Roteiros pola Torre: descubre a natureza da Coruña






O Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, ofrece a residentes e turistas visitas guiadas polo contorno da Torre de Hércules e Punta Herminia.

O contorno da Torre de Hércules ten uns valores naturais salientables, nos que normalmente non reparamos, e presenta unha boa oportunidade de achegamento á natureza sen sair da cidade. Estes roteiros naturalistas pretenden dar a coñecer a biodiversidade deste espazo coruñés, sumando este atractivo a outros xa ben coñecidos polos visitantes, como o paisaxístico ou o cultural.

A actividade consiste nun traxecto circular a pé dunhas 2 horas de duración, que percorrerá os sendeiros do cabo ata Punta Herminia. Nese roteiro, os guías explicarán aos asistentes as especies que se poden observar, os valores naturais da zona e as ameazas ás que se ve sometida, ademais de atender ás consultas que os participantes desexen formular.

As visitas desenvolveranse o último domingo de cada mes en horario de mañá a partires de xaneiro de 2015, en grupos reducidos de 15 persoas. Establécense un total de 12 xornadas de roteiros ao longo do ano, en cada unha das cales haberá dúas quendas para a realización da ruta guiada: unha as 10:00 e outra as 12:00. Deste xeito, a previsión de datas é a seguinte: 25 de xaneiro, 22 de febreiro, 29 de marzo, 26 de abril, 31 de maio, 28 de xuño, 26 de xullo, 30 de agosto, 27 de setembro, 25 de outubro, 29 de novembro e 27 de decembro.

A realización de cada roteiro quedará supeditada ás diversas circunstancias que puidesen afectar a súa correcta consecución (condicións atmosféricas adversas, etc). No caso de verse comprometida a realización dunha visita, os responsables do Grupo Naturalista Hábitat poñeranse en contacto cos inscritos nos diferentes grupos para xestionar os cambios pertinentes.

A asistencia é de balde, grazas ao patrocinio do Concello da Coruña, e está aberta a todos os públicos, se ben os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto.

Para participar só será necesario enviar un email a gnhabitat@yahoo.es co asunto "ROTEIROS", indicando os datos completos do/s participantes (nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto de todos os asistentes), así como a data e quenda na que se quere asistir. Posto que os grupos son reducidos, seguirase unha orde de inscrición segundo a data de recepción do email correspondente, ata completar o total de asistentes. Unha vez completo cada grupo, o G.N. Hábitat poñerase en contacto cos diferentes participantes confirmados. Para calquera cambio ou cancelación, prégase comunicación o antes posible enviando un email á mesma dirección mostrada enriba, en prol de optimizar a xestión dos grupos.

Consulta AQUÍ o tríptico informativo.
Segue lendo...

Encontros naturalistas 30-12: Australia e Nova Zelandia


Xa que non poderemos gozar coa presenza de Carlos Nores por motivos familiares, o derradeiro Encontros Naturalistas de 2014 correrá a cargo de Damián Romay e Atocha Ramos, que farán unha presentación fotográfica da súa viaxe por Australia e Nova Zelandia.

Será o martes 30 de decembro ás 20:30 horas no local do G. N. Hábitat, (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña). Como ven sendo habitual, para despedir o ano teremos uns pinchos de Nadal ao remate da charla.

Xa que o aforo é limitado, é imprescindible anotarse enviando un correo electrónico co asunto ASISTENCIA, e os socios terán preferencia.
Segue lendo...

Gañadores do II Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre"

Velaquí tedes aos gañadores da II convocatoria do Certame de Debuxo da Natureza...NORABOA A TODOS!!

2ª CATEGORÍA (14 anos ou máis):
  • Primer premio (15O euros): José Manuel Bretón Pardo, pola súa obra titulada "Escornabois"

  • Segundo premio (100 euros): Edgar Luis Ortíz Cundíns, pola súa obra titulada "Pío Pío"


  • Tercer premio (50 euros): Diego Alejandro Sánchez Díaz, pola súa obra titulada "Especie Exótica"


Ademais das tres anteriores, as outras 9 escollidas polo xurado, gañadoras na súa especie, e que aparecerán tamén no vindeiro calendario 2015 do G.N.Hábitat, foron as seguintes:






- Galápago americano: Andrea Rodríguez López.
- Bico de coral: Diego Alejandro Sánchez Díaz.
- Visón americano: Marcos José Beltrán Olarte.
- Herba da pampa: María Yolanda Martínez Balado.
- Eucalipto: María Teresa Iglesias Folgueira.
- Pintafontes verde: Gaël Barreau.
- Mergullón pequeno: Alfredo Constela Doce.
- Silveira: Vanessa Fontenla López.
- Cobra de colar: Susana Gómez Ríos.

Así mesmo, ademais dos agasallos reflectidos nas bases reguladoras, outorgaranse tamén diplomas acreditativos da súa participación no certame aos autores que resultaron gañadores naquelas especies que foron excluídas polo xurado para a súa aparición no calendario, e que se corresponderon a:
- Peixe vermello: Patricia Díaz González.
- Falsa acacia: Susana Gómez Ríos.
- Pintafontes común: María Loreto Giménez Campos.
- Donceliña de Graells: Andrea Rodríguez López.
- Carballo: María Yolanda Martínez Balado.

1ª CATEGORÍA (menores de 14 anos):

As obras gañadoras dos máis cativos e que figurarán no vindeiro calendario 2015 foron as seguintes:

                                               






- Galápago americano: Sara Sinian Manovel Botana.
- Bico de coral: Lara Carballal Meseguer.
- Visón americano: Clara Fernández Casás.
- Herba da pampa: Manuela Vázquez Sande.
- Eucalipto: Yoel Moledo Tubío.
- Pintafontes verde: Lola Gómez Teijeiro.
- Mergullón pequeno: Candela Vázquez Sande.
- Silveira: Lucía Viader Pérez.
- Cobra de colar: Santiago Novoa Martínez.
- Escribenta das Canaveiras: Sara Méndez Amlouni.
- Vacaloura: Carla Villca Rodríguez.
- Caranguexo de río americano: Diego García Sánchez Galán.

Nesta categoría, e do mesmo xeito ca na anterior, haberá tamén diploma acreditativo para todos aqueles autores que resultaron gañadores naquelas especies que foron excluídas polo xurado para a súa aparición no calendario, e que se corresponderon a:
- Peixe vermello: Ylenia López Albores.
- Falsa acacia: Yoel Moledo Tubío.
- Pintafontes común: Sheila Siso Edreira.
- Donceliña de Graells: Daniella Rentería Lampaya.
- Carballo: Sara Maceiras Fernández.
- Gambusia: Silvia Malvarez Toba.

MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS OS PARTICIPANTES!

Estade agora atentos as datas definitivas da exposición das obras e do acto de entrega de premios, que anunciaremos no noso blog.
Segue lendo...

Éxito de participación no II Certame de Debuxo da Natureza



Dende o Grupo Naturalista Hábitat vimos de rematar a xestión das ilustracións achegadas para o II Certame de Debuxo da Natureza "Vida Silvestre do Encoro de Cecebre", e o resultado non pode ser máis abraiante:
242 ilustracións dun total de 178 participantes !!, superando así amplamente o obtido na pasada edición.

Do total de participantes, 145 pertenceron á 1ª Categoría, que aglutina aos menores de 14 anos, cunha achega total de 166 obras. Pola contra, foron 33 os participantes inscritos na 2ª Categoría (14 anos ou máis), con 76 ilustracións en total.

Debido a inxente cantidade de obras, vémonos na obriga de retrasar ata a vindeira semana a comunicación dos gañadores na presente edición, procurando telo feito antes do día 7/12/2014, comunicación que se fará neste mesmo blog (www.gnhabitat.org). Confiamos desculpedes este pequeno aprazamento.

Dende o G.N.Hábitat queremos mostrarlle o noso máis sincero agradecemento a Emalcsa, pola súa implicación un ano máis na promoción desta iniciativa. A Edítalos, responsable da edición e montaxe do vídeo promocional deste Certame, e empresa colaboradora da nosa entidade. E, por suposto, a todos e cada un dos participantes inscritos nesta nova convocatoria....vós sodes os verdadeiros protagonistas!!

Moitas grazas a todos.
Segue lendo...

Peche da II promoción da Escola de Naturalistas: mesa redonda e bioblitz

A II Promoción da Escola de Naturalistas, desenvolta neste 2014, chega ao seu fin, e temos preparadas dúas actividades moi especiais para o peche.

A parte teórica será unha mesa redonda con reputados naturalistas galegos, que nos falarán das súas experiencias de campo, os seus inicios e outras historias. Terá lugar o xoves 27 de novembro ás 20:30 h no local de Hábitat, e estarán presentes José Luis Rabuñal, Pedro Galán, Antonio Sandoval, Roberto Bao, Jose Souza, Francisco Rosende y Miguel Maestro.

No ámbito práctico, o domingo 30 de novembro levaremos a cabo un bioblitz nas fincas do Centro Ivestigacións Agrarias Mabegondo (CIAM), en Abegondo.

Como se indica no cartaz, xa que o aforo é limitado, esta actividade é exclusiva para os alumnos da Escola de Naturalistas 2014 e para os socios do Grupo Naturalista Hábitat. É imprescindible anotarse para poder asistir, para facilitar a organización.
Segue lendo...

Lotería de Nadal 2014 xa á venda


Xa están á venda as participacións para lotería de Nadal do Grupo Naturalista Hábitat. Este ano repetimos os dous números de 2013, un deles o ano de fundación do grupo. Para facerte con elas, contacta connosco!

Ao mercar estas participacións, xogarás 2,5€ a cada número e contribuirás con 1€ ao sostemento das actividades que organizamos. Prezo da participación: 6€ (5€ de lotería e 1€ de doazón)
Segue lendo...

II Certame de Debuxo da Natureza

Tras o éxito do pasado ano, o Grupo Naturalista Hábitat, da man novamente da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o II CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", co obxectivo de seleccionar aquelas ilustracións que pasarán a formar parte do Calendario 2015 da nosa entidade.
A participación nesta nova convocatoria é aberta e de balde. De entre todos os debuxos achegados, o xurado escollerá aquelas 24 ilustracións máis destacables, as cales ademais de pasar a formar parte do vindeiro calendario gozarán dunha serie de premios por parte dos organizadores e promotores.

Como principal novidade, nesta ocasión haberá dúas categorías diferentes: menores de 14 anos e de 14 anos en diante. Deste xeito confiamos en que a participación sexa moi numerosa, independentemente da idade ou aptitudes para o debuxo.

O prazo de peche de inscricións e entrega das obras remata o vindeiro 7 de novembro de 2014. 

Descarga aquí as bases da convocatoria, a ficha de inscrición e o cartaz.
Modificacións - O cartaz foi modificado o 10-10-2014 por un erro nunha das datas reflectidas. - As bases foron modificadas o 17-10-2014 solucionando un erro no nome científico do visón americano. Segue lendo...

Elevada mortandade de gaivotas entre A Coruña e Arteixo

Tras a alerta de varios socios da comarca coruñesa, A Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo Naturalista Hábitat puxeron en coñecemento das autoridades autonómicas e locais o achádego dende hai varios días de exemplares de gaivota patiamarela Larus michahellis mortos e enfermos.
Contabilizáronse mais de 50 cadáveres só na parte visible dende terra das Illas de San Pedro, durmidoiro habitual da especie, detectándose ademais un número indeterminado de exemplares ao longo doutros tramos de costa do contorno.

NOTA DE PRENSA

Elevada mortandade de gaivotas entre A Coruña e Arteixo
Ata 56 exemplares contabilizáronse mortos esta tarde en zona visible dende terra das Illas de San Pedro.
A Coruña, 16 de octubre de 2014

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo Naturalista Hábitat, alertados polos seus socios en A Coruña e o seu entorno inmediato, puxeron nas últimas horas en coñecemento das autoridades autonómicas e locais o achádego dende hai varios días de exemplares de gaivota patiamarela Larus michahellis mortos e enfermos.

Esta mesma tarde varios ornitólogos contabilizaron nas Illas de San Pedro (A Coruña) 56 cadáveres só na parte visible dende terra das Illas de San Pedro, durmidoiro habitual da especie. Téñense detectado ademais un número indeterminado de exemplares ao longo doutros tramos de costa do contorno.

A causa da morte non pode achacarse ao temporal destes días, xa que as aves se atópanse deitadas nas zonas que empregan para repousar.

Dende a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia informouse á SGO de que varias gaivotas mais ingresaron no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (Oleiros), e que se vai proceder á súa análise para coñecer a causa desta mortandade, a fin de determinar si é natural ou causada por calquera axente introducido no seu medio ou áreas de alimentación.

Descarga esta nota de prensa en PDF.
Segue lendo...

Encontros naturalistas 24 e 25 outubro: cogomelos

Co outono chegan os cogomelos, que serán os protagonistas dos Encontros Naturalistas de outubro, desta volta cunha sesión doble.

O venres 24 de outubro ás 20:30 h, contaremos con Tomás Rodríguez, membro da asociación micolóxica naturalista Pan de Raposo, que impartirá unha charla no local de Hábitat (rúa Camariñas 8 baixo, A Coruña) para achegarnos ao Reino Fungi.

O sábado 25 iremos de excursión para ver no campo o aprendido na charla, e tamén para practicar fotografía con Xacobo de Toro, biólogo, profesor de bioloxía e xeoloxía e afeccionado á fotografía de natureza, gañador do terceiro premio no I Concurso de Fotografía Proyecto Mandeo.

Para poder asistir é imprescindible apuntarse, enviando un correo co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es. Xa que o aforo é limitado (25 persoas), no caso de haber máis solicitudes que prazas, terán preferencia os socios de Hábitat e os alumnos da Escola de Naturalistas.
Segue lendo...

Encontros naturalistas: día das aves 2014


Para conmemorar o Día Mundial das Aves, o domingo 5 de outubro de 9 a 13 horas instalaremos un punto de información ornitolóxica no paseo marítimo do Burgo (Culleredo), á altura do xardín botánico. 

Haberá telescopios para observación das aves da ría e poñeremos a disposición dos interesados guías de campo, folletos, e ornitólogos de primeira que resolverán dúbidas e inquedanzas.
Segue lendo...

Xornada: o gato bravo en Galicia. 4-10-2014 no Fórum Metropolitano da Coruña


O gato bravo Felis sylvestris foi escollido como especie do ano 2014 na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM), co obxectivo de ampliar a información sobre a distribución e abundancia desta especie no territorio da Reserva, e en Galicia.

Dentro desta iniciativa tense realizado diversas actividades, como a edición dun tríptico informativo, a publicación dunha páxina web, http://gatobravo.weebly.com, onde recompilar e poñer a disposición do público información sobre esta especie, a colocación de cámaras de fototrampeo na Reserva, ou a campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais.

Outra das actividades plantexadas é a celebración dunha xornada sobre o gato bravo en Galicia, que terá lugar o sábado 4 de outubro en horario de mañá, no Forum Metropolitano da Coruña (rúa Río Monelos 1).


O programa é o seguinte:
09:00 - Recepción dos asistentes.
09:15 - Apertura da xornada.
09:30 - Un gato con cola de zorro. Carlos Nores (Universidad de Oviedo)
10:45 - El gato montés en la cordillera cantábrica. Héctor Ruiz (Proyecto gato montés)
12:00 Descanso
12:15 - O gato bravo en Galicia. Xosé Pardavila (Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes, G.E.A.S.)
13:30 - O gato bravo na Reserva da Biosfera Mariñas Terras do Mandeo. Grupo Naturalista Habitat.

A asistencia é aberta para todos os interesados e gratuíta. Só é preciso inscribirse enviando un correo a gnhabitat@yahoo.es.

Agardámosvos!

Segue lendo...

III Semana de Custodia do Territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Fundación Fragas do Mandeo (na que participa o Grupo Naturalista Hábitat) organiza xunto coa Asociación de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos unha nova edición da Semana de Custodia nas dúas últimas semanas do mes de setembro deste 2014.

Nesta ocasión, ademais de programar conferencias e actividades de voluntariado, incorporamos unha novidade: a eco-regata, unha competición lúdica que inclúe actividades infantís paralelas.

Estas datas son elixidas xa que en toda Europa se programan eventos similares no marco da LandLife Week.

Nesta ocasión o tema central son os retos de conservación ós que se enfronta a comarca de As Mariñas e a posibilidade de acometelos mediante a custodia do territorio. Ten como fin que a cidadanía coñeza algunhas das especies de animais e plantas presentes no territorio da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e que precisan de moita atención, por estaren ameazadas.
O obxectivo é fomentar na comarca unha cultura de conservación da biodiversidade, de xeito que tanto estamentos oficiais coma os particulares teñan en conta as necesidades vitais das distintas especies antes de acometer actuacións ou realizar actividades no medio natural. Unha serie de investigadores falarán das especies importantes da comarca cara a conseguir a súa conservación.

O financiamento corre totalmente a cargo da ADR das Mariñas-Betanzos, pois Fragas do Mandeo destina o 100% das doazóns que recibe a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispón de medios económicos propios para actos deste tipo.

O Grupo Naturalista Hábitat quere animar ao público en xeral a participar nestas actividades e para consultar a información máis detallada pódese consultar a web de Fragas de Mandeo.

Segue lendo...

Reunión: posta en marcha do proxecto de fototrampeo de gato bravo

Seguindo co tema tratado nos Encontros Naturalistas de xullo, o vindeiro mércores 13 de agosto ás 20:30 h convócase a todos os interesados en participar no proxecto de fototrampeo de gato bravo que estamos a desenvolver neste 2014.

Nesta reunión estableceranse os equipos encargados da colocación e seguimento das cámaras (dúas por equipo) na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto "Gato bravo: especie do ano 2014 na Reserva da Biosfera MCeTM", mediante o cal pretendemos afondar no coñecemento desta especie na Reserva, e en Galicia.

Xa que precisamos abondosas tarxetas de memoria e pilas para as cámaras, se alguén ten tarxetas de memoria SD ou microSD de 2 GB ou pilas recargables que non precise, agradecemos que as done ao Grupo para esta actividades.

Para organizar mellor a actividade, agradecemos que confirmedes a vosa asistencia enviando un mail co asunto FOTOTRAMPEO. Os interesados que non poidan asistir este día, deberán mandar un mail co mesmo asunto, indicando o seu interese en participar.
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 30-7: obradoiro de fototrampeo


Nos encontros naturalistas de xullo aprenderemos a manexar as cámaras de fototrampeo das que dispón Hábitat, así como unha chea de técnicas e consellos para colocalas do mellor xeito posible. Tamén proxectaremos algunhas das fotografías realizadas con esta técnica por Hábitat, en diferentes fragas da provincia da Coruña.

Contaremos coa participación de Dani, do grupo de fotógrafos CA.IMA.NA, con ampla experiencia no uso destas cámaras.

Será este mércores 30 de xullo ás 20:30 h no local de Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo, A Coruña).

Se che interesa asistir, manda un correo co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es
Segue lendo...

Anelamento nas Illas do Portiño

Un ano máis, acudimos ás illas do Portiño para anelar polos das gaivotas patiamarelas Larus michahellis que alí crían. Velaquí o resumo da xornada (27/06/2014):

- ILLA DO VENDAVAL OU DA CETÁREA. Non desembarcamos. Hai unhas 20 Larus michahellis pousadas. Xabi Varela o día 22.06.2014 estima 3-4 poladas da especie.

- ILLA DO PÉ. Non desembarcamos. Apenas se ven 3-5 adultos de L. michahellis entre a vexetación, en consoancia co visto por X. Varela o día 22. Especies detectadas: 1 Falco tinnunculus, 1 Pyrrhocorax pyrrhocorax, 1 Apus apus, 1 Hirundo rustica, 2 Morus bassanus inmaturos ao oeste, 1 Phoenicurus ochruros.

- AS TRES ILLAS, illa sur. Desembarcamos ás 16:20 h, e procuramos poliños de L. michahellis entre as matas de Matricaria maritima e Beta maritima. Hai pouco Rumex acetosa e algunhas Spergularia australis e Plantago coronopus. Rastrexamos toda a illa pero só vimos 2 plataformas baleiras e restos vellos de gaivotas. Hai unhas poucas gaivotas adultas sobrevoando, pero quizás proveñan da illa inmediatamente ao norte. Vense ao menos 2 Rattus norvegicus activas en superficie, e as zonas SE, E e NE da illa están aparentemente surcadas de galerías da especie. Hai 2 anos a presenza de ratas nesta illa era netamente menor. Detéctanse: 5 P. pyrrhocorax, 18 Haematopus ostralegus, 2 Motacilla flava, 2 M. alba, 2 Passer domesticus, 1 Hirundo rustica, 1 Vanessa atalanta.

- AS TRES ILLAS, illa central. Desembarcamos e en poucos minutos logramos capturar 35 polos de L. michahellis, a inmensa maioría escondidos na vexetación da zona alta e da esquina NE, composta por esta orde por B. maritima, M. maritima e R. acetosa. As anelas usadas foron da ZR5J a ZR7S, esgotando toda a serie do ZR6_. Predominaron os poliños duns 20 días, con tallas e estado de muda similares. Había moi poucos polos pequenos, e apenas se ven 2 voadeiros de talla 4/5 de adulto ou maiores, os dous nadando no mar. Hai 2 niños con 1 ou 2 ovos, aparentemente golos. Hai 1 Coccinella undecimpunctata, 1 Phoenicurus ochruros e 2 sírfidos.

- AS TRES ILLAS, illa norte. Anelamos 42 polos de L. michahellis, tamén agochados na vexetación da zona alta pero tamén moitos nos flancos rochosos do NE, E e SE. Úsanse anelas desde a ZR7T a ZR9N, esgotando toda a serie do ZR8_, e acabando tamén con todas as anelas metálicas do 6 que trouxemos, finalizando nese momento o anelamento. É posible que houbera 3-5 poliños máis escondidos, xa que o flanco oeste quedou menos prospectado. Acháronse 2 niños con ovos golos e 2 poliños pequenos e 1 maior en mal estado. Hai unhas 100 L. michahellis sobrevoando, berrando e facendo picados. Tamén se observan 1 M. flava e 1 adulto de M. bassanus.


- O AGUILLÓN, e cons ao NW. 6 Arenaria interpres, 1 inmaturo de Phalacrocorax carbo, 11 P. aristotelis (4 xuvenís do ano) e 2-3 adultos máis nadando polos arredores. Un dos H. ostralegus pousa alí. Hai unhas 20 L. michahellis.
Segue lendo...

Gato bravo, especie do ano 2014 na Reserva da Biosfera MCeTM

O gato bravo (Felis sylvestris) é unha especie presente en Galicia, pero da que non hai moita información publicada. Por iso, é necesario actualizar, polo menos parcialmente, o coñecemento sobre a súa distribución e abundancia, ademais de realizar unha aproximación á súa presenza histórica na comunidade.

Por este motivo, o gato bravo foi escollido como Especie do Ano 2014 na recentemente declarada Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (MCeTM), grazas á colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas Betanzos, da propia Reserva e do Grupo Naturalista Hábitat.

Para facer un pouco máis accesible esta especie tan descoñecida, temos elaborado este tríptico coa información dispoñible ata o momento, así como a web http://gatobravo.weebly.com, onde recompilar e poner a disposición do público información sobre esta especie.

Tamén iniciamos una campaña de recollida de citas, tanto históricas como actuais, de avistamentos ou de atropelos. Co obxecto de facilitar o tratamento de datos, poñemos á vosa disposición estás fichas de recollida de datos de atropelos e de avistamentos, cedidas polo Proyecto Gato Bravo, a quen agradecemos. Podes colaborar facendo prospeccións en calquera zona de Galicia e enquisas a persoas que frecuenten o monte.
Colaboradores



  • Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas Betanzos





  • Juan Varela



  • GEAS


  • Proyecto Gato Montés


  • Proyecto Gato Bravo: El gato montés (Felis silvestris) en la provincia de Valladolid.



  • Segue lendo...

    Concurso de ideas para logotipo da RB MCeTM ata o 30 de xuño



    A Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas- Betanzos”, entidade xestora da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, convoca un CONCURSO DE IDEAS PARA O DESEÑO DUN LOGOTIPO que sirva como posible imaxe da RESERVA DE BIOSFERA "MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO", non só na difusión de información da Reserva e nas súas actividades, senón tamén que podería ser imaxe dos produtos e servizos que se agrupen nunha futura marca de calidade da Reserva da Biosfera "Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

    A proposta de logotipo deberá enviarase ao seguinte enderezo electrónico antes do 30 de xuño de 2014: concursologoreserva@gmail.com , incluíndo unha fotocopia do DNI ou indicando os datos personais dos participantes.

    Para máis detalles, podes descargar as bases do concurso AQUÍ.
    Segue lendo...

    Vídeo promocional

    Vídeo sobre o Grupo Naturalista Hábitat editado por Editalos:



    Segue lendo...

    Retirados uns 500 kg de basura da praia da Abeleira Paderne)

    O domingo 8 de xuño, día dos océanos, conseguimos retirar uns 500 kg de basura inorgánica grazas á axuda dos 11 voluntarios que participaron nesta actividade.

    A limpeza tivo lugar na praia da Abeleira (Paderne), e a meirande parte da basura, tanto en peso como en volume, eran restos de cordas de amarre de embarcacións, plásticos variados (envases e botellas) e unhas cantas rodas.
    Grazas a todos!

    Segue lendo...

    Encontros Naturalistas 8 de xuño: limpeza de praias


    Este domingo 8 de xuño, con motivo do Día Mundial dos Océanos, aportaremos o noso gran de area á súa conservación recollendo a basura da praia da Abeleira en Ponte do Porco (Paderne). Esta actividade enmárcase na II xornada de limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA.

    Alén do impacto visual que os residuos plásticos causan nos mares e nas praias, tamén son un grave perigo para a fauna mariña. Moitos animais acaban enredados en cordas, sacos ou bolsas que provocan a súa morte por asfixia ou por vulnerabilidade ante os seus depredadores. Ademais moitos animais mariños como tartarugas, quenllas ou cetáceos inxiren plásticos confundíndoos con alimento, o que finalmente provoca tamén a súa morte.

    Outro dos graves problemas do plástico é que este acaba reducíndose en pequenos anacos tamén inxeridos por peixes que dun xeito ou outro poden rematar nos nosos pratos. Os compoñentes prexudiciais e perigosos que conteñen estes plásticos pasan aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

    A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o noso consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar.
    Segue lendo...

    III Xornada de Iniciación á Ornitoloxía. 30-31 maio 2014


    O vindeiro venres 30 e sábado 31 de maio terá lugar a III Xornada de Iniciación á Herpetoloxía, organizada polo CEIDA e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) coa colaboración de Grupo de Anelamento Píllara e Grupo Naturalista Hábitat.

    É unha xornada divulgativa dirixida ao público en xeral interesado en iniciarse no mundo da ornitoloxía, facendo especial fincapé nas aves mariñas da Comarca das Mariñas, que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

    A sesión práctica terá lugar no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) e as actividades de campo no Encoro de Cecebre. O programa completo é:

    Venres 30 maio
    16.00 h. Código de boas prácticas do perfecto ornitólogo. Sergio París Gómez. Técnico ambiental, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).
    16.30 h. Aproximación ao anelamento como ferramenta científica.. Alberto Monteagudo, biólogo, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).
    17.30 h. Descanso
    18.00 h. As aves nas Mariñas.. Onde ver aves en:
    - Oleiros e Sada. Sergio París Gómez. SGO e Hábitat.
    - Arteixo. Xabi Varela. SGO e Hábitat.
    - A Coruña. Óscar Vázquez. SGO e Hábitat
    - A Ría de Betanzos. Santi Vázquez. SGO e Hábitat.

    Sábado 31 maio
    9:00 h. Saída polo Encoro de Cecebre e sesión de anelamento do Programa Passer. Grupo de Anelamento Píllara.

    A asistencia ten un custo de 10 €, e as prazas son limitadas.

    Máis información e inscricións AQUÍ.
    Segue lendo...

    Participación no Día da Ciencia na Rúa 2014

    O sábado 10 de maio tivo lugar a XIX Edición do Día da Ciencia na Rúa da Coruña, que organiza a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

    É un día de lecer no que se pon de manifesto que a ciencia, en todas as súas variantes, é un campo divertido e presente nas nosas vidas de xeito cotiá.

    Desta volta, Hábitat estivo presente na caseta das Bibliotecas Municipais da Coruña, con motivo da participación no Clube de Ciencia e Investigación. Espuxemos algunhas mostras biolóxicas que temos atopado nos nosos paseos pola natureza, e que nos serviron para explicar aos asistentes feitos curiosos sobre a flora e fauna que nos rodea.

    Podes ver o programa de actos e as entidades participantes aquí, e a crónica de Bibliotecas aquí
    Segue lendo...

    Xornada informativa: III Atlas de las Aves Reproductoras de España

    O vindeiro xoves 8 de maio ás 20:30 h terá lugar unha xornada informativa sobre o III Atlas de las Aves Reproductoras de España, promovido pola Sociedad Española de Ornitología.

    A charla correrá a cargo de Sergio París, Secretario da Sociedade Galega de Ornitoloxía, entidade que se encarga de coordinar a execución deste proxecto en Galicia.

    Animámosos a asistir a esta xornada informativa e a participar neste interesante proxecto colectivo de ciencia cidadá. Segue lendo...

    Punto de venta de Tundra Ediciones

    Comprácenos anunciar que Hábitat é punto de venta de libros de Tundra Ediciones, unha editorial especializada no coñecemento e conservación da natureza a través de publicación de obras de divulgación científica e naturalista.

    Os títulos que se poden mercar a través do Grupo Naturalista Hábitat, polo de agora, son:
    • Apuntes de conservación biológica. Experiencias, reflexiones y perplejidades de un naturalista. Joan Mayol. 18,95 €.
    • Cómo escribir artículos científicos. Marcos Méndez Iglesias. 15,00 €.
    • Cómo diseñar estudios de campo. Marcos Méndez Iglesias. 15,00 €.
    • Cómo escribir artículos científicos Cómo diseñar estudios de campo. Marcos Méndez Iglesias. 28,00 €.
    • Cuadernos de Naturaleza. Víctor J. Hernández. 4,50 €.
    • Cuándo ver aves en Galicia. Antonio Sandoval & Damián Romay. 15,00 €.
    • El Calendario de la Naturaleza. Joaquín Araújo. 20,00 €.
    • El dilema de Spallanzani y otras curiosas historias de murciélagos. Roberto X. Hermida. 16,00 €.
    • El Turón. Carmen M. Arija. 15,00 €.
    • Introducción a la conservación de las especies. José Luis Tellería. 19,95 €.
    • Introducción a la Ecología Comportamental. Un manual para el estudio del comportamiento animal. Kleber Del-Claro. 10,00 €.
    • La Gineta. David Camps Munuera. 24,00 €.
    • Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal. Antonio Sandoval. 24,00 €.
    • Lo que el lobo sabe. Ecoetología y conservación del lobo. David Nieto Maceín. 21,00 €.
    • Los vencejos sueñan despiertos. David Álvarez. 18,95 €.
    • Manual básico de fototrampeo. Aplicación al estudio de los vertebrados terrestres. Julián Zamora Gómez. 15,00 €.
    • Manual de métodos de estudio del comportamiento en carnívoro. Javier de Miguel e Isabel Barja. 15,00 €.
    • Manual para observar e interpretar paisajes. Fco. Javier Barbadillo Salgado. 20,00 €.
    • ¿Para qué sirven las aves?. Antonio Sandoval. 18,95 €.
    • Un safari en el jardín. Guía del naturalista aficionado, inexperto y sin medios. Jesús Allo Hernández. 10,00 €.
    Esta iniciativa ademais contribuirá ao financiamento do grupo, xa que parte do importe do libro será doado por Tundra a Hábitat.  Se estás interesado nalgún título, enche a folla de pedido indicando os teus datos, os produtos que queres e a cantidade. Unha vez cuberta, envíanola por mail ou correo postal e contactaremos contigo para indicarche o prezo exacto dos custos de envío ou quedar para facer a entega. Se tes calquera dúbida, contacta connosco. Segue lendo...

    Asembleas Ordinaria e Extraordinaria 25-4-2014

    Infórmase a todos os socios/as do Grupo Naturalista Hábitat que están convocadas Asemblea Ordinaria e Asemblea extraordinaria, para o vindeiro venres 25 de abril de 2014, ás 20:30 e 19:30 h respectivamente.

    Esta convocatoria remitiuse por correo electrónico aos socios do Grupo, e en breve chegará por correo postal.

    Se algún socio non a ten recibido por correo electrónico, e quere que lla enviemos, que contacte connosco. Segue lendo...

    Exposición "Vida silvestre do encoro de Cecebre" en Arteixo

    Comprácenos anunciar que as obras presentadas ao I Certame de Debuxo de Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre" están expostas na Aula da Natureza de Arteixo (Travesía de Arteixo 309- A) ata o 25 de abril, e pódense visitar de luns a venres de 10 a 13 horas.

    Un total de 88 artistas (51 nenos e 37 adultos) animáronse a participar enviando as súas obras para este certame, organizado por G.N. Hábitat da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa).

    O total de obras achegadas ascende a 165 ilustracións (84 de nenos e 81 de adultos), abranguendo diferentes estilos e técnicas, e estando representadas con creces o total das 17 especies contempladas nas bases do certame.


    Para ver as obras premiadas, preme AQUÍ.
    Segue lendo...

    Ciencia cidadá

    Interesante artigo que pon de manifesto a importancia da participación de todos no estudo e conservación da natureza. Non é preciso ser un científico profesional nin traballar nunha institución de renome para contribuir a coñecer un pouco máis o que nos rodea, e así poder entendelo mellor.
    Artigo completo: Ciencia ciudadana: ¿la salvación de la biodiversidad?
    DW 11/03/2014

    Outro exemplo é o Censo de Aves en Xardíns que cada ano leva a cabo a RSPB (Sociedade Ornitolóxica de Reino Unido). Acaba de ter lugar o censo de 2014, no que participaron medio millón de persoas (nun país cunha poboación de 63 millóns) e contaron 7.274.159 aves.
    Artigo completo: Blue tits, goldfinches and great spotted woodpeckers thriving in British gardens
    The Guardian 27/03/2014
    Segue lendo...

    Volve "Mariposas por la vida"


    Comprácenos anunciar a reedición do libro, "Mariposas por la vida. Guía visual de las mariposas ibéricas diurnas", unha guía visual das mariposas ibéricas diurnas, onde se mesturan dun xeito excepcional espectaculares imaxes e valiosa información ecolóxica sobre as diversas especies.

    Esta obra custa só 20 €, e os cartos derivados da venda van destiñados á Fundación Miquel Valls, para apoiar a sua loita contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), como podes ver na web do proxecto.

    Hábitat colabora novamente con este proxecto vendendo exemplares do libro, tralo éxito acadado na anterior edición, cando recadamos 360 €.

    Para conseguir o voso exemplar chamade ao 981 135 014 ou enviade un email ao correo da asociación: gnhabitat@yahoo.es

    Animádevos a mercalo!
    Segue lendo...

    Encontros Naturalistas 6-04-14:I Sondaxe GCT-SECEM Ibérica de Teixugueiras


    Nos encontros naturalistas de abril aprenderemos unha chea de cousas interesantes sobre o teixugo (Meles meles) da man dun experto na materia, Xosé Pardavila, biólogo e membro do Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (G.E.A.S.).

    Ademais de afondar no coñecemento desta especie, Xosé daranos as claves para participar na I Sondaxe Ibérica de Teixugueiras, organizada por GCT-SECEM. Na web da I Sondaxe tedes información en detalle sobre este proxecto, enfocado a obter datos máis precisos sobre a abundancia e distribución do teixugo.

    Os Encontros comezarán ás 9:30 h do domingo 6 de abril cunha charla no local de Hábitat (duración aproximada 1 h). Logo desplazarémonos a unha zona cercana (probablemente Bergondo) para realizar a parte práctica: os transectos na procura de teixugueiras. A excursión extenderase ata as 14 ou 14:30 h.

    Se che interesa asistir, manda un correo co asunto ASISTENCIA a gnhabitat@yahoo.es
    Segue lendo...

    A reforma da Lei de xustiza gratuita pretende deixar sen defensa ao medio natural

    O proxecto de Lei de Asistencia Xurídica Gratuita presentado no Consello de Ministros o pasado 21 de febreiro, supón un duro golpe para a defensa do medio natural en España.

    Pretende aplicar ás organizacións de defensa do medio natural condicións diferentes ás ONG de consumidores, os sindicatos, a Cruz Vermella ou as asociacións de vítimas do terrorismo: estas últimas terán acceso á xustiza gratuita sen ter que acreditar insuficiencia de ingresos.

    Podes ampliar esta nova da man de:
    SEO/Birdlife
    WWF España
    EFE Verde
    Europa Press
    Segue lendo...

    Resultados da I Maratón Ornitolóxica Reserva da Biosfera MCeTM

    O pasado sábado 15 de marzo de 2014 celebrouse a I Maratón Ornitolóxica Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e a Reserva da Biosfera MCeTM, xunto con multitude de entidades colaboradoras:


    Esta actividade lúdica consistiu en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro de cada un dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e A Coruña, durante 12 horas.


    En total participaron 15 equipos de entre 3 e 5 persoas en 15 concellos diferentes: Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Curtis, A Irixoa, Miño, Oleiros, Paderne, Sada e Sobrado.

    Os resultados finais foron moi notables, con 112 especies de aves vistas en total, das cales 62 víronse no concello con máis avistamentos, o de Abegondo, que foi o que levou o primeiro premio.

    Este é un resumo das cifras por concellos:

    A coruña: 28
    Abegondo: 62
    Betanzos: 26

    Cambre: 48
    Carral: 47
    Curtis: 29
    A Irixoa: 33
    Miño: 60
    Oleiros: 59
    Sada: 38
    Sobrado: 59


    Consulta aquí a lista completa de observacións por concello, e a lista de especies avistadas en total. Tamén podes descargar as novas publicadas nos medios de prensa.



    Álbum de fotos.

    Para máis información sobre esta actividade, preme aquí.
    Segue lendo...