ICAOs coordinadas o 15-3-2014

¿Que é iso da ICAO? Significa Inspección Costera de Aves Orilladas, e consiste en prospectar praias e tomar nota das aves que se atopen. Isto vale para coñecer que pasa no mar, en base ao que atopamos na costa.

A participación é moi sinxela: un simple paseo pola praia, anotando nesta ficha unha serie de características (praia, hora, marea, extensión percorrida...) e as aves que se atopen mortas. Pódense facer independentemente en calquera momento, pero de cando en vez organízanse ICAOs coordinadas para ter unha mellor prospección da costa.

A vindeira ICAO coordinada en toda a costa norte Ibérica (Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi) será o sábado 15 de marzo. Como o domingo 16 terán lugar os censos de praias do proxecto FAME, tamén se extende a este día as ICAOs coordinadas.

Para non repetir praias é importante coordinarse, así que se vas participar, agradecemos que nos avises, indicando nome completo, praias a prospectar e un móbil de contacto. Se ademais queres estar cuberto polo seguro que SEO/Birdlife xestiona para os voluntarios nesta actividade, deberás indicar teu número de DNI.


As praias que xa están cubertas, e que non deben ser prospectadas para evitar duplicidades, son: As Catedrais (Ribadeo), Reinante, Benquerencia e Altar (Barreiros), e Llas (Foz), Esmelle e Doniños (Ferrol), A Barra (Ponteceso), Traba e Laxe (Laxe), Seiruga e Malpica (Malpica), praias do Val Miñor desde Cuncheira (Baiona) ata Patos (Nigrán).

Se esta fin de semana día podes dar un paseo pola praia e cubrir a ficha (aínda que non atopes nada), estarás aportando o teu gran de area ao coñecemento do medio mariño.

Máis información, aquí.

No hay comentarios: