ZR9N, esgotando toda a serie do ZR8_, e acabando tamén con todas as anelas metálicas do 6 que trouxemos, finalizando nese momento o anelamento. É posible que houbera 3-5 poliños máis escondidos, xa que o flanco oeste quedou menos prospectado. Acháronse 2 niños con ovos golos e 2 poliños pequenos e 1 maior en mal estado. Hai unhas 100 L. michahellis sobrevoando, berrando e facendo picados. Tamén se observan 1 M. flava e 1 adulto de M. bassanus.


- O AGUILLÓN, e cons ao NW. 6 Arenaria interpres, 1 inmaturo de Phalacrocorax carbo, 11 P. aristotelis (4 xuvenís do ano) e 2-3 adultos máis nadando polos arredores. Un dos H. ostralegus pousa alí. Hai unhas 20 L. michahellis.

No hay comentarios: