70 alumnos do CEIP Pardo Bazán participan na custodia de praias

O martes 18 de xuño tivo lugar a primeira xornada do programa de Custodia de Praias do G. N. Hábitat. Máis de 70 alumnos do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña desprazáronse ata a praia de Alba (Sabón, Arteixo) para levar a cabo a retirada da uña de gato (Carpobrotus sp.); unha planta invasora procedente de Sudáfrica.

Esta iniciativa, na que tamén participaron a empresa Rincón Verde e o Concello de Arteixo, pretende facer ver aos rapaces as ameazas ás que están sometidas as praias, así como participar na súa mitigación.

Os participantes retiraron arredor de 2.000 kg desta planta, que serán xestionados polo Concello.

Galería de fotos de La Opinión de Coruña
Nova en La Opinión A Coruña
Nova en La Voz de Galicia
Segue lendo...

Nova liña de traballo: custodia de praias

A custodia do territorio pode definirse como un conxunto de estratexias e ferramentas que pretenden implicar á sociedade na conservación da natureza e a paisaxe. O interese por esta estratexia de conservación está a ter un incremento significativo nos últimos anos na sociedade en xeral, e dende o 2008 na galega en particular.

As praias son contornos naturais que abranguen unha elevada riqueza paisaxística, faunística e florística, desapercibida para moitos, e que debe ser coidada e protexida. Por desgraza, non son alleas ás alteracións que comprometen a persistencia dos seus valores naturais. Deste xeito, problemáticas como a presenza de especies exóticas (como é o caso, entre outras, do Carpobrotus), os vertidos de orixe industrial e o lixo presente nos areais, fan necesaria a posta en marcha de iniciativas co gallo de preservar unhas condicións óptimas nestes espazos que, en definitiva, son para o goce de todos.

Por este motivo, o G. N. Hábitat está a desenvolver o proxecto Custodia de Praias, establecendo alianzas con entidades e centros de ensino para favorecer a conservación dos areais baixo o marco da custodia do territorio, e a través da posta en marcha de accións coordinadas.


Para saber máis sobre este proxecto, podes consultar o resumo do informe de presentación. Segue lendo...

Resultados da xornada de limpeza de praias





Como xa sabedes, o pasado domingo día 9 de xuño membros e simpatizantes do G.N. Hábitat reunímonos finalmente na praia da Abeleira (concello de Paderne) -separada da praia da Alameda (concello de Miño) pola desembocadura do río Lambre- para levar a cabo a limpeza do areal, en resposta á convocatoria da "II limpeza simultánea de praias en Galicia (2013)" feita polo colectivo ADEGA, co motivo do día mundial dos océanos.

Grazas á participación puidéronse retirar un total estimado de 250 kg. de lixo da praia, principalmente restos plásticos, que supoñen un grave perigo para a flora e a fauna mariñas, alén do seu impacto visual.

Con este xesto, dende o G.N. Hábitat continuamos coa nosa implicación na conservación do contorno natural galego.

Grazas aos asistentes!. Agardámosvos na vindeira actividade.
Segue lendo...

Resultados do Test de Biodiversidade no encoro de Cecebre

Comprácenos comunicar que a diversidade total atopada no encoro de Cecebre na xornada do pasado día 1 de xuño de 2013, foi de 156 especies determinadas, das cales 126 foron determinadas no campo a nivel de especie:




AVES (42 especies determinadas)
Anas platyrhynchos, Tachybaptus ruficollis, Podiceps cristatus, Milvus migrans, Buteo buteo, Falco subbuteo, Larus michahellis, Columba livia, Columba palumbus, Streptopelia turtur, Apus apus, Picus viridis, Dendrocopos major, Delichon urbicum, Hirundo rustica, Troglodytes troglodytes, Prunella modularis, Erithacus rubecula, Saxicola torquatus, Turdus merula, Turdus philomelos, Cettia cetti, Cisticola juncidis, Hippolais polyglotta, Sylvia atricapilla, Sylvia melanocephala, Phylloscopus ibericus, Regulus ignicapilla, Aegithalos caudatus, Parus ater, Parus major, Certhia brachydactyla, Sturnus unicolor, Garrulus glandarius, Pica pica, Corvus corone, Passer domesticus, Passer montanus, Fringilla coelebs, Serinus serinus, Carduelis chloris, Pyrrhula pyrrhula.

MAMÍFEROS (2 especies determinadas)
Talpa occidentalis, Sciurus vulgaris.

ANFIBIOS (3 especies determinadas)
Hyla arborea, Pelophylax perezi, Discoglossus galganoi.

PEIXES (1 especie determinada)
Carassius auratus

INVERTEBRADOS (11 especies determinadas + 18 a nivel xénero ou superior = 29 especies)
Pararge aegeria, Vanessa atalanta, Cerambyx scopollii, Bombus terrestris, Bombus pasquorum, Apis mellifera, Polistes nimpha, Culex pipiens, Episyrphus balteatus, Cornu aspersum, Gerris lacustris; Cantharidae (sp.1), Tipula sp., Calliphora sp., Tettigonidae, Syrphidae (sp.1), Noctuidae (sp.1), Gammarus sp., Physidae (sp.1), Chironomidae (sp.1), Diptera (sp.1), Formicidae (sp.1), Caenidae (sp.1), Hymenoptera (sp.1), Coleoptera (sp.1), Coleoptera (sp.2), Mollusca (sp.1), Araneae (sp.1), Zygiella sp..
Segundo os grupos de macroinvertebrados recollidos na cola do río Mero (physidae, cladocera, caenidae, gerridae, chironomidae e culicidae), o estado das augas pode clasificarse, de xeito previsorio a falta dun estudo máis completo, como "deficiente" en función dunha clasificación que vencella a presenza dos diferentes grupos coa calidade das augas, resultando nunha xerarquización que diferencia 5 estados: "moi bo", "bo", "moderado", "deficiente" e "malo".

PLANTAS (62 especies determinadas + 12 a nivel xénero ou superior = 74 especies)
Quercus robur, Alnus glutinosa, Salix atrocinerea, Castanea sativa, Crataegus monogyna, Corylus avellana, Acer pseudoplatanus, Platanus x hispanica, Malus domestica, Camellia sinensis, Cupressus sempervirens, Pinus pinaster, Salix viminalis, Betula alba, Laurus nobilis, Pteridium aquilinum, Mentha aquatica, Rubus gr. ulmifolius, Rumex acetosa, Rumex bucephalus, Lamium maculatum, Urtica dioica, Silene dioica, Silene latifolia, Oenanthe crocata, Foeniculum vulgare, Dactylis glomerata, Trifolium arvense, Plantago intermedia, Lotus corniculatus, Blechnum spicant, Ulex europaeus, Lithodora prostrata, Cistus salviifolius, Cistus psilosepalus, Iris pseudacorus, Lupinus luteus, Vicia arvense, Ranunculus repens, Bidens aurea, Senecio jacobaea, Cirsium vulgare, Hedera hibernica, Chelidonium majus, Fumaria muralis, Polygonum capitatum, Prunus spinosa, Euphorbia helioscopia, Veronica persica, Sonchus oleraceus, Typha latifolia, Briza maxima, Avena barbata, Solanum tuberosum, Parietaria judaica, Umbilicus rupestris, Digitalis purpurea, Anagallis arvensis, Hydrangea macrophylla, Ligustrum vulgare, Vitis vinifera, Sambucus nigra; Malva sp., Festuca sp., Prunus sp., Phoenix sp., Trifolium sp., Asplenium sp., Schoenus sp., Juncaceae (sp.1), Angiosperma (sp.1), Angiosperma (sp.2), Angiosperma (sp.3), Angiosperma (sp.4).

LIQUES (4 especies)
Flavoparmelia caperata, Usnea subfloridana, Evernia prunastri, Xanthoria parietina.

FUNGOS (1 especie)
Trametes versicolor.

Moitas grazas a todos os asistentes!
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 22 xuño: bolboretas no Courel


A actividade de Encontros Naturalistas prevista para o mes de xuño será o Training Day de bolboretas no Courel, organizado en colaboración con Saramaganta e a Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Un Training Day é unha xornada de campo sobre un grupo de flora ou fauna determinado, en compañía dun experto, co obxectivo de ampliar os coñecementos, sobre todo prácticos, sobre ese grupo.

O sábado 22 de xuño aprenderemos sobre as bolboretas diúrnas (lepidópteros) que habitan no Courel da man de José Álvarez Gándara e Rafael Estévez. O lugar e hora de encontro será ás 10 h. no camping de Esperante (Folgoso do Courel)
Segue lendo...

I Xornada de Iniciación á Ornitoloxía



O 21 e 22 de xuño terá lugar no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) a I Xornada de Iniciación á Ornitoloxía organizada polo CEIDA coa colaboración da SGO. O obxectivo é achegar ao público en xeral o mundo da ornitoloxía, facendo especial fincapé nas aves mariñas da Costa de Oleiros.

Programa
Venres 21 xuño
16:00 h. Introdución á ornitoloxía. Cosme Damián Romai, biólogo e membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía e Hábitat.
17:00 h. Onde e como ver aves. Cosme Damián Romai, biólogo e membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía e Hábitat.
18:00 h. Descanso.
18:30 h. Migracións de aves mariñas por Galicia. Antonio Sandoval, ornitólogo e membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
19:30 h. Os acantilados da Costa de Dexo e as súas aves. Sergio París, técnico ambiental e secretario da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Sábado 22 xuño
10:00 h. Saída ornitolóxica pola Costa de Dexo.

Máis información: www.ceida.org
Segue lendo...

Limpeza da praia da Alameda. Domingo 9 de xuño do 2013

En resposta á organización da "II limpeza simultánea de praias en Galicia (2013)" da man de ADEGA, fixada para a vindeira fin de semana co motivo da celebración o sábado día 8 de xuño do día mundial dos océanos. O G.N. Hábitat súmase á iniciativa e convoca a todos os interesados, simpatizantes e socios, a participar na limpeza da praia da Alameda.



Durante a xornada farase unha limpeza do lixo presente no areal, prestando especial atención aos plásticos, e aproveitaremos para ver e analizar a flora e fauna que nos acompaña neste contorno, e que xa nos ten agasallado con fermosas panorámicas de especies tan emblemáticas como a Aguia pescadora.

A praia atópase na desembocadura do río Lambre na ría de Betanzos, na localidade de A Ponte do Porco (Concello de Miño). O punto e hora de encontro será ás 10:30 no areal da mesma praia, e a xornada estenderase ata as 13 horas. Aconséllase a todos os participantes vir preparados con roupa cómoda (tamén algo impermeable para a posible chuvia), luvas, auga e algo de comida.

A xornada é de balde e aberta ao público en xeral. De tódolos xeitos, o G.N. Hábitat agradece a confirmación dos asistentes mediante un mail a gnhabitat@yahoo.es, co asunto "Asistencia" e o nome e apelidos dos asistentes no corpo do mail, ou chamando ao 981 135 014.

Animádevos a participar!
Segue lendo...