Resultados de CoruñAves 2014 (V maratón ornitolóxica no concello da Coruña)

O pasado sábado 11 de xaneiro de 2014 celebrouse CoruñAves 2014, a quinta edición da maratón ornitolóxica do concello da Coruña, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat.

Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible nunha mañá (4 horas) dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé).

Estes foron os seis equipos participantes, de catro ou cinco membros, segundo o caso.

Os resultados finais foron moi notables, con 65 especies de aves vistas en total, destacando para este concello as observacións de mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), gaivota arxéntea (Larus argentatus), arao (Uria aalge), Escribenta nival (Plectrophenax nivalis), Éider común (Somateria mollissima), Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) ou Palleira grande (Stercorarius skua).

O equipo gañador logrou observar 47 especies de aves, acumulando 67 puntos, en boa parte grazas a ver 8 especies non detectadas polos outros grupos. O premio foi unha cesta de produtos Hábitat, que incluía, entre outros agasallos, os derradeiros números de Chioglossa e A Mobella e un bote de mel da reserva da biosfera Terras do Mandeo-Mariñas Coruñesas.

Aquí podedes ver os resultados das especies avistadas por equipos, e a nova sobre esta actividade publicada na Voz de Galicia (PDF ou web).

No hay comentarios: