Retirados arredor de 3700 kg de Carpobrotus na praia de Alba (Sabón, Arteixo)

O pasado domingo 26 de maio tivo lugar a retirada da planta invasora Carpobrotus sp. da praia de Alba (Arteixo), grazas á colaboración do Servizo de Medio Ambiente do Concello de Arteixo e das 40 persoas de todas as idades (nenos, mozos e adultos), que traballaron ao longo da mañá.

O Carpobrotus sp. é unha especie de planta orixinaria de Sudáfrica. Atópase espallada polo litoral de toda España, e está a ter unha tendencia expansiva e un marcado carácter invasor, chegando a facer desaparecer á vexetación autóctona.

Coa axuda dos participantes puidéronse retirar uns 3700 kg de Carpobrotus sp. que ocupaban unha área estimada de 136 m2 de dunas. Ademáis dunha cantidade salientable, que excedeu as expectativas dos organizadores, representa unha nova moi positiva dende un punto de vista ambiental, xa que elimina a presión que exercía esta planta sobre as especies autóctonas, e permitirá o seu desenvolvemento e a recolonización da duna.


O G. N. Hábitat quere agradecer novamente ao Concello de Arteixo a súa colaboración e as facilidades brindadas para o desenvolvemento desta actividade, e por suposto, a todos os voluntarios que participaron altruistamente aportando o seu tempo e esforzo.

O material retirado foi depositado nun contedor en un camión facilitados polo Concello de Arteixo, quen se encargará da xestión destes residuos.

Segue lendo...

1 de xuño: Test de Biodiversidade no Encoro de Cecebre


Hábitat ven de colaborar co CEIDA na organización desta actividade dirixida a todos os interesados en coñecer a diversidade paisaxística e natural do encoro de Cecebre.

O obxectivo é fotografar paisaxe, flora, fauna, etc, e fomar con esas fotos un catálogo da biodiversidade de Cecebre na plataforma dixital Biodiversidad Virtual.

Tamén contaremos cunha xornada de anelamento científico a cargo do Grupo de Anelamento Píllara, para achegar esta actividade ao público xeral a facilitar o achegamento aos paxariños que habitan no contorno do encoro.

Non é preciso ter coñecementos de fotografía nin das especies presentes na zona, xa que un grupo de expertos determinará ditas especies en base ás fotografías que se tomen.

Data: sábado 1 de xuño de 2013.
Lugar: encoro de Cecebre (Abegondo).
Inscrición de balde no CEIDA
Segue lendo...

Censo de aves urbanas da Coruña

Durante todo o mes de maio estamos a desenvolver o censo de aves urbanas da Coruña, e toda axuda será ben recibida!

O censo consiste en buscar indicios de cría (machos territoriais, adultos con material para facer o niño, adultos con bicada, niños…) das seguintes especies de paxaros que se sabe que crían ou criaron na cidade:

Inclúense no censo estas outras dúas especies, das que non se ten constancia de cría na cidade da Coruña, pero que poderían criar:
A metodoloxía é moi sinxela: facer alomenos unha visita a 1 barrio (zona) dunha mesma cuadrícula (o ideal é entre 1 e 3 barrios por cuadrícula) entre o 1 e o 31 de maio, desde unha hora despois do amencer ata as 13:00 h oficial. As visitas aos barrios dunha cuadrícula pódense facer no mesmo día ou en días diferentes, a ser posible sen vento forte nin choiva.

As observacións realizadas haberá que anotalas nunha ficha sinxela, aquí tes o exemplo da ficha para a cuadrícula número 9.

Para confirmar a túa participación, só tes que enviar un mail a gnhabitat@yahoo.es co asunto “URBANAS”, indicando a cuadrícula do mapa que che interesa. Remitirémoste unha ficha coa ortofoto e o mapa en branco da mesma, para que poidas anotar as observacións.

Grazas por participar!
Segue lendo...

Encontros Naturalistas 26maio: retirada de Carpobrotus en Arteixo


Comprácenos anunciarvos que o Domingo 26 de Maio ás 9:45h. terá lugar a vindeira actividade de "Encontros Naturalistas" que o GN Hábitat organiza mensualmente, e na que se organizan periódicos espazos de achega científica.

Nesta ocasión, e como xa vimos organizando dende a asociación fai tempo, teremos unha actividade de campo ao longo de toda a mañá que consistirá na retirada da planta invasora Carpobrotus sp. na praia de Alba (Arteixo). O Carpobrotus, tamén coñecido como uña de gato, é un xénero orixinario de Sudáfrica que chegou a España como planta ornamental. Propia de ambientes marítimos, soporta moi ben a salinidade e foi utilizada para fixar dunas e rochedos nas zonas litorais. Actualmente atópase ao longo de toda a costa da Península Ibérica, e a súa tendencia é expansiva e de marcado carácter invasor, chegando a formar unha densa manta que cobre toda a superficie, competindo, desprazando e chegando a facer desaparecer á vexetación autóctona a causa dos seus impactos.

Para a realización desta actividade o GN Hábitat goza de todas as autorizacións necesarias expedidas polas diferentes autoridades competentes. Asemade, o Concello de Arteixo colaborará activamente no desenvolvemento da actividade, facilitando luvas e outros recursos materiais aos asistentes, ademais do transporte e eliminación dos restos que se vaian xuntar.

O punto de encontro será o aparcadoiro situado ao pé da praia de Alba (tamén coñecida como praia de Sabón), na data e hora sinaladas, ao que cada participante deberá chegar polos seus propios medios. A xornada comezará cunha pequena charla introdutoria sobre a problemática deste xénero e a metodoloxía da retirada manual que se levará a cabo, logo desta pasarase directamente a facer o arrincado da planta.

A actividade está pensada para que xentes de todas as idades poidan participar na mesma sen ningún problema. Nenos, mozos e adultos poderemos gozar dunha xornada de campo na que o obxectivo principal será o de xerar unha corrente de coñecemento e preocupación polo medio natural en xeral, e galego en particular, a través dunha actividade de mellora ambiental. Con todo, aconséllase vir preparados con roupa cómoda, calzado axeitado, comida e auga para pasar a mañá. Confiaremos en ter bo tempo, pero de non ser así vide preparados para a choiva. Do mesmo xeito, e aínda que haberá material para a retirada, todo aquel que poda traer luvas ou outro material, que o faga, deste xeito optimizaremos o reparto do material.

O aforo nesta actividade non estará limitado. Aínda así, e para poder organizala do mellor xeito posible, pregamos confirmedes a vosa asistencia no e-mail do grupo (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "ASISTENCIA" e o nome dos asistentes.

Agardamos contar coa vosa presenza!

Colabora:

Segue lendo...