3 de febreiro: CoruñAves 2013

Xa está aquí a IV edición da maratón ornitolóxica no Concello da Coruña organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que terá lugar o domingo 3 de febreiro. Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé). Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación. A continuación detállanse as bases, que podes descargar en formato PDF AQUÍ. Bases 1. Participantes: poderán participar na maratón “Coruñaves 2013” todas aquelas persoas que o desexen. Formaranse equipos de mínimo 2 participantes, segundo o número de inscritos. 2. Inscrición: a inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata dous días antes da celebración da maratón, isto é, ata o 1 de Xaneiro. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo e datos de contacto (e-mail e teléfono). 3. Localización: só se permitirá ver aves dentro dos límites do municipio da Coruña. Para a zona marítima, considerarase a metade occidental da ría da Coruña e mar aberto. Da ría do burgo, soamente a zona pertencente ao concello da Coruña (metade oeste da zona externa da ría, dende a ponte da pasaxe). Serán válidos os avistamentos mar afora da costa norte do municipio, sen límite de distancia. O punto de saída e de chegada será o local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas nº 8 (baixo) da Coruña (a 150 m da Domus). 4. Horario: os participantes deberán presentarse no local do Grupo ás 9.00 h, para organizar os grupos, repartir o material e lembrar as normas. A saída será ás 9.30 h. O prazo para ver aves estenderase ata as 13.30 h, momento no que deberán presentarse de novo no local do Grupo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso (incluso duns poucos minutos) supón a descualificación do equipo. 5. Material: permitirase o uso de prismáticos e/ou telescopio, así como cámaras fotográficas. Cada participante achegará o seu material, agás a ficha para anotar as observacións que será facilitada por Hábitat. Pola súa parte, o G.N.Hábitat xunto coa colaboración de Foto Artús aportarán material óptico e guías de campo para a realización da actividade. 6. Medios de transporte e comportamento: aconséllase facer uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (isto é, bus urbano, bicicleta ou a pé), que non terán penalización. O uso do coche particular terá unha penalización de 1 punto por cada 5 quilómetros percorridos durante a realización da actividade. Os participantes deberán ser respectuosos co contorno e non molestar á fauna nin prexudicar á flora. 7. Especies válidas e sistema de puntuación: terán validez só as especies vistas e/ou escoitadas por todos os membros do equipo dentro do municipio da Coruña. Todas as especies deben ser anotadas na lista impresa facilitada por Hábitat. Ao finalizar a maratón, contabilizaranse todas as especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito: • 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes. • 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes. • 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos. Non se terán en conta as especies domésticas, exóticas e/ou escapadas. Do mesmo xeito, as subespecies identificadas no campo computarán coma especie no momento da puntuación. 8. Reconto de especies e puntos: ás 13.30 h no local do Grupo terá lugar o reconto de especies detectadas por cada equipo, a asignación de puntos e a declaración do equipo gañador. No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo empatado para resolver o empate. 9. Premio: o equipo gañador será agasallado cunha cesta de produtos “Hábitat”. 10. A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases. Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat@yahoo.es - 981 135 014). Segue lendo...

18 xaneiro - charla: Dous anos de Fragas do Mandeo


O vindeiro venres 18 de xaneiro ás 20:00 h terá lugar a charla "Dous anos de Fragas do Mandeo: o fondo de conservación da natureza das Mariñas", no Museo de Historia Natural de Ferrol, e a cargo de Fernando Bandín.

Nela tratarase o papel da custodia do territorio como instrumento na conservación da natureza, e os seus avances na preservación da biodiversidade de As Mariñas.
Segue lendo...

11 xaneiro Coloquio: entón, para que serven as aves?


Este venres 11 de xaneiro contaremos coa presenza de Antonio Sandoval, afamado ornitólogo que non precisa de presentación por ser de sobra coñecido. No coloquio falaranos do seu recén publicado libro "¿Para qué sirven las aves?", e desgranará algunhas das historias e anécdotas que nel se relatan. Segue lendo...