Exposición das obras participantes no certame de debuxo


Comprácenos anunciar que xa se pode visitar a exposición de todas as obras presentadas ao I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre", organizado polo G. N. Hábitat en colaboración con Emalcsa.


A exposición está ubicada na planta baixa da Casa da Auga (rúa Manuel Murguía s/n, A Coruña), e o horario de visitas é: luns a venres de 7:30 a 23 h; sábados de 9:30 a 22 h; e domingos e festivos 9:30 a 21 h. Permanecerá aberta ao público ata o luns 16 de decembro, inclusive, data na que terá lugar a entrega de premios ás 20 h.

En total, participaron 88 artistas (54 menores de idade e 34 adultos) cun total de 165 debuxos (88 de menores de idade e 77 de adultos). Para coñecer máis detalles sobre os participantes, preme AQUÍ.

En canto aos premiados, elixiuse un debuxo como gañador en cada unha das categorías de especies (17 en total). Deles, os 12 mellores foron escollidos para ilustrar o calendario 2014 do G.N. Hábitat, e os tres mellores levarán premios en metálico de 150, 100 e 50 euros respectivamente. Ademais, o xurado decidiu outorgar dúas mencións especiais e un recoñecemento á calidade artística. Todos os datos dos premios e premiados están dispoñibles AQUÍ.




Segue lendo...

II promoción Escola de Naturalistas 2013-2014. NATURALÍSTATE



Se tes curiosidade pola natureza e ganas de aprender un pouco máis sobre ela, esta é a túa oportunidade. A Escola de Naturalistas é unha actividade realizada polo Grupo Naturalista Hábitat dende o ano 2009, única no ámbito da formación ambiental en Galicia, e resúmese en aprender a escoitar, ver e identificar os elementos que compoñen a biodiversidade galega.

A través de diversas actividades trataremos de afondar, de xeito teórico-práctico, no estudo das diferentes áreas do naturalismo (botánica, zooloxía, etc.). O calendario de actividades comezará en decembro de 2013 e terá unha duración de 10 meses. Cada un deles estará dedicado a un tema, primeiro cunha charla teórica que se impartirá no noso local (rúa Camariñas nº8 baixo, na Coruña) e logo cunha saída de campo.

Temario previsto:
  • Introdución ao naturalismo
  • Introdución á Ornitoloxía - saída de campo
  • Anelamento Científico de aves - xornada de anelamento
  • Introdución ao estudo dos mamíferos - saída de campo
  • Iniciación á fotografía da natureza - saída de campo
  • Introdución á herpetoloxía - saída de campo
  • Introdución á entomoloxía - saída de campo
  • Introdución ao coñecemento dos odonatos - saída de campo
  • Introdución ao coñecemento dos lepidópteros
  • Actividade de fin de curso: mesa redonda con naturalistas de referencia e BIOBLITZ
TOTAL: mínimo 15 h teóricas e 36 h prácticas. Os formadores participantes nestas actividades son naturalistas de ampla experiencia en cada unha das diferentes áreas tratadas no curso.

As datas das actividades confirmaranse ao inicio do curso, pero as charlas serán preferiblemente os xoves ou venres a partir das 20:30 h cunha duración aproximada de 1:30 h, e as saídas de campo terán lugar en fins de semana cunha duración de 3-4 h. A duración aproximada do curso será dun mínimo de 15 h teóricas e 36 h prácticas. O temario e datas estarán suxeitas a modificacións en función da dispoñibilidade dos poñentes e das condicións meteorolóxicas.

Os gastos de desprazamento e manutención non están incluídos na cota de inscrición, e correrán a cargo dos inscritos, pero tratarase de optimizar a forma de transporte nas saídas de campo, e intentarase levalas a cabo no entorno da Coruña e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Se estás interesado envía a túa solicitude ao correo electrónico “escoladenaturalistas@yahoo.es” xunto coa folla de inscrición debidamente cuberta antes do 30/11/2013. O importe do curso é de 55 € nunha única cota, en concepto de gastos para o material empregado nas actividades (telescopios, redes de captura, etc.), material didáctico, e gastos administrativos (solicitude de permisos de manipulación de fauna, expedición de certificados, etc.). Os socios do Grupo Naturalista Hábitat gozarán dunha cota de inscrición reducida (20 €).

Os participantes na Escola de Naturalistas adquirirán a condición de membros do Grupo Naturalista Hábitat durante 1 ano, tendo dereito a participar de forma gratuíta en todas as demais actividades organizadas polo grupo, así como a recibir o material editado neste período.

Unha vez rematado o curso entregarase un certificado acreditativo de participación co número de horas teórico-prácticas recibidas. Para a obtención do certificado será obrigatorio asistir a un mínimo do 80% desas horas.
As prazas son limitadas (máximo 15 persoas), e no caso de que as solicitude superen o número de prazas, seleccionarase aos participantes en función dos criterios da Xunta Directiva. Aqueles inscritos non seleccionados pasarán a formar parte dunha lista de espera. Unha rematado o prazo de selección, notificarase vía e-mail/teléfono aos interesados, non máis tarde do 10 de decembro.
Se tes algunha dúbida, podes contactar connosco no e-mail escoladenaturalistas@yahoo.es ou no teléfono 981 135 014 (preferiblemente en horario de mañá).
Naturalístate xa!!

Ficha de inscrición en PDF ou word
Información sobre o curso en PDF
Cartaz en PDF

Segue lendo...

EN 28-nov: as gaivotas das Mariñas Coruñesas


Nos Encontros Naturalistas de novembro contaremos coa inestimable experiencia do ornitólogo Xabi Varela en identificación de gaivotas e diferenciación de idades polas plumaxes.

Haberá unha charla no local do grupo o xoves 28 de novembro ás 20:30 h, e unha saída práctica polos arredores de Coruña posiblemente o sábado 30 de novembro (a saída concretarase o día da charla).

Xa que o aforo do local é limitado, agradecemos que confirmedes a vosa asistencia por teléfono ou mail.
Segue lendo...

Gañadores do I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre"

Primeiro Premio (150 euros)
Autora: Encarnación González Rodiño
Título da obra: Aguia Pescadora

                       Segundo Premio (100 euros)                                                                           Terceiro Premio (50 euros)
                                Autora: María Yolanda Martínez Balado                                        Autora: Rebeca Losada Blanco
                                                     Título da obra: Otoño                                                                         Título da obra: Picapeixe

                                                    



Aquí tedes as 3 ilustracións gañadoras no I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre". As 9 restantes escollidas polo xurado, e que tamén aparecerán no vindeiro Calendario 2014 do G.N. Hábitat, foron as seguintes:



- Xoaniña de sete puntos (Coccinella septempunctata): María Yolanda Martínez Balado
- Crista de galo (Serapias lingua): María Yolanda Martínez Balado
- Lagarto das silvas (Lacerta Schreiberi): Rebeca Losada Blanco
- Rela (Hyla arbórea): Lorena Guinea Trigo
- Teixugo (Meles meles): Mónica Fernández López
- Ícaro (Polyommatus icarus): Susana Gómez Ríos
- Choupin (Macrolepiota procera): Andrea Rodríguez López
- Garza real (Ardea cinerea): Diana Sobrado Esporas
- Anguía (Anguilla anguilla): Irene Lema Suárez

Noraboa a todos os gañadores! 


Do mesmo xeito, o xurado decidiu conceder tamén dúas mencións especiais:

- Mención especial do xurado pola súa orixinalidade a Marta González Vila, pola súa obra titulada "Garza presumida".



- Mención especial do xurado ao esforzo e implicación nas actividades do G.N. Hábitat a Manuel Díaz Castro, quen achegou ilustracións das 17 categorías existentes neste certame.

Finalmente, ademáis dos agasallos previstos nas bases reguladoras, outorgaranse tamén diplomas acreditativos da súa participación no certame a todos os autores anteriormente nomeados, así como tamén a aqueles que resultaron gañadores nas restantes categorías que foron excluídas polo xurado para a súa aparición no calendario, e que corresponden a:

- Píntega común (Salamandra salamandra): Irene Lema Suárez
- Lontra (Lutra lutra): Carmen Mejuto Gayoso
- Corzo (Capreolus capreolus): María Isabel Baña Roibas
- Lirio amarelo (Iris pseudacorus): Nuria Bouzas Loureiro
- Amieiro (Alnus glutinosa): Andrea Rodríguez López

Recordámosvos que todas as obras (165 ilustracións), premiadas ou non, serán expostas na sala de exposicións da sede da empresa Emalcsa, C/ Manuel Murguía, s/n -Edificio Casa del Agua, planta baixa- 15011 (A Coruña), e poderán ser visitadas, previsiblemente, dende o día 26 de novembro ata o día 16 de decembro de 2013. O horario da sala é de luns a venres (7:30 a 23), sábados (9:30-22); domingos e festivos (9:30 a 21).

