3 de febreiro: CoruñAves 2013

Xa está aquí a IV edición da maratón ornitolóxica no Concello da Coruña organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que terá lugar o domingo 3 de febreiro. Esta actividade lúdica consiste en ver por equipos o maior número de especies de aves posible dentro do municipio da Coruña, utilizando material óptico (prismáticos/telescopio) e medios de transporte respectuosos co entorno (bus urbano, bicicleta ou a pé). Quedarase no local do Grupo, na rúa Camariñas 8, baixo (a 150 m da Domus) ás 9 da mañá. O prazo para ver aves será ata as 13.30 h, momento no que haberá que presentarse no local para facer o reconto de especies e declarar o equipo gañador, que levará un pequeno agasallo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso supón a descalificación. A continuación detállanse as bases, que podes descargar en formato PDF AQUÍ. Bases 1. Participantes: poderán participar na maratón “Coruñaves 2013” todas aquelas persoas que o desexen. Formaranse equipos de mínimo 2 participantes, segundo o número de inscritos. 2. Inscrición: a inscrición é gratuíta e o prazo estará aberto ata dous días antes da celebración da maratón, isto é, ata o 1 de Xaneiro. Realizarase por teléfono (981 135 014) ou correo electrónico (gnhabitat@yahoo.es), indicando nome completo e datos de contacto (e-mail e teléfono). 3. Localización: só se permitirá ver aves dentro dos límites do municipio da Coruña. Para a zona marítima, considerarase a metade occidental da ría da Coruña e mar aberto. Da ría do burgo, soamente a zona pertencente ao concello da Coruña (metade oeste da zona externa da ría, dende a ponte da pasaxe). Serán válidos os avistamentos mar afora da costa norte do municipio, sen límite de distancia. O punto de saída e de chegada será o local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas nº 8 (baixo) da Coruña (a 150 m da Domus). 4. Horario: os participantes deberán presentarse no local do Grupo ás 9.00 h, para organizar os grupos, repartir o material e lembrar as normas. A saída será ás 9.30 h. O prazo para ver aves estenderase ata as 13.30 h, momento no que deberán presentarse de novo no local do Grupo. É moi importante chegar puntual, xa que un retraso (incluso duns poucos minutos) supón a descualificación do equipo. 5. Material: permitirase o uso de prismáticos e/ou telescopio, así como cámaras fotográficas. Cada participante achegará o seu material, agás a ficha para anotar as observacións que será facilitada por Hábitat. Pola súa parte, o G.N.Hábitat xunto coa colaboración de Foto Artús aportarán material óptico e guías de campo para a realización da actividade. 6. Medios de transporte e comportamento: aconséllase facer uso de medios de transporte ambientalmente sostibles (isto é, bus urbano, bicicleta ou a pé), que non terán penalización. O uso do coche particular terá unha penalización de 1 punto por cada 5 quilómetros percorridos durante a realización da actividade. Os participantes deberán ser respectuosos co contorno e non molestar á fauna nin prexudicar á flora. 7. Especies válidas e sistema de puntuación: terán validez só as especies vistas e/ou escoitadas por todos os membros do equipo dentro do municipio da Coruña. Todas as especies deben ser anotadas na lista impresa facilitada por Hábitat. Ao finalizar a maratón, contabilizaranse todas as especies detectadas, que puntuarán do seguinte xeito: • 3 puntos por cada especie vista só por un dos equipos participantes. • 2 puntos por cada especie vista só por dous dos equipos participantes. • 1 punto por cada especie vista por tres ou máis equipos. Non se terán en conta as especies domésticas, exóticas e/ou escapadas. Do mesmo xeito, as subespecies identificadas no campo computarán coma especie no momento da puntuación. 8. Reconto de especies e puntos: ás 13.30 h no local do Grupo terá lugar o reconto de especies detectadas por cada equipo, a asignación de puntos e a declaración do equipo gañador. No caso de empate no número de puntos, valorarase a cantidade de especies vistas exclusivamente por cada equipo empatado para resolver o empate. 9. Premio: o equipo gañador será agasallado cunha cesta de produtos “Hábitat”. 10. A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases. Calquera dúbida ou cuestión que aconteza e non estea recollida nas mesmas será aclarada pola Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat (gnhabitat@yahoo.es - 981 135 014).

No hay comentarios: