I Certame de Debuxo da Natureza

O Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o I CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA "Vida silvestre do encoro de Cecebre", co gallo de seleccionar aquelas ilustracións que pasarán a formar parte do Calendario 2014 do G.N. Hábitat.

A participación no certame é aberta e de balde. De entre todos os debuxos achegados, o xurado escollerá aquelas 12 ilustracións máis destacables, as cales ademais de pasar a formar parte do vindeiro calendario, gozarán dunha serie de agasallos por parte dos organizadores e patrocinadores. Desas 12, as consideradas como as tres mellores obras polo xurado, terán tamén unha dotación económica.

O prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos remata o 31 de outubro de 2013.
Sexades ilustradores expertos, afeccionados ao debuxo ou simples amantes da natureza, ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!.

Descarga aquí as bases da convocatoria, folla de inscrición (PDF ou DOC) e o cartaz.
NOTAS:

  • As bases foron actualizadas con data 27/08/2013, modificando o punto 8 e engadindo un novo punto 14.
  • A ficha de inscrición, tanto PDF como DOC, foi actualizada con data 06/09/2013.

Consulta o listado de gañadores
Consulta as obras premiadas
Segue lendo...

Nace a CANLE YOUTUBE do G.N. Hábitat

Con esta nova ferramenta teredes acceso aos vídeos das nosas actividades, que iremos publicando regularmente nesta sección. Para visítalo só tedes que picar no novo banner que está no menú dereito do blog.

A nosa intención tamén é que todos aqueles que teñades vídeos das nosas actividades, e que queirades facernos chegar... Adiante!, queremos facervos partícipes e veremos de difundilos na canle.

Confiamos en que vos guste!

Segue lendo...

A Revista Oink dedícalle a súa contraportada ao G.N. Hábitat




A Revista Oink, revista do Xabarín Club, ven de dedicarlle a contraportada do seu recentemente publicado nº2 (outubro 2013) ao G.N. Hábitat. Esta revista, dirixida a un público infantil e pensada especialmente para os nenos e nenas galegos, mostra, entre moitos outros contidos, cuestións relacionadas co medio ambiente, facendo gala dunha liña didáctica sinxela, axeitada e fácilmente comprensible por todos os mozos e mozas galegos.

Deste xeito, a Revista Oink pon o seu grano de area no despertar dun interese polo coñecemento e a concienciación sobre o patrimonio natural galego nas xeracións máis novas, aquelas mesmas que terán nas súas mans a conservación da natureza no futuro.

A revista poderédela atopar nos quioscos galegos ou subscribiros dende a súa web.

Animádevos a botarlle un ollo!
Segue lendo...

Os máis pequenos de Paderne descubren as aves





O pasado día 9 de outubro de 2013, baixo o marco da proposta “Dinamización dos observatorios ornitolóxicos do Proxecto Mandeo promovidos pola deputación da Coruña” elaborada polo G.N. Hábitat, coa que se pretende mostrar aos nenos das escolas a riqueza ornitolóxica presente no seu contorno máis próximo, aproveitando para poñer en valor uns recursos materiais xa existentes para o goce da natureza, o persoal do G.N.Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha actividade de campo cos nenos dos centros escolares do Concello de Paderne.

Á xornada, dirixida aos alumnos das escolas infantís de Souto, Areas e A Viña, acudiron 25 nenos destes centros, que gozaron do campo e das aves dende unha perspectiva totalmente nova para eles. Á mesma, acudiron tamén os representantes do Concello e docentes dos devanditos centros, que gozaron igualmente das actividades desenvolvidas.

Ao longo de toda a mañá foron moitas as cuestións que se puideron abordar: mostrar aos asistentes o procedemento de recollida de aves mediante redes de captura, explicar o proceso, importancia e características do anelamento científico de aves, achegar a riqueza e diversidade de especies presentes na ría de Betanzos e ensinar o manexo dos prismáticos e telescopios para gozar da natureza. Todas elas foron seguidas con grande expectación, sobre todo polos rapaces! que malia súa pequena idade (duns 6 anos de media), fixeron gala dun enorme interese en coñecer todas aquelas especies de aves que viñan aparecendo ante os seus ollos.

Como resume da xornada, e grazas aos esforzos aplicados, puidéronse anelar un total de 33 exemplares de aves pertencentes a 10 especies diferentes, que fixeron as delicias de adultos e nenos.

As especies aneladas foron:
- Azulenta común (Prunella modularis)
- Paporrubio común (Erithacus rubecula)
- Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
- Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
- Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
- Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
- Merlo común (Turdus merula)
- Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
- Reiseñor da auga (Cettia cetti)
- Ferreiriño común (Parus ater)

Dende o G.N. Hábitat queremos agradecer os esforzos invertidos por todos os implicados na organización (persoal do Concello de Paderne e docentes dos centros), e moi especialmente aos verdadeiros protagonistas da xornada: os nenos e nenas que viñeron a gozar connosco da natureza! A todos eles, moitas grazas!
Segue lendo...

Resultados do Día das Aves 2013



O pasado domingo día 6 de outubro de 2013, con motivo da celebración do Día das Aves 2013, os integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha xornada de anelamento e observación de aves no encoro de Cecebre.

Á cita acudiron máis de 100 curiosos!, entre expertos e afeccionados ao campo e as aves, adultos e nenos con ganas de aproveitar o bo tempo, e na que todos gozamos dunha mañá neste entorno natural. Ata alí achegouse tamén a Televisión de Galicia, quen elaborou unha pequena reportaxe da actividade que foi emitida no noticiario, e que poderedes ver nesta ligazón: Reportaxe TVG_Día das Aves 2013.

En resume, puidéronse anelar un total de 12 especies diferentes de aves, as cales fixeron as delicias de cativos e adultos, xa que puideron ser fotografadas a pracer, aproveitando tamén para coñecer o procedemento, utilidade e importancia do anelamento científico. Do mesmo xeito, e grazas ao material óptico posto a disposición dos visitantes, puidemos comprobar in situ a variedade de especies de aves que visitan e repousan neste encoro. Así, un total de 22 especies distintas foron localizadas polo contorno a través dos prismáticos e telescopios, e coa axuda dos expertos.

En definitiva, unha moi boa experiencia para todos!

Especies observadas:
- Garza real (Ardea cinerea)
- Garza branca (Egretta alba)
- Cullereiro común (Platalea leucorodia)
- Mazarico rabinegro (Limosa limosa)
- Lavanco real (Anas platyrhynchos)
- Mergullón cristado (Podiceps cristatus)
- Cerceta real (Anas crecca)
- Azor común (Accipiter gentilis)
- Gabián común (Accipiter nisus)
- Tartaraña arpella (Circus aeruginosus)
- Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
- Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
- Gaivota chorona (Larus ridibundus)
- Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
- Lavandeira branca (Motacilla alba)
- Miñato común (Buteo buteo)
- Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
- Pardal común (Passer domesticus)
- Corvo viaraz (Corvus corone)
- Pega marza (Garrulus glandarius)
- Pega rabilonga (Pica pica)
- Mergullón pequeño (Tachybaptus ruficollis)

Especies aneladas:
- Píllara real (Charadrius hiaticula)
- Liorteiro común (Philomachus pugnax)
- Bilurico bailón (Actitis hypoleucos)
- Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
- Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
- Paporrubio común (Erithacus rubecula)
- Verderolo común (Carduelis chloris)
- Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
- Martiño peixeiro (Alcedo atthis)
- Picafollas cantor (Phylloscopus trochilus)
- Merlo común (Turdus merula)
- Azulenta común (Prunella modularis)
- Ferreiriño negro (Parus ater)
- Reiseñor da auga (Cettia cetti)
- Lavandeira branca (Motacilla alba)
- Pimpín (Firngilla coelebs)
Segue lendo...

Anelamento e observación de aves en Cecebre

Con motivo do Día Mundial das Aves, o domingo 6 de outubro pola mañá gozaremos cunha nova xornada de observación e anelamento a cargo do grupo de Anelamento Píllara. Terá lugar nos arredores do observatorio ornitolóxico de Crendes, Abegondo (ver mapa), no encoro de Cecebre.

Ademais de poder observar os paxaros na man, e descubrir detalles asombrosos, os aneladores ensinarannos cómo se anelan as aves, que caractéres se estudan, e para que sirven.



Informe sobre a xornada
Segue lendo...

EN 3-outubro: as palleiras, piratas do mar


Con motivo do día mundial das aves (5 de outubro), nos Encontros Naturalistas de outubro poderemos desfrutar da charla "As palleiras, piratas do mar".

O relatorio terá lugar o xoves 3 de outubro ás 20:30 h, e correrá a cargo de Antonio Sandoval, afamado ornitólogo que non precisa de presentación por ser de sobra coñecido.
Segue lendo...