O acto de entrega de premios terá lugar, previsiblemente, ás 20:30 h. do luns día 16 de decembro de 2013, en acto público, que será celebrado na sala de exposicións da sede de Emalcsa, e no que agradeceremos a presenza de todos os participantes no certame.

Calquera modificación nas datas da exposición das obras ou do acto de entrega de premios será publicado no blog e redes sociais do G.N. Hábitat, así que estade atentos!

Moitas grazas a todos!



Segue lendo...

13-11-2002

O 13 de novembro de 2002, hai hoxe 11 anos, a raíz dunha vía de auga, o petroleiro de casco simple Prestige comezou a perder fuel fronte ás costas de Galicia, á altura de Cabo Fisterra. Seis días despois, afundiuse a 150 millas da costa, ao suroeste de dito cabo, e a 3.800 m de profundidade.

En total, vertéronse 64.000 das 77.000 toneladas de fuel-oil pesado que transportaba, que se esparexeron polo Atlántico nororiental, afectando en diferente medida á costa comprendida entre o norte de Portugal e o sur de Francia.

De toda a costa afectada polo verquido do Prestige, o litoral galego sufriu o maior impacto, especialmente a zona noroccidental (provincia da Coruña), que recibiu catro mareas negras importantes entre mediados de novembro e principios de xaneiro, aínda que a presenza de fuel nas costas prolongouse ata mediados de 2003.

Hoxe lerase a sentenza do xuízo por este accidente, mais de pouco servirá, xa que os barcos seguirán navegando con bandeiras de conveniencia, os controis seguirán sendo papel mollado e os políticos e xestores seguirán tomando decisións a para salvar o seu posto e mirando polo seu propio ben, antes que facer as cousas polo ben común.

O que podemos facer é fornecer información do que aconteceu, para, polo menos, aprender do ocorrido, e agardar que, no caso de se repetir un desastre similar, se fagan as cousas mellor.

  • Ano de construción do buque: 1976
  • País do propietario e do fletador: Liberia
  • Pabellón: Bahamas
  • Cantidade verquida : 64.000 toneladas de fuel oil pesado
  • Aves recollidas nas costas de Portugal a Francia: 17.061 mortas e 6.120 vivas
  • Estima de mortandade de aves: 115.000 - 300.000 aves
Documentos:

Segue lendo...

Éxito de participación no I Certame de Debuxo da Natureza do G.N.Hábitat



Un total de 88 artistas (51 nenos e 37 adultos) animáronse a participar enviando as súas obras para o I Certame de Debuxo da Natureza "Vida silvestre do encoro de Cecebre" que o G.N. Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), ven de organizar recentemente.

O total de obras achegadas ascende a 165 ilustracións! (84 de nenos e 81 de adultos), abranguendo diferentes estilos e técnicas, e estando representadas con creces o total das 17 especies contempladas nas bases do certame.

Dende o G.N. Hábitat queremos mostrar o noso máis sincero agradecemento a todos os participantes pola súa colaboración nesta actividade, e polo tempo e dedicación na elaboración das obras. Sen vós, esta iniciativa non sairía adiante!

Agora toca agardar á decisión do xurado...Moita sorte a todos!
Segue lendo...

Cuándo ver aves en Galicia

Comprácenos comunicarvos a publicación dun novo libro sobre ornitoloxía de Galicia, pero cun enfoque diferente: “Cuándo ver aves en Galicia”.

Escrito por dous grandes ornitólogos galegos e membros de Hábitat, Antonio Sandoval e Damián Romay, recolle propostas para ver paxaros en Galicia segundo a época do ano, dirixidas a observadores de aves en xeral, familias con nenos, ornitólogos curiosos que buscan aves escasas, e observadores cun enfoque máis científico.

Tedes máis información sobre esta obra na web de Tundra Ediciones, onde xa se poden facer pedidos. A partir do 20 de novembro distribuirase tamén en librerías, manterémosvos informados daquelas onde se poña á venda.
Segue lendo...

Lotería de Nadal 2013 xa á venda!


Xa están á venda as participacións para lotería de Nadal do Grupo Naturalista Hábitat. Este ano probaremos sorte con dous números, un deles o ano de fundación do grupo. Para facerte con elas, contacta connosco!

Ao mercar estas participacións, xogarás 2€ a cada número e contribuirás con 1€ ao sostemento das actividades que organizamos.
Segue lendo...