A Mobella nº 19 (2012) en PDF

Xa está dispoñible na sección "A Mobella" desta páxina web o número 19 do boletín anual editado por Hábitat.

A portada vai dedicada ao Caracol de Quimper Elona quimperiana, gasterópodo que habita en bosques caducifolios maduros da Bretaña francesa e do cordal cantábrico, e que pola súa distribución limitada está catalogado como "En Perigo de Extinción" en Galicia polo Decreto 88/2007 (Catálogo galego de especies ameazadas).

É característica a súa cuncha castaña con pintas escuras, fina, traslúcida, e aplanada por ambas caras. Nos adultos a abertura da cuncha (peristome) está bordeada cun marcado beizo. Segue lendo...

Comunicado da Xunta Directiva respecto ao proxecto mineiro de Corcoesto

Estimados compañeiros,

A Xunta Directiva quere informar a todos os interesados do resumo da situación e postura do GN Hábitat respecto ao proxecto mineiro de Corcoesto:
  • O GN Hábitat non mantivo, nin mantén nin ten previsto manter ningún tipo de vinculación contractual ou económica coa empresa Edgewater Exploration, nin ningunha empresa asociada a explotación proxectada en Corcoesto.
  • A XD do GN Hábitat ten en consideración o risco potencial dunha instalación mineira augas arriba do esteiro do Anllóns, e por iso non apoia dito proxecto e manifesta a súa preocupación de que, se se pon en marcha, non se tomen as medidas necesarias para eliminar os riscos ambientais que se derivan do proxecto.
  • O GN Hábitat, ata onde a súa Xunta Directiva ten constancia, é o único grupo conservacionista, e quizais a única asociación de calquera tipo, que estivo aberta a escoitar as opinións, así como os datos técnicos de todas as partes implicadas no debate sobre a explotación.
  • A XD do GN Hábitat defende a liberdade de opinión e de expresión e rexeita os métodos cohercitivos, falsedades, ameazas e inxurias como forma de comunicación, e rexeita, así mesmo, a quen os emprega para dirixir a opinión pública ou privada cara o seu obxectivo.
  • A XD do GN Hábitat quere agradecer a todas as persoas consultadas a súa actitude positiva e constructiva, así como a valiosa información aportada ao grupo.
  • A XD do GN Hábitat ten previsto manter a actitude e forma de traballo levada a cabo dende o coñecemento deste proxecto, mantendo liñas abertas de comunicación con todos os implicados, consultando as dúbidas e cuestións técnicas que nos sobrepasan con expertos e baixando a pé de campo a coñecer o que sucede na zona.




Firmado: a Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat.
Segue lendo...

Resultados de CoruñAves 2013 (IV Maratón Ornitolóxica no Concello da Coruña)


Con bo tempo e moitas ganas, celebrouse o pasado Domingo día 3 de Febreiro a que foi a “IV Maratón Ornitolóxica no Concello da Coruña”, actividade organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e co apoio, unha vez máis, de FotoArtús. Nesta edición, e baixo o nome de CoruñAves 2013, propuxémonos novamente identificar o maior número posible de especies de aves dentro dos límites do concello ao longo de toda a maña.
Nesta ocasión contamos cun total de 15 participantes que foron divididos nun total de 3 equipos de 5 integrantes cada un. Cada un dos equipos foi dirixido por ornitólogos afecionados –membros todos eles da Xunta Directiva do G.N.Hábitat-, coñecedores das aves do entorno e que fixeron de guías dos grupo, co gallo de cumprir a fin divulgadora desta actividade.

Os integrantes dos equipos foron:
  •          Equipo 1: Oscar Vázquez (guía), Juan Fernández, Silvia Álvarez, Ramón Fernández Souto e Ibrahim.
  •      Equipo 2: Santiago Vázquez (guía), Miriam Rodríguez, Ainhoa Mendizábal, Marta Rey e o seu fillo Eduardo Álvarez.
  •          Equipo 3: Roberto Vidal (guía), Nélida Pereira, Andrés Rodríguez, Fernando Martínez-Gil e o seu fillo Mateo.

As 9:30 da mañá daba comezo a maratón, momento no que cada grupo collía os seus aparellos ópticos e guías e apresurábase a anotar todas as especies que ían aparecendo ao seu paso.
As observación feitas por todos os grupos acadaron resultados moi salientables, cun total de 45 especies vistas dentro do concello durante a actividade. Nesta ocasión destacou a presenza de especies como a Pica costeira (Anthus petrosus) ou o Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), entre outras moitas. 14 das especies foron vistas por só un dos equipos, levando por elo 3 puntos por especie cada equipo; 6 especies foron vistas por dous dos tres equipos participantes, levando cada un deles 2 puntos por especie; e, finalmente, 25 especies foron vistas por os tres equipos, levando cada un 1 punto por especie.
O equipo gañador foi o Equipo 2, que coas súas 39 especies vistas acadou un total de 62 puntos. En segundo lugar quedaría o Equipo 3, con 32 especies vistas e 42 puntos acumulados. Finalmente, o Equipo 1 rexistrou 30 especies e sumou un total de 37 puntos,  quedando moi preto do Equipo 3.
Como é costume, o equipo gañador recibiu un agasallo en forma de lote de productos, que incluía: calendarios do G.N.Hábitat 2013, Licor café e Augardente de Herbas caseiro, Mel caseiro, libros, etc.

Moitas grazas aos asistentes. Vémonos na vindeira actividade.








Segue lendo...