Os máis pequenos de Paderne descubren as aves





O pasado día 9 de outubro de 2013, baixo o marco da proposta “Dinamización dos observatorios ornitolóxicos do Proxecto Mandeo promovidos pola deputación da Coruña” elaborada polo G.N. Hábitat, coa que se pretende mostrar aos nenos das escolas a riqueza ornitolóxica presente no seu contorno máis próximo, aproveitando para poñer en valor uns recursos materiais xa existentes para o goce da natureza, o persoal do G.N.Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha actividade de campo cos nenos dos centros escolares do Concello de Paderne.

Á xornada, dirixida aos alumnos das escolas infantís de Souto, Areas e A Viña, acudiron 25 nenos destes centros, que gozaron do campo e das aves dende unha perspectiva totalmente nova para eles. Á mesma, acudiron tamén os representantes do Concello e docentes dos devanditos centros, que gozaron igualmente das actividades desenvolvidas.

Ao longo de toda a mañá foron moitas as cuestións que se puideron abordar: mostrar aos asistentes o procedemento de recollida de aves mediante redes de captura, explicar o proceso, importancia e características do anelamento científico de aves, achegar a riqueza e diversidade de especies presentes na ría de Betanzos e ensinar o manexo dos prismáticos e telescopios para gozar da natureza. Todas elas foron seguidas con grande expectación, sobre todo polos rapaces! que malia súa pequena idade (duns 6 anos de media), fixeron gala dun enorme interese en coñecer todas aquelas especies de aves que viñan aparecendo ante os seus ollos.

Como resume da xornada, e grazas aos esforzos aplicados, puidéronse anelar un total de 33 exemplares de aves pertencentes a 10 especies diferentes, que fixeron as delicias de adultos e nenos.

As especies aneladas foron:
- Azulenta común (Prunella modularis)
- Paporrubio común (Erithacus rubecula)
- Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
- Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
- Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
- Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
- Merlo común (Turdus merula)
- Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
- Reiseñor da auga (Cettia cetti)
- Ferreiriño común (Parus ater)

Dende o G.N. Hábitat queremos agradecer os esforzos invertidos por todos os implicados na organización (persoal do Concello de Paderne e docentes dos centros), e moi especialmente aos verdadeiros protagonistas da xornada: os nenos e nenas que viñeron a gozar connosco da natureza! A todos eles, moitas grazas!

No hay comentarios: