Encontros Naturalistas 26maio: retirada de Carpobrotus en Arteixo


Comprácenos anunciarvos que o Domingo 26 de Maio ás 9:45h. terá lugar a vindeira actividade de "Encontros Naturalistas" que o GN Hábitat organiza mensualmente, e na que se organizan periódicos espazos de achega científica.

Nesta ocasión, e como xa vimos organizando dende a asociación fai tempo, teremos unha actividade de campo ao longo de toda a mañá que consistirá na retirada da planta invasora Carpobrotus sp. na praia de Alba (Arteixo). O Carpobrotus, tamén coñecido como uña de gato, é un xénero orixinario de Sudáfrica que chegou a España como planta ornamental. Propia de ambientes marítimos, soporta moi ben a salinidade e foi utilizada para fixar dunas e rochedos nas zonas litorais. Actualmente atópase ao longo de toda a costa da Península Ibérica, e a súa tendencia é expansiva e de marcado carácter invasor, chegando a formar unha densa manta que cobre toda a superficie, competindo, desprazando e chegando a facer desaparecer á vexetación autóctona a causa dos seus impactos.

Para a realización desta actividade o GN Hábitat goza de todas as autorizacións necesarias expedidas polas diferentes autoridades competentes. Asemade, o Concello de Arteixo colaborará activamente no desenvolvemento da actividade, facilitando luvas e outros recursos materiais aos asistentes, ademais do transporte e eliminación dos restos que se vaian xuntar.

O punto de encontro será o aparcadoiro situado ao pé da praia de Alba (tamén coñecida como praia de Sabón), na data e hora sinaladas, ao que cada participante deberá chegar polos seus propios medios. A xornada comezará cunha pequena charla introdutoria sobre a problemática deste xénero e a metodoloxía da retirada manual que se levará a cabo, logo desta pasarase directamente a facer o arrincado da planta.

A actividade está pensada para que xentes de todas as idades poidan participar na mesma sen ningún problema. Nenos, mozos e adultos poderemos gozar dunha xornada de campo na que o obxectivo principal será o de xerar unha corrente de coñecemento e preocupación polo medio natural en xeral, e galego en particular, a través dunha actividade de mellora ambiental. Con todo, aconséllase vir preparados con roupa cómoda, calzado axeitado, comida e auga para pasar a mañá. Confiaremos en ter bo tempo, pero de non ser así vide preparados para a choiva. Do mesmo xeito, e aínda que haberá material para a retirada, todo aquel que poda traer luvas ou outro material, que o faga, deste xeito optimizaremos o reparto do material.

O aforo nesta actividade non estará limitado. Aínda así, e para poder organizala do mellor xeito posible, pregamos confirmedes a vosa asistencia no e-mail do grupo (gnhabitat@yahoo.es) co asunto "ASISTENCIA" e o nome dos asistentes.

Agardamos contar coa vosa presenza!

Colabora:

No hay comentarios: