13-11-2002

O 13 de novembro de 2002, hai hoxe 11 anos, a raíz dunha vía de auga, o petroleiro de casco simple Prestige comezou a perder fuel fronte ás costas de Galicia, á altura de Cabo Fisterra. Seis días despois, afundiuse a 150 millas da costa, ao suroeste de dito cabo, e a 3.800 m de profundidade.

En total, vertéronse 64.000 das 77.000 toneladas de fuel-oil pesado que transportaba, que se esparexeron polo Atlántico nororiental, afectando en diferente medida á costa comprendida entre o norte de Portugal e o sur de Francia.

De toda a costa afectada polo verquido do Prestige, o litoral galego sufriu o maior impacto, especialmente a zona noroccidental (provincia da Coruña), que recibiu catro mareas negras importantes entre mediados de novembro e principios de xaneiro, aínda que a presenza de fuel nas costas prolongouse ata mediados de 2003.

Hoxe lerase a sentenza do xuízo por este accidente, mais de pouco servirá, xa que os barcos seguirán navegando con bandeiras de conveniencia, os controis seguirán sendo papel mollado e os políticos e xestores seguirán tomando decisións a para salvar o seu posto e mirando polo seu propio ben, antes que facer as cousas polo ben común.

O que podemos facer é fornecer información do que aconteceu, para, polo menos, aprender do ocorrido, e agardar que, no caso de se repetir un desastre similar, se fagan as cousas mellor.

  • Ano de construción do buque: 1976
  • País do propietario e do fletador: Liberia
  • Pabellón: Bahamas
  • Cantidade verquida : 64.000 toneladas de fuel oil pesado
  • Aves recollidas nas costas de Portugal a Francia: 17.061 mortas e 6.120 vivas
  • Estima de mortandade de aves: 115.000 - 300.000 aves
Documentos:

No hay comentarios